De pactos, maiorías e gobernos estábeis
O vindeiro 17 de xuño tomarán posesión as novas corporacións municipais e elixiranse alcaldesas e alcaldes dos distintos concellos.
Os resultados electorais, claro está, marcarán esa nova votación en que os electores e as electoras son, neste caso, as persoas escollidas pola veciñanza en listas electorais pechadas, presentadas polas distintas organizacións políticas.
A democracia é así, marca as súas normas de funcionamento mais, o que é de absoluta normalidade ás veces semella ser extraordinario. Neste sentido, os gobernos de coalición son práctica habitual en boa parte das institucións europeas como tamén o son os gobernos en minoría, co apoio de organizacións políticas que non se incorporan mais votan a favor doutras que prefiren para presidir concellos ou comunidades autónomas.
Sen ir moi lonxe, das pasadas eleccións en distintas comunidades autónomas do Estado español sairán gobernos de coalición PP-Vox que suman forzas para conseguir esa maioría absoluta precisa para que a votación saia adiante. Atención, esa suma de forzas faise, neste caso concreto, cunha organización política que mesmo cuestiona as regras mínimas da democracia e fai, en numerosas ocasións, apoloxía do fascismo. Aí, ao noso ver, reside a perturbación do sistema. Aí, non temos dúbida, é onde compre falar de que non todo vale, de que non todos os medios son válidos para conducir a determinado fin.
O PP sabe o que é pactar con forzas antidemocráticas, faino a miúdo con perigosas experimentacións. Tamén terá que avaliar como recibe a poboación esa política curtopracista de chegar a acordos para gobernar institucións con quen cuestiona a democracia e os dereitos e liberdades públicas de maneira ostentosa.
Na Galiza, o PP non ten esa opción. Que Vox só entrase, e de maneira residual, no Concello de Avión, pon á vista as poucas posibilidades que o partido liderado por Alfonso Rueda ten de completar con votos alleos a súa maioría absoluta. Non o fai, simplemente, porque non pode facelo.
Esta é a razón, sen dúbida, para que nesta terra se impoña con máis forza o discurso de "o goberno para o partido máis votado". É dicir, para o PP cando el decidir, sen ter en conta que, só con esa afirmación, están pondo en cuestión o propio sistema democrático.
Fagamos contas
Non son así as cousas e non se pode terxiversar desa maneira a vontade da maioría. Fagamos contas. No caso de Santiago de Compostela, o BNG obtivo un total de 11.430 votos, o PSOE 10.513, Compostela Aberta 4.446 e o PP 18.295 votos. Despois das xuntanzas postelectorais, atopámonos cunha situación en que tres forzas políticas decidiron apoiar a máis votada delas para a alcaldía sumando, por tanto, 26.389 votos (14 edís) fronte 18.295 (11 edís) que ten neste momento o PP.
Entren ou non as tres forzas no mesmo goberno, o que si está claro é que expresan con clareza a súa vontade de futuro para Santiago. Prefiren un goberno transformador a un goberno presidido polo PP. Sexan cal foren as razóns, a realidade política deste momento é esta, con números e normas electorais e democráticas. Se nos resultados electorais Vox -lembremos, cun cabeza de listaxe que se presentara ás primarias do PP- tivese dúas actas, a situación sería moi distinta. Pódense facer predicións mais non é este o momento de política ficción e non serei eu quen a faga.
Quen fala antes de comezar o mandato de goberno inestábel é que busca poñer en cuestión o sistema democrático. Pregúntome eu por que é máis feble un goberno que apoia máis da maioría absoluta de edís ou un que ten á fronte un partido en minoría mesmo sendo o máis votado.
Gobernos en coalición
O BNG ten experiencia longa de gobernos en coalición. A min mesma, como vicepresidenta da Deputación da Coruña, tocoume participar nun mandato que tiña un presidente do PSOE, precisamente o que é na actualidade secretario xeral do partido, Valentín González Formoso. Certo é que tiñamos visións distintas sobre moitos temas mais a política tamén é iso, chegar a acordos, dialogar, facer que as institucións funcionen para mellorar a vida das persoas, tendo iso como obxectivo fundamental. Considero que, nese caso, pagou a pena e o balance foi altamente positivo, en especial para os concellos da Coruña. Sen ir máis lonxe, o Plan Único de Concellos que botou a andar nese mandato, foi un exemplo dun paso adiante fundamental na procura de obxectividade e transparencia para unha institución moi cuestionada historicamente.
Recentemente, cargos das direccións do BNG e do PSdG selaron un acordo polo que se facilitarían os gobernos municipais -presididos por unha outra forza segundo o número de votos- que puxesen freo a gobernos de dereitas. Ese acordo, que rubrica o asinado noutras ocasións, implica tamén lealdade e traballo conxunto para dar pasos adiante no traballo institucional.
En Santiago de Compostela, sexa como for finalmente a constitución do goberno, o que si está garantido é que as veciñas e veciños do concello estarán no centro, que se desenvolverán políticas de futuro, transformadoras, sociais. Que a igualdade será un dos alicerces da acción política, que a loita contra o cambio climático e a aposta pola ecoloxía será innegociábel e que desenvolveremos un urbanismo pensado nas persoas. Faremos o posíbel para que, catro anos despois, as veciñas e os veciños afirmen, sen dúbida, que pagou a pena, que en Santiago se vive mellor e que o concello se situou á vangarda dos grandes retos do noso tempo.
Aí está o noso obxectivo e nel empeñaremos todas as enerxías, coa suma da vontade expresada nas urnas que apostaron por un goberno transformador e de diálogo. Tomamos nota e botamos a camiñar. @mundiario



