Esta reforma laboral permite recuperar dereitos

El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, se reúne con el secretario general de 
CC OO, Unai Sordo, en La Moncloa. / Twitter @CCOO
Pedro Sánchez con Unai Sordo e outros dirixentes na Moncloa. / Twitter @CCOO
A historia demóstranos que todas as xeracións debemos seguir empurrando, como Sísifo, a nosa propia pedra, para impedir que caia sobre nós. As CC OO seguirémolo facendo, sempre co obxectivo de non deixar ninguén atrás.
Esta reforma laboral permite recuperar dereitos

Grazas a moitas compañeiras e compañeiros que loitaron sen descanso durante varios anos, estamos ás portas dun novo escenario para o mundo laboral. As Comisións Obreiras somos partícipes da elaboración dunha reforma de gran calado, dunha lei que modificará distintos aspectos e artigos da lexislación laboral para beneficiar a clase traballadora. Como exemplo do seu alcance, voume centrar en tres elementos.

En primeiro lugar, na recuperación da ultraactivade dos convenios, isto é, que sigan tendo efecto mentres non se asine a súa renovación. Esta era unha espada de Damocles que pendía sobre a cabeza de milleiros de traballadores e traballadoras. Recuperándoa, as empresas non poderán xogar cos tempos de maneira tramposa ou con mala fe co obxectivo de dilatar as negociacións e eliminar de facto as condicións laborais para rebaixalas á mínima expresión.

En segundo lugar, a profunda modificación dos contratos temporais. Elimínase o contrato de obra ou servizo e pónselles couto, tamén, aos contratos por circunstancias da produción. Non vou reproducir aquí as elevadísimas porcentaxes de traballadores e traballadoras temporais que entran e saen das empresas durante anos sen albiscaren unha estabilidade que lles permita adoptar decisións sobre o seu proxecto de vida. Esta temporalidade, ademais, prexudica de xeito maioritario as mulleres, polo que a reforma ten un claro nesgo de xénero que as vai beneficiar.

Terceiro, a prevalencia do convenio colectivo de sector en materia salarial —que inclúe o salario base máis os complementos—. É certo que nas restantes cuestións segue prevalecendo o de empresa, pero a ninguén lle pode escapar que o nó gordiano que permitiu a tremenda desvalorización dos salarios foi xustamente a primacía do convenio de empresa no plano salarial.

Por certo, estas dúas últimas cuestións —temporalidade e prevalencia— teñen un efecto directo sobre as indemnizacións. Quen vai ter unha compensación por despedimento se toda a vida foi temporal? Se nalgún momento chega a ser indefinido ou indefinida, que cantidade obtería cos salarios misérrimos que temos?

Esta orquestrada desvalorización cronificou o lamentable fenómeno da pobreza laboral: traballadores e traballadoras que non conseguen cubrir as necesidades básicas coas súas baixas remuneracións.

Por esta razón, a premisa fundamental deste amplo proceso de diálogo social é o incremento salarial, tanto na negociación colectiva —nas empresas e sectores— como mediante o aumento do salario mínimo. Un dos nosos obxectivos para este comezo de ano é que volva subir o SMI, na liña do compromiso que o Goberno de coalición adoptou con CC OO.

Neste contexto, todas as partes temos que apostar por esta nova lei laboral. De se manter a lexislación imposta hai dez anos polo Goberno de Rajoy, condenaremos ao ostracismo o noso futuro, por ben recursos europeos que se invistan en transición dixital e economía verde.

Respectamos as opinións críticas coa reforma, pero o noso obxectivo é mellorar as condicións de vida da clase obreira. Quen se opón a este cambio e aos beneficios que virán da súa man deberá explicar que interese ten en manternos coa lexislación laboral de Rajoy.

O mundo non se rexe por dinámicas de todo ou nada. As decisións que toma CC OO sempre son de ponderación, facendo prevalecer o interese xeral, especialmente cando vai beneficiar os colectivos en peores condicións.

A reforma tamén significa compasar a nosa normativa laboral cos cambios que se están producindo no mundo do traballo. As empresas sempre procuran mecanismos para non asumiren riscos ou traspasarllos á parte máis débil da cadea. De aí a nosa campaña dos últimos anos contra os falsos autónomos nas cárnicas, ou o asinamento da chamada lei rider, entre outras accións.

Mentres algúns collen folgos ou se rearman internamente no medio do ruído, en CC OO manterémonos como firmes defensores do texto asinado, por responsabilidade coa nosa xente traballadora e co futuro do país. Disto xa demos sobradas mostras nos dous duros anos de pandemia, nos que fomos fundamentais para a aprobación de distintas medidas que minoraron o impacto da crise sobre as empresas e sobre as economías familiares.

Os dereitos, nin choven do ceo nin son eternos. A historia demóstranos que todas as xeracións debemos seguir empurrando, como Sísifo, a nosa propia pedra, para impedir que caia sobre nós. As CC OO seguirémolo facendo, sempre co obxectivo de non deixar ninguén atrás. @mundiario

Comentarios