Siro: "Estou aprendendo a debuxar en galego"

Siro López Lorenzo. / Mundiario
Siro López Lorenzo. / Mundiario

O autor do cartel do Día da Ilustración, dedicado a Maria Antonia Dans, sostén que "igual que falamos e escribimos en galego", pódese "debuxar, pintar, modelar, tallar e esculpir en galego."

Siro: "Estou aprendendo a debuxar en galego"

Siro é o autor do cartel do Día da Ilustración, dedicado a Maria Antonia Dans. Nunha entrevista concedida a edición GALICIA de MUNDIARIOSiro López Lorenzo sostén que "igual que falamos e escribimos en galego", pódese "debuxar, pintar, modelar, tallar e esculpir en galego."

– Este ano fixeches o cartel do Día da Ilustración, dedicado a Maria Antonia Dans.

– Así é, e gustoume facelo.

– E na vez de debuxar a caricatura ou o retrato da homenaxeada, que sería o esperado, sorprendéchesnos cunha composición humorística con algúns dos protagonistas máis coñecidos da literatura universal.

– Non sei se facer a caricatura ou o retrato de María Antonia Dans sería o esperado, pero sen dúbida sería o máis doado para min. O que pasa é que eu empecei a colaborar en prensa con debuxos de humor e só de cando en cando publicaba caricaturas persoais. Tratar a vida diaria cunha viñeta humorística era o que me apetecía, pero os directores dos xornais fixéronme caricaturista político. Primeiro Rafael González en El Ideal Gallego e despois Juan Ramón Díaz en La Voz de Galicia.

Cartel do Día da Ilustración. / Siro
Cartel do Día da Ilustración. / Siro

– E non che foi mal.

– Non, claro que non. O único malo foi que o caricaturista eclipsou os outros debuxantes que hai en min. Podía –e podo– facer unha mostra de retratos, paisaxes ou espidos femininos, e nos comentarios de prensa aparecerei co cualificativo de caricaturista.

– Que outros debuxantes hai en ti?

– Despois de pasar máis de medio século cos lapis e os blocs nas mans teño recursos para facer calquera clase de  debuxo con certa dignidade, pero coido que o mellor douno no retrato, na paisaxe e no debuxo imaxinativo ou de fantasía.

– Mellor no retrato que na caricatura?

– García-Sabell deixou escrito nun diario: "Siro é mellor no retrato que na caricatura". E García- Sabell de arte sabía moito.

– E como te sintes no cartel e na ilustración?

– O cartel e a ilustración son xéneros que esixen dedicación permanente. En Galicia temos excelentes profesionais nos dous xéneros, e na ilustración do libro infantil fan marabillas. Para tentar acadar o nivel deles, eu tería que practicar un ano enteiro e non facer outra cousa.

– Pero fixeches e fas cartel...

–  No último anos fixen varios para Catalunya, algúns tan grandes que ocupaban os laterais das marquesinas dos buses; o último foi o do Festival de Cine de Lugo, de tamaño normal e recordando a María Casares.

– E ilustración.   

– Tamén, e con resultado desigual. Non sempre souben que debía facer, nin como facelo. Aínda estou aprendendo.

– Aos oitenta anos?

– Claro. E aos cen, se vivo. Xesús Alonso Montero ten 94 e está aprendendo a ser comunista. Eu con oitenta estou aprendendo a debuxar en galego.

– Ese é o tema do encontro que vas ter o día 4 de febreiro na Cidade da Cultura con persoas maiores de 14 anos, interesadas na ilustración gráfica.

– Na ilustración e nas artes plásticas, en xeral. Tituleina Ilustremos en galego porque forma parte da celebración do Día da Ilustración, pero a mensaxe vale para as artes plásticas todas.

– E a mensaxe é?

– Igual que falamos e escribimos en galego, podemos debuxar, pintar, modelar, tallar e esculpir en galego.

– E como se fai?

– Eu que sei! Cadaquén ten que buscar o seu camiño. A miña intervención será unha invitación a reflexionar sobre este tema, para min prioritario.

– É unha meta posible.

– Claro. Aí tes a Castelao, Maside, Cebreiro, Seoane, Fernández Mazas, Díaz Pardo, Xaquín Marín… Toda a súa obra ten un enorme acento galego, e por iso é universal.

– Pois ilustremos en galego.

– É cuestión de vontade. Tentémolo cada día e conseguirémolo. @mundiario

Siro: "Estou aprendendo a debuxar en galego"
Comentarios