Once medios dixitais galegos, entre eles MUNDIARIO, xa contan co selo NRede que garante o seu traballo xornalístico

Logo de NRede. / CPXG
Logo de NRede. / CPXG
Foi posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para pór en valor os medios dixitais galegos e identifica os espazos con contidos xornalísticos.
Once medios dixitais galegos, entre eles MUNDIARIO, xa contan co selo NRede que garante o seu traballo xornalístico

NRede, o rexistro posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia como garantía do traballo xornalístico e co obxectivo de facilitar a identificación dos medios dixitais galegos ante a sociedade e, ao tempo, facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas, está a dar xa os seus primeiros pasos. Nas últimas semanas, o rexistro recibiu as primeiras solicitudes e emitiu os selos que identifican xa a once cabeceiras como medios de comunicación con criterios xornalísticos no eido dixital. 

Os primeiros once medios incluídos no rexistro dos medios dixitais galegos son Galicia ConfidencialGaliciapressGCDiarioLugo Xornal, MUNDIARIO, Pontevedra VivaPraza PúblicaTempos DixitalXornal da MariñaXornal de Lemos e Xornal de Vigo. Todos eles cumpren cos requisitos que garanten que son espazos de comunicación con contidos xornalísticos, con información froito dun traballo profesional e que respecta a deontoloxía do xornalismo. Ademais, dan boa conta da pluralidade do xornalismo dixital galego, ao representaren distintos enfoques comunicativos e cubriren boa parte da xeografía da nosa comunidade. O listado completo dos medios certificados por NRede está dispoñíbel na páxina do Colexio de Xornalistas. 

Como solicitar o selo NRede

Para solicitar a inclusión no rexistro de NRede, o medio debe estar constituído como empresa xornalística ou entidade legalmente rexistrada (ou ben o seu/s autor/es ou autora/s estaren dados de alta como autónomos/as), estar ao corrente das obrigas con Facenda e a Seguridade Social e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial cando menos unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou colexiada no CPXG.

Os medios inscritos deben desenvolverse principalmente na contorna dixital e cubrir información de interese xeral mediante a produción propia de contidos actualizada de forma periódica. Son requisitos tamén un mínimo de seis meses de traxectoria demostrable (tres anos no caso de anuarios) e o respecto ao Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.

Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do CPXG. @mundiario

Comentarios