A saída de Feijóo

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
O hiperliderado de Alberto Núñez non vai ter continuidade porque as persoas que poden protagonizar o relevo no PPdG carecen das condicións necesarias para repetir algo semellante.

A hipótese -tantas veces manexada- do desprazamento de Feijóo á política estatal xa está confirmada. O dirixente do PPdG vai ser aclamado como presidente estatal do seu partido despois de participar nun espectáculo cainita que permitiu visualizar as peores prácticas imaxinábeis no ámbito da política.

Pablo Casado foi destituído sen que houbera o mínimo debate sobre eventuais diferenzas a respecto das liñas tácticas ou estratéxicas que debería seguir o PP no actual panorama da política española. A confrontación ficou reducida a unha obscena disputa polo poder interno no que foron utilizadas, sen escrúpulos, todas as armas dispoñíbeis: mentiras, cinismo argumental e participación activa dos medios de comunicación mais afíns a Díaz Ayuso para provocar a dimisión do presidente do PP e reclamar a chegada do “salvador” presidente da Xunta.

Todo o que se ten vivido, nestes días, no ámbito dun dos partidos con maior apoio electoral a nivel estatal posúe unha notábel transcendencia porque afecta á credibilidade da actividade política e arruína o carácter exemplificador que debería ofrecer o comportamento das organizacións partidarias que actúan no actual marco constitucional.

Dende o seu despacho da rúa Génova, Feijóo terá que afrontar algúns asuntos que posúen unha dificultade superior á que tivo que aturar durante os últimos dez anos da súa carreira política. O catálogo das realidades incómodas vai dende a dinámica ascendente de Vox no universo electoral da dereita ate a lóxica trumpista que practica habitualmente Díaz Ayuso pasando pola persistente corrupción que habita en moitas estancias do PP -focalizada, singularmente, na Comunidade de Madrid- e pola presenza dun sistema mediático diferente ao galego. A benevolencia informativa da que disfrutou o político dos Peares vai ser substituída por maiores doses de crítica e por unha descarnada pretensión de tutela daqueles sectores que apoian con maior determinación a liña política de Ayuso.

Se no ámbito estatal, o movemento de Feijóo abre importantes incertidumes a respecto do ciclo que xa comezou nos comicios de Castela e León -e que seguirá, nos vindeiros meses coa cita de Andalucía e coas eleccións locais, autonómicas e xerais-; no caso da política galega multiplícanse as incógnitas. O hiperliderado de Alberto Núñez construído a partir de 2006 non vai ter continuidade porque as persoas que poden protagonizar o relevo na presidencia do PPdG e da Xunta carecen das condicións necesarias para intentar algo semellante nos prazos que marcan os calendarios electorais. As dúbidas sementadas sobre o momento no que se vai facer efectivo o abandono das responsabilidades gobernamentais en San Caetano resultan ilustrativas da conciencia sobre os riscos desta inevitábel transición na sala de máquinas do partido que ven hexemonizando a vida política galega nas últimas décadas.

A pretensión de compatibilizar a presidencia do PP coa dirección do Executivo galego non se compadece coas regras non escritas dun sistema democrático de calidade e altera gravemente a lóxica do funcionamento institucional do Estado das Autonomías. O respeto pola legalidade non debe ser o único criterio para xulgar a pertinencia das decisións adoptadas. Mais aínda: se Feijóo quixera  ser totalmente congruente coas mensaxes que ven emitindo dende hai anos debería convocar ao corpo electoral galego para que puider manifestar as súas preferencias sobre o relevo nas institucións de autogoberno. Non está en discusión o carácter legal do que se vai facer (elección no Parlamento galego dunha persoa proposta polo grupo maioritario): tratase de ver que sería mais pertinente para dotar de maior lexitimidade democrática ao proceso de substitución dunha figura que, deliberadamente, quixo establecer un contrato directo cos votantes por riba das propias siglas da súa organización.

O mesmo partido que cuestionou dende o primeiro minuto a lexitimidade do goberno presidido por Pedro Sánchez e que non tivo reparos en provocar o adiantamento dos comicios de Madrid e de Castela e León para obter beneficios particulares non está en condicións de dar leccións sobre a ética das actuacións públicas. Usar a legalidade para prolongar o mandato de Feijóo en Montepío sería un abuso que non merece padecer a sociedade galega.

En calquera caso, ábrese unha nova xeira na política galega. Mais que en ningunha outra ocasión, as forzas da oposición teñen a oportunidade de construír unha alternativa coa credibilidade suficiente para ser quen de escribir novas páxinas na historia do noso autogoberno. @mundiario

Comentarios