As bestas, unha película para comprender o incomprensíbel

Protagonistas de As bestas. / Mundiario
Protagonistas de As bestas. / Mundiario
​Esta non é unha película sobre Galiza nin sobre os galegos, por moito que estea presente no filme a paisaxe da nosa montaña, xente dunha aldea galega e a nosa propia lingua. Nin tampouco se pode ir ver As bestas condicionados por unha mirada urbanita, por unha visión ecoloxista da vida ou por unha posición contraria aos eólicos, por moi militantes da defensa da natureza que nós sexamos.
As bestas, unha película para comprender o incomprensíbel

Coincidimos totalmente co filósofo Ignacio Castro cando di que As bestas “É obrigatoria non só para cinéfalos, senón para persoas que aínda se fan preguntas”. Efectivamente, para aquelas persoas que só teñen certezas e o ven todo en branco ou negro é moi difícil que comprendan a película de Rodrigo Sorogoyen en toda a súa riqueza, en toda a súa dimensión, que é moi grande.

Non somos nós especialistas en cine para dar aquí unha opinión desde unha perspectiva estritamente artística, nin é ese o noso propósito, mais entre as persoas que pensan que é unha película enganosa, mediocre, colonial, aldraxante con Galiza ou un simple thriller de terror rural e aquelas outras persoas que consideran que é un filme potentísimo, cun guión intelixente e que introduce a perspectiva de xénero, nós, desde logo, facemos nosa esta última visión.

O SENTIMENTO DE PERTENZA DA TERRA

Creo sinceramente que As bestas non se fixo para expresar a brutalidade, a bestialidade, a violencia, o salvaxismo, a ignorancia e a falta de amor á terra dun grupo social de nativos dunha aldea galega fronte á cultura, a modernidade, as boas formas, a bondade e o amor á natureza dunha parella francesa. A bestialidade humana existe en calquera parte da xeografía do planeta, tamén nas rúas máis céntricas de París ou Londres. A crueldade atopámola igualmente no mundo máis civilizado, nas persoas máis cultas e nas familias de máis exquisita educación. Menos aínda pretende a película representar todo un pobo. Para nada, nin sequera ao conxunto da veciñanza daquela aldea. Na taberna hai máis homes que os irmáns Anta, e eses outros homes, incluído o taberneiro, permanecen calados, escoitan e só un deles di algo moi timidamente, en voz baixa. As palabras e os xestos de hostilidade non saen de forma coral da tribo, senón dunha soa persoa.

Dirémolo con outras palabras: esta non é unha película sobre Galiza nin sobre os galegos, por moito que estea presente no filme a paisaxe da nosa montaña, xente dunha aldea galega e a nosa propia lingua. Nin tampouco se pode ir ver As bestas condicionados por unha mirada urbanita, por unha visión ecoloxista da vida ou por unha posición contraria aos eólicos, por moi militantes da defensa da natureza que nós sexamos. Non entenderemos nada se o facemos así.

O que hai nesta película -polo menos o que vemos nós-, é a defensa vehemente, até as últimas consecuencias, do que cada quen cre que é seu, do seu territorio, da propiedade da terra, da súa vida, dos seus soños. O francés, Antoine (Denis Ménochet), nun determinado momento, manifesta: “Esta é a miña casa. Por fin encontrei o meu val. Este é o meu proxecto de vida”. Pero os nativos tamén teñen alí a súa casa, as súas terras, o seu medio de vida, a única riqueza que posúen, case o único mundo que coñecen.

Estamos ante dous proxectos de vida, dúas maneiras de ver a vida e dúas culturas moi diferentes. E ambos, os nativos e os de fóra, teñen as súas razóns para actuar como actúan, aínda que o espectador non as comparta, e menos aínda o recurso á violencia psicolóxica e física. Mais do que se trata é de que o público comprenda as razóns da familia dos Anta e as razóns dos franceses, e que incluso comprenda o incomprensíbel.

Fotograma de la película As bestas.
Fotograma da película As bestas.

A NOSA CAPACIDADE DE COMPRENSIÓN

Rodrigo Sorogoyen pon a proba nesta película a nosa capacidade de comprensión até límites extremos: comprender como unha parella francesa acaba atopando o seu lugar ideal para vivir nunha aldea perdida e en ruínas dun concello galego, entre casas esboroadas; comprender como a pesar da hostilidade dos veciños e dunha violencia que vai in crescendo non marchan do lugar; comprender como Olga (Marina Foïs), despois da desaparición do home, permanece na aldea convivindo cos posíbeis asasinos do seu compañeiro; comprender as razóns que lle dá a súa filla Marie (Marie Colomb) para que marche daquel lugar maldito; comprender as razóns da nai para seguir alí ela soa; comprender que os cartos que lles promete a empresa dos eólicos aos veciños é para os Anta a única esperanza para saír daquela vida tan dura e miserábel; comprender os motivos da cólera e da bestialidade dos irmáns Xan (Luis Zahera) e Lorenzo (Diego Anido); comprender a maldade e a violencia; comprender que incluso na brutalidade destes dous irmáns tamén hai sensibilidade humana no seo da familia e mans brutas para acariciar o can dos franceses; comprender que calquera medio hostil, en calquera parte do mundo, embrutece ao ser humano e saca o peor de si, porque  vives entre a ira, a xenreira, o desánimo, a pobreza, a mala sorte, os xuramentos…; comprender que a diglosia existe e que é real na nosa sociedade, no urbano e no rural; comprender que cando se vive no medio do esterco e na desesperanza talvez non se pode apreciar a beleza e o gozo do rural; comprender, en definitiva, os comportamentos humanos en contextos hostís e conflitivos.

Fotograma de la película As bestas. / Productora.
Fotograma da película As bestas. / Productora.

O ABANDONO DO RURAL E OS EÓLICOS

Na orixe deste conflito entre as dúas familias, na raíz deste crime, o que tamén está moi presente é a marxinación histórica do campo, o abandono do rural por parte das administracións, a morte dun mundo e dunha forma de vida, e a posición que cada quen adopta fronte a esas aldeas hoxe abandonadas, en ruínas e sen futuro. Para a parella francesa é un paraíso aquel territorio, o paraíso co que soñaban e do que xa non se queren ir. Para os únicos nativos que quedan alí é un mundo de pobreza, de lama e de esterco e sen ningún horizonte, e o que desexa cando menos Xan, o fillo que terma da casa, que coida da nai e do irmán, é poder marchar de Santoalla para Ourense coa nai e co seu irmán e teren alí outra vida. E cando chega a empresa dos eólicos, os dous proxectos de vida chocan frontalmente entre si. Uns, os franceses, porque o ven como unha agresión ao seu proxecto persoal, como a destrución do medio natural e da aldea, e os outros, a familia dos Anta, porque ven aí a única posibilidade de saír dese mundo de penalidades e de ter unha vida mellor.

Na película non aparece visualmente a empresa que quere mercar os montes, pero é preciso que poñamos aí a nosa mente, porque está presente no filme, porque realmente as bestas que arruínan as dúas familias e que acaban coa felicidade e cos soños dos franceses son os que queren facer negocio coa riqueza natural de Santoalla, co abandono do rural e coas necesidades e os desexos da familia dos Anta. No fondo é a empresa que pretende instalar os eólicos naquel lugar a que arruína e destrúe as dúas familias que o habitan. Se xa había diferenzas e problemas entre os veciños -que constitúen dous modelos de vida moi diferentes-, coa aparición da empresa dos eólicos medra a hostilidade entre as dúas familias, aparece a violencia, Olga e Antoine viven un inferno día a día e o desenlace non pode ser máis fatal: por unha parte asistimos ao acoso físico e ao asasinato de Antoine, e por outra, ao ingreso na cadea do membro máis vulnerábel da familia dos Anta, Lorenzo, que sofre unha discapacidade mental. As dúas familias acaban, por tanto, sendo vítimas da ansia do capitalismo depredador, que desencadea o enfrentamento entre os veciños e unha espiral de violencia con consecuencias dramáticas.

Fotograma de la película As bestas. / Productora.
Fotograma da película As bestas. / Productora.

DOUS PROXECTOS DE VIDA

Deixemos de ver aos irmáns Xan e Lorenzo como bestas, como salvaxes, como criminais. Deixemos de ver xenofobia no seu comportamento. Defenden e protexen o seu como algo propio e como saben, como tantos e tantas de nós defendemos as nosas ideas fronte a quen as ataca, seguramente dunha forma máis educada, máis refinada, sen xuramentos, e, por suposto, sen utilizar a violencia física. Está claro que a familia dos Anta tamén ven atacado e destruído o seu proxecto de vida, que non é outro que marchar de Santoalla, igual que antes ca eles o fixeron ducias e ducias de veciños que abandonaron para sempre as súas casas e emigraron a Barcelona, Madrid ou Alemania ou residen en Vigo ou en Ourense. E a parella francesa, naturalmente, tamén defende as súas terras, os seus dereitos e o seu soño de vivir no campo, no medio daquelas montañas.

Os dous proxectos de vida chocan frontalmente entre si. Quen de nós pode dicir quen das dúas familias ten máis dereito a impedir que a outra familia leve a cabo o seu proxecto de vida? Por que teñen máis dereito e decidir o futuro colectivo de Santoalla Antoine e Olga que a familia dos Anta e o resto de todos os veciños que teñen alí propiedades e tamén asinaron a favor de vender as terras? ¿Un modelo de vida máis respectuoso coa natureza e a oposición á instalación dos eólicos é ao fin e ao cabo suficiente razón para condenar á familia dos Anta a non poder aspirar a ter noutro lugar unhas mellores condicións de vida? Como di Ignacio Castro, esta é unha película para as persoas que aínda se fan preguntas.

As bestas. / Lucia Faraig
Fotograma da película As bestas. / Lucia Faraig

O DIÁLOGO NA TABERNA

Estamos convencidos de que o que pretendeu o director d´As bestas foi que penetrásemos na complexidade do conflito. Para iso brindounos unha escena na taberna cinematograficamente extraordinaria, única, maxistral, que nos permite entender o razoamento de cada un dos dous personaxes que protagonizan ese tenso diálogo. Despois desa conversa quédanos claro que as razóns de Antoine responden a unha ilusión, mentres que as razóns de Xan responden a unha necesidade, e sobre todo descubrimos que o personaxe de Xan representa a unha persoa triste e frustrada, infeliz, inconformista co destino que lle deu a vida desde que naceu, tremendamente lúcida, sensata no seu razoamento, coherente, retranqueira e brillante incluso nas respostas que lle dá ao francés, responsábel, preocupado por sacar á súa familia daquelas penalidades, por darlle unha vida mellor á nai, por conseguir outro futuro para si e para os seus. Nada que non desexe calquera persoa, por outra parte. De súpeto, a imaxe que podiamos ter até ese momento dese personaxe, comeza a ser outra.

Grazas a esa escena descubrimos os motivos reais dese comportamento humano e podemos chegar a comprendelo e incluso a concluírmos que Xan non é en absoluto unha persoa malvada, de espírito perverso, senón que actúa desa forma hostil porque é a súa maneira de loitar por unha vida máis digna para os seus e porque no seu código particular de xustiza considera que o dereito sobre aquelas terras correspóndelle aos nativos, que levan séculos e séculos traballándoas, xeración tras xeración. Ademais eles non teñen o privilexio de poder elixir entre vivir no campo ou na cidade, como si ten a parella francesa, nin de erguerse cando sae o sol e tomar o café contemplando marabillados a beleza do val de Santoalla. Xan érguese ás cinco da mañá e cando abre o día xa cheira a merda. E así un día e outro, como súa nai, que xa leva 73 anos con esa vida, nesa escravitude. Así, até que morra. ¿Como non vai odiar a quen lle pecha a porta para saír desa vida de desgraciados? Seguramente o seu comportamento sería igual de hostil se en vez de ser uns franceses foran uns ecoloxistas de Ourense ou da Coruña.

Trailer de As bestas. / YouTube

EMPODERAMENTO FEMININO

Nunha entrevista nalgún medio, Rodrigo Sorogoyen dixo que todo empezou cando Isabel Peña, coautora do guión, atopou por casualidade na prensa a historia de Margo Pool, aquela muller holandesa que aínda despois do asasinato de Martin Verfondern, o holandés de Petín, seguía vivindo en Santoalla, traballando a súa horta ecolóxica, coidando cabras, facendo queixos e sostendo ela soa o proxecto de vida que alí soñara con Martin. Ese personaxe feminino chamou poderosamente a atención de Isabel Peña e Rodrigo Sorogoya e pensaron de inmediato que a historia desa muller era en si mesma unha película que había que facer nalgún momento.

Se até a morte e a desaparición de Antoine, o protagonismo da película recae fundamentalmente nos protagonistas masculinos, cunha actuación realmente soberbia dos tres actores principais (Luis Zahera, Denis Ménochet e Diego Anido), no último terzo da película todo o protagonismo é para Marina Foïs no papel de Olga. Despois de asistirmos a un pulso constante entre os protagonistas masculinos, con todo o que aí hai de masculinidade, de agresividade, de violencia psicolóxica, de odio, de acoso e de bestialidade humana, tras ese ambiente de máxima tensión, emerxe poderosa a figura feminina, transmitíndonos valores moi diferentes: a cordura, o sosego, a paciencia, a resistencia pacífica, a tenacidade, a procura da verdade e da xustiza, o amor, a conciliación…

Olga énchese de valor, de coraxe, de poder, e dános unha admirábel lección de heroísmo e de amor, amor ao seu compañeiro, amor a aquela terra na que un día decidiron que sería para sempre a súa terra, amor a aquel proxecto de vida que os dous comezaran a construír e que ela mantén vivo tamén para que dalgún xeito Antoine siga vivindo naquel mesmo lugar. Nin o razonamento da súa filla -noutra escena capital da película- consegue convencela para que abandone a búsqueda da verdade, aquela vida e o lugar de Santoalla. Impresiona e admira, efectivamente, esta historia de resistencia, de soidade, de valentía e de amor que protagoniza a atriz francesa Marina Foïs.

Olga demostra a capacidade de amar por riba de todas as circunstancias, ofrecéndolle incluso a súa compaña e o seu amparo á nai do asasino do seu compañeiro, que agora vive soa. “Eu estou aí, se o necesitas”, di a francesa. Despois de todo, elas dúas son as únicas persoas que quedan en Santoalla do Monte, na soidade daquela aldea, entre aquelas pedras e aquelas montañas. Xa non hai odio nin violencia. Cada unha delas vive a súa vida. @mundiario

Comentarios