Algo máis sobre as estratexias de Ramón Piñeiro
Estou seguro que as persoas que poidan ter un mínimo interese polos meus artigos en MUNDIARIO comezan a estar un pouco cansas da miña teima de falar de Ramón Piñeiro. Mais non lles minto se lles digo que durante moitos anos tomei café todas as semanas co poeta Manuel María na tertulia do Kirs e que case non houbo un día que non falásemos de Piñeiro. Tanto para a súa xeración, a dos poetas e escritores que eran os novos nos anos cincuenta e que tanto frecuentaron a Piñeiro en Xelmírez, 15-4º, como para outras xeracións posteriores, incluso para os que eramos adolescentes na Transición, a figura de Piñeiro foi unha referencia constante nas nosas conversas, e dentro do universo nacionalista, unha personalidade sempre moi cuestionada.
Na miña primeira colaboración neste xornal (O fracaso histórico de Ramón Piñeiro) escribín o seguinte: “Cando chegou o final do franquismo, Ramón Piñeiro atopouse el só, sen partido e sen ningunha capacidade de interlocución co Consello de Forzas Políticas Galegas, que integraba o nacionalismo galego existente nese momento. Pero el, naturalmente, non estaba disposto a quedar á marxe da Transición, e o sistema, por outra parte, tamén o precisaba. E entón puxo en marcha outra estratexia: introducirse nos partidos españois que operaban en Galiza para galeguizalos desde dentro”.
O DOCUMENTO DOS 29
A miña conciencia e o exquisito respecto á verdade do relato histórico, obrígame hoxe a corrixir o parágrafo anterior, porque no momento que o escribín non tiven presente o Documento dos 29, do que xa non me lembraba, un manifesto que até o propio Carlos Casares cita de pasada nunha das súas dúas biografías de Ramón Piñeiro e que felizmente recuperei grazas a un magnífico ensaio de Antón Baamonde (“Intelectuais e Autonomía”), publicado no Boletín da Real Academia Galega en 2018, un traballo que eu non son consciente de lelo cando saíu o volume da RAG, iso que o tiven as miñas mans nada máis saír do prelo.
Coincido plenamente con Antón Baamonde no que di nese ensaio. A estratexia de Ramón Piñeiro de galeguizar os partidos estatais non foi sen antes el intentar influír sobre as forzas políticas galegas e sobre os resultados electorais das primeiras eleccións democráticas. O dato histórico non carece de importancia e axuda a comprender moito mellor a súa última estratexia, por moito que a algúns nos pareza errada e desafortunada para o futuro do país.
Sabemos moi ben que tanto o PSG como posibelmente o PGSD foron intelectualmente obra política de Ramón Piñeiro, aínda que el nunca chegara a militar en ningunha das dúas organizacións. A súa implicación co PSG inicial data do mesmo momento da súa fundación no despacho de Sebastián Martínez-Risco. O que xa non coñecemos tanto, ou do que apenas se fala, é do seu papel nos meses anteriores ás eleccións do 77. E puntualiza ben Antón Baamonde cando di que “no final do franquismo e no momento da transición política, a súa preferencia era por partidos de ámbito propiamente galego e por unha España federal na que puidesen satisfacerse as demandas nacionais de Galicia, tanto materiais como morais. Só nun segundo momento, cando se comproba o éxito electoral da UCD e AP en Galicia –partidos que estaban formados por xente que proviña da administración franquista–, dáse o paso claro ao galeguismo entendido como unha acción transversal”. Lembremos que naquelas eleccións a UCD obtivo 20 escanos, 4 AP e 3 o PSOE.
Isto último que afirma Antón Baamonde é o que eu non dixen naquel meu artigo, e creo que é preciso destacalo para ponderar o noso xuízo sobre o proceder de Piñeiro, que era unha persoa que consideraba que a súa figura, pola súa traxectoria galeguista desde a súa mocidade, encarnaba unha especie de “conciencia moral” do país, por riba dos partidos políticos, e que tiña a obriga de non quedar á marxe do proceso democrático e autonómico que estaba a nacer.
A DEFENSA DO PAÍS
É aquí onde temos que situar o Documento dos 29, publicado na prensa o 7 de marzo de 1977, tres meses antes das primeiras eleccións xerais. Foi o seu último intento de intervir naquel proceso electoral desde fóra das organizacións políticas. Era un chamamento aos partidos políticos e á sociedade galega no seu conxunto: “Ninguén, a non ser os propios galegos, vai defender os direitos de Galicia como pobo con personalidade nacional (…) a defensa dos nosos direitos é misión e responsabilidade nosa”. E a carta dos 29 interpelaba directamente aos partidos políticos: “Movidos por esa preocupación, e desde a serenidade que nos pode dar o non estáremos implicados nas naturais tensións partidarias, queremos facer un chamamento fraternal aos partidos e mais ás personalidades que van percurar a representación democrática do pobo galego para que fagan por chegar a un entendemento que, sumando os esforzos de todos, facilite o millor resultado final conxunto”.
A PROL DUN ESTADO FEDERAL
O chamamento concreta o pacto galego ao que as personalidades que o asinan consideran que se debe chegar: “Un pacto galego no que os seus firmantes se comprometan a defender os direitos do noso pobo é posible e necesario. A defensa debería de se establecer en dous niveis: en primeiro lugar, defendendo a estrutura federal do Estado como fórmula real; en segundo lugar, e para o caso de que a fórmula federal non prosperase, a representación galega tería que reclamar para Galicia os mesmos direitos que se lles reconocesen ás outras nacionalidades. Ou sexa: en primeiro lugar, a defensa do Estado federal; en segundo lugar, a defensa da fórmula autonómica”.
OS ASINANTES DO MANIFESTO
Asinaban aquel documento, entre outros, Sebastián Martínez-Risco, Fermín Penzol, Domingo García-Sabell, Rafael Dieste, Ricardo Carballo Calero, Luis Seoane, Valentín Paz-Andrade, Anxel Fole, Luz Pozo Garza, Xosé Chao Rego, Andrés Torres Queiruga, Xosé L. Franco Grande, Carlos Casares, Paco Martín, Ramón Piñeiro, Lorenzo Varela, Isaac Díaz Pardo e Xenaro Mariñas del Valle. Non figuraban outros como Francisco Fernández del Riego, Xosé Manuel Beiras ou Salvador García-Bodaño, porque eran militantes do PSG, ou Xaime Illa Couto, porque militaba no PGSD.
DEMASIADO TARDE
O documento podía ser moi ben intencionado na súa filosofía, pero o certo é que chegaba demasiado tarde. A ruptura de Ramón Piñeiro co nacionalismo galego, sobre todo co universo da UPG e da AN-PG, era moi profunda desde había anos e dificilmente podía cicatrizar nun acordo de país tres meses antes das eleccións, por moito que o piñeirismo reclamase un Estado federal. Piñeiro carecía de autoridade moral sobre o nacionalismo que nacera á marxe da mesa braseiro de Xelmírez, 15-4º. A carta dos 29, pois, non tivo ningunha incidencia, máis aló de impulsar talvez a Candidatura Democrática Galega ao Senado.
Por outra parte, o modelo federalista de Ramón Piñeiro pouco tiña a ver co modelo de federalismo que representaban as Bases Constitucionais pra participación da nación galega nun Pacto Federal, elaboradas e defendidas polo nacionalismo galego. Carlos Casares, o seu discípulo e biógrafo, recoñece que no pensamento de Piñeiro “non hai unha formulación explícita e detallada do que el entendía por federalismo (…) En realidade, o termo federal tiña para Piñeiro unha dobre significación funcional. Cara a fóra era a expresión do rexeitamento do estado centralista, que consideraba ineficaz e historicamente fracasado. Cara a dentro era un concepto que lle permitía marcar a diferenza co nacionalismo radical, partidario da soberanía nacional galega e do dereito de autodeterminación” (Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, Galaxia, 2005).
Estas palabras de Carlos Casares ilustran perfectamente o difícil que era que o Documento dos 29 tivese eco nas forzas políticas que acreditaban na soberanía política de Galiza e na autodeterminación. Nese momento Ramón Piñeiro carecía de credibilidade para unha parte moi importante do nacionalismo galego. Seguramente a receptividade sería moi distinta e aquel hipotético pacto moi positivo para o país se Piñeiro non se houbese divorciado moito antes do nacionalismo galego e houbese gañado a admiración que si tiveron sempre outras figuras como Francisco Fernández del Riego ou Ricardo Carvalho Calero, que lamentabelmente nunca xogaron o papel que desempeñou Piñeiro no franquismo e na Transición como actor principal do galeguismo político.
CAMBIO DE ESTRATEXIA
Tras o fracaso electoral das forzas políticas galegas en xuño do 77, cos partidos da dereita española ocupando e dominando xa desde a preautonomía o sistema político galego, Piñeiro cambia de estratexia. Agora a súa preocupación vai ser influír nos partidos políticos estatais e falar con uns e con outros para que o Estatuto de Autonomía sexa politicamente o máis ambicioso posíbel. É aí onde temos que situar a súa estratexia de galeguizar a todos os partidos estatais, incluída a dereita española, que é maioría en todos os procesos electorais que se celebran desde 1977.
Será nese contexto político onde se produce a súa implicación activa nas mobilizacións a prol do Estatuto de Autonomía o 4 de decembro de 1977, contra o Estatuto da Aldraxe en decembro de 1979, na elaboración do Manifesto dos 25 en marzo de 1980, na creación do grupo Realidade Galega, tamén en 1980, e, finalmente, na campaña electoral das autonómicas de 1981 como galeguista independente na candidatura do PSdeG- PSOE. Piñeiro durante todo ese período é un interlocutor do galeguismo tanto para o PSOE como para a UCD. De feito o daquela senador centrista Xosé María Suárez Núñez, reitor da Universidade de Santiago, incluso xestiona unha reunión entre Piñeiro e Adolfo Suárez, que non se chega a celebrar pola negativa de Piñeiro, que teme que poida ser mal interpretada e perder esa doble influencia nos dous partidos.
Non negaremos nós que todo iso o fixo Ramón Piñeiro con honestidade política e como un acto de servizo ao país desde o seu compromiso co galeguismo, con independencia de que na práctica resultara contraditorio coa liña histórica do nacionalismo galego e contribuira a dificultar aínda máis as posibilidades electorais da alternativa que naquel momento representaba o Bloque-PSG.
Agora, despois da lectura do ensaio de Antón Baamonde –ao fío do que eu escribo o presente artigo–, temos moito máis claro que Ramón Piñeiro puxo en marcha diversas estratexias ao longo da súa traxectoria política e que a de acabar como candidato do PSdeG-PSOE foi unha máis, a última, pero non sen antes procurar o entendemento político-electoral nas eleccións do 77 entre varios partidos da oposición, prioritariamente entre a socialdemocracia española e o Partido Socialista Galego. Mesmo na casa de Piñeiro, en Xelmírez 15-4º, foi onde se levou a cabo a reunión na que os que dirixían aquel primeiro PSOE de Francisco Vázquez, Salvador Fernández Moreda, Andrés Eguíbar e poucos máis trataron de convencer a Beiras e a Xosé Luís Rodríguez Pardo –este último seguramamente xa convencido a esa altura do proceso preelectoral– da importancia política dun acordo semellante ao do PSOE co PSC, algo que finalmente non aconteceu para desgusto de Ramón Piñeiro.
Como dicía recentemente Suso de Toro nun artigo en Nós Diario, “unha biografía de Piñeiro serve para comprender o noso presente”. @mundiario