O supremacismo ameaza a identidade e o benestar de Galicia

Eucaliptos en Galicia. / Mundiario
Eucaliptos en Galicia. / Mundiario

Acubillado en Vox, o PP madrileño e parte substancial do PP estatal e nas súas ponlas sociais, como "Hablemos español", o supremacismo non só vai contra a lingua, cultura e identidade galegas.

O supremacismo ameaza a identidade e o benestar de Galicia

Dende o aznarato (1996-2004) abrollou no Madrid político e mediático un fenómeno supremacista de amplas e plurais manifestacións repenicadas en menor medida nas nacións e territorios do Estado. Fenómeno supremacista que conecta coa ideoloxía dominante da España franquista e, máis atrás na historia, conecta co mainstream españolista de raigame castelá que estruturou dende a chegada dos Borbóns e aínda máis dende a xeneralización da educación (Lei Moyano, 1851) a linguaxe dominante na identificación e comprensión da España como Estado  e tentou definir dende aquela o que tiñamos que pensar e sentir.

Segundo esta corrente que arestora da a batalla cultural non debe haber  máis lingua española de uso xeral na Galicia ca o castelán. O galego, como moito, ha ser unha curiosidade etnográfica ou folklórica que non pode ser esixido para os aspirantes á docencia e emprego público. A galeguidade  non constituiría identidade nin cidadanía de seu, senón simple adxectivación xeográfica.

A liberdade e igualdade das persoas no Estado español seica dependería de sermos unha única nación española cunha única lingua e unha única cultura. Velaí o seu xorne iliberal, ao xeito dos fundamentalismos chauvinistas ruso, polaco ou húngaro arestora gobernantes.

Este supremacismo tenta dominar os contidos da historiografía e educación, no ronsel dunha España supostamente existente como nación de seu dende hai 500, cando non dende hai 2.000 anos. Velaí o ferreño rexeitamento á realidade histórica do Reino de Galicia como “regnum” máis antigo da Europa (século V), teimando en salientar un reino astur e despois asturleonés que non existiu senón como perifería do grande reino de Galicia dos reis Afonso VII, Afonso VIII e Fernando que explica o camiño de Santiago, as vilas marítimas de Baiona, Noia, Betanzos, A Coruña ou Viveiro e a Catedral compostelá co seu marabilloso Pórtico da Gloria.

Mais as arelas deste supremacismo son, sobre todo, económicas. Porque  a negación de Galicia como país de noso permítelles impornos roles subsidiarios -cando non coloniais- no que atinxe a actividades empresariais que outros non queren por xerar custos ambientais e prexudicar actividades empresariais bem máis rendíbeis para as veciñanzas afectadas. Velaí a actual enxurrada de autorizacións de parques eólicos e a eucaliptización do país da mán dunha Ence ancorada polo deep state na ría de Pontevedra. Porque dende a perspectiva dunha España única na que Galicia non ten existencia política nin autogoberno real somos só un 5,5% do PIB e um 5,1% da poboación polo que son prescindíbeis para esa España alicerces da nosa economía como a construción naval, sector mar-industria ou agrogandería, mentres infraestruturas para nos fulcrais como o AVE a Portugal ou o corredor europeo de mercadorías non encaixan na radialidade das comunicacións que deriva desta ideoloxía supremacista.

 O supremacismo non só ameaza a nosa identidade. Ameaza o noso benestar. @mundiario

 

Comentarios