Álvarez presenta como exemplo da ausencia de Feijóo que non reciba a Formoso

Luis Álvarez. / Mundiario
Luis Álvarez. / Mundiario
O portavoz do PSdeG - PSOE censura que Feijóo “non exerce de presidente”, provocando “o goberno máis interino que nunca na peor das situacións da historia da nosa comunidade autónoma”.
Álvarez presenta como exemplo da ausencia de Feijóo que non reciba a Formoso

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe que Alberto Núñez Feijóo “xa non exerce de presidente dos galegos e das galegas” e presentou como exemplo da ausencia de Feijóo que non reciba a Valentín González Formoso. O responsable socialista comparou a intensa axenda despregada polo "presidente do Estado" (sic), Pedro Sánchez, para que a Comisión Europea desbloqueara as medidas enerxéticas para España e Portugal e o paquete de 16.000 millóns de euros en axudas coa pasividade do Goberno galego. Pedro Sánchez é, en realidade, presidente do Goberno, xa que o Estado non ten presidente.

Álvarez criticou que Feijóo se demostre “ausente” e “renunciando ao seu papel de presidente da Xunta, un Executivo de perfil ante os problemas, un goberno máis interino que nunca na peor das situacións que temos vivido na historia da nosa Autonomía”. Advertiu que o PPdeG unicamente estea “preocupado pola sucesión de Feijóo”, mentres “milleiros de transportistas temen polo seu futuro, os gandeiros e os pescadores están asfixiados”.

Luis Álvarez lamentou que con esta actitude está a deixar claro que “para o PP o primeiro é o funcionamento orgánico do partido, e en segundo lugar –no mellor dos casos- deixan os problemas dos galegos e das galegas”, antes de admitir que “é algo que doe, ademais de ser inaudito”. Advertiu que a gravidade da situación “esixe dar o mellor de nós” e “estar ao carón da xente”, que o está a pasar mal.

Tamén lamentou as “medidas meramente cosméticas” con “moi pouco impacto económico” do goberno galego, que ten a desfachatez de “raiar o insulto” aos sectores afectados ofrecendo “un bono turístico”. Comparou estas iniciativas cos 6.000 millóns en axudas directas e incentivos fiscais ou a liña de 10.000 millóns a través do Instituto de Crédito Oficial desbloqueados polo Executivo central para facer fronte ao impacto da crise.

“A que agarda Feijóo para comprometer cantidades importantes mais alá de meros anuncios?”, preguntou o portavoz socialista antes de esixirlle que “deixe de actuar de forma interina e poña ao seu goberno a traballar”. Luis Álvarez lembroulle que a súa “obriga” é precisamente “darlle solución aos problemas dos galegos e das galegas”, e en ningún caso “utilizar á Xunta como instrumento alternativo ao Congreso ou o Senado, onde non está”.

Formoso leva dúas semanas agardando

Luis Álvarez presentou como exemplo desta ausencia do presidente da Xunta que o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, leve dúas semanas agardando a calquera tipo de resposta á solicitude de reunión co presidente da Xunta para acordar medidas fronte á situación actual. Lamento que non tivera “nin a máis mínima cortesía” de “cando menos responder dando por recibida a petición e buscar algún momento para desenvolver o encontro”.

Esixiulle “corresponsabilidade” cun partido que “goberna a máis da metade dos galegos e das galegas” a través dos concellos galegos e que “merecería o respecto de Feijóo”. A situación é de tal gravidade, engadiu, que o propio PSdeG viuse obrigado a repetir a petición de entrevista co presidente da Xunta o pasado venres e, reiterou, “insisto en que hai formas e formas de gobernar”. @mundiario

Comentarios