A reforma laboral mellora as condicións da xente traballadora

Trabajadores de Amazon.
Traballadores de Amazon.
Chega despois de ter dado importantes pasos dende o cambio de Goberno, coa actualización do SMI, a regulamentación do teletraballo, a inclusión dos 'riders' ou ter asegurado as pensións.
A reforma laboral mellora as condicións da xente traballadora

A mellora das condicións das persoas traballadoras deste país ten un nome, firmeza e constancia, e visión son os seus apelidos. Estes son os acenos de identidade da Reforma Laboral acordada entre UGT, CC OO, CEOE e CEPYME co Goberno.

Firmeza e constancia fronte á imposición unilateral de 2012 dunha normativa que desequilibrou a regulamentación laboral en contra das persoas traballadoras. E visión porque pechouse un acordo para dar estabilidade xurídica ós dereitos dos traballadores e traballadoras. Por primeira vez en democracia acométese unha modificación laboral do calado da recentemente asinada Reforma Laboral non a favor das pretensións da empresa, senón da clase traballadora e que supón, ademais, a recuperación de dereitos.

Botemos a vista atrás. Convén non esquecer o pasado para poder valorar mellor e actuar con máis dilixencia no presente. Das seis reformas laborais do século XXI, só unha o foi por consenso, a de 2006, ademais da actual. E tres delas, as de 2002, 2010 e 2012 motivaron a convocatoria de sendas folgas xerais. Esta mirada retrospectiva da, se cabe, aínda máis valor ó acordo recentemente asinado e tamén ó feito de que sexa o primeiro en décadas de carácter tripartito. Con esta reforma tamén fuximos do cliché de emparellar o termo Reforma Laboral cun conxunto de medidas que van supoñer un recorte dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Pois non, reforma significa cambio ou modificación e, neste caso, no eido laboral. Sen prexuízos, sen connotacións e, desta vez, grazas á firmeza e constancia das partes negociadoras, para ben.

De feito, nesta primeira liña de consenso, porque aínda queda camiño por andar, UGT tiña tres grandes obxectivos, a recuperación da negociación colectiva; a loita contra a temporalidade; e avanzar cara a estabilidade no emprego. Coincidentes coas demandas realizadas pola UE no marco da recuperación económica e saída da crise.

Vólvese a unha negociación colectiva articulada, coa definición normativa do ámbito de negociación colectiva estatal, territorial e de empresa

Así, recupérase o equilibrio na negociación colectiva, co establecemento da ultraactividade dos convenios, conquístanse dereitos e ponse no seu sitio o convenio de empresa, impedíndolle a regulamentación a peor de aspectos clave como o salario ou a xornada. Vólvese a unha negociación colectiva articulada, coa definición normativa do ámbito de negociación colectiva estatal, territorial e de empresa, e garántese que a externalización a través da subcontratación se someta laboralmente ó convenio de referencia da actividade desenvolvida con independencia do obxecto social e forma xurídica da empresa, o que supón un importante golpe a fenómenos precarizadores como as empresas multiservizos.

No eido da contratación, fortalécese a figura do contrato indefinido e adóptanse medidas limitadoras da contratación temporal, quedando só dous tipos de contrato temporal, o motivado por causas estruturais e o formativo. O primeiro terá dúas posibles causas, circunstancias excepcionais da produción ou a substitución temporal dun traballador ou traballadora. O máximo de duración dun contrato temporal pasa de catro anos a 12 meses. O contrato por circunstancias da produción será dun máximo de seis meses, ampliable a 12 por convenio, coa posibilidade de facerse por 90 días para actividades estacionais previsibles, previa planificación, notificación á representación sindical no ano anterior e sen posibilidade de encadeamento consecutivo.

Polo demais, a temporalidade considerarase vínculo laboral indefinido cando se acumule un máximo de 18 meses de traballo en 24 meses totais e o incumprimento da normativa da contratación laboral fará que a persoa traballadora sexa considerada indefinida. Co fin de garantir o cumprimento da norma, efectúase unha modificación esencial: a infracción cométese por persoa afectada, o que aumenta de xeito significativo o poder disuasorio da sanción administrativa promocionada pola Inspección de Traballo.

No terceiro eido da negociación, o dos mecanismos de axuste, incorpóranse ó Estatuto dos Traballadores os acordos e prácticas dos ERTE feitos durante a pandemia, coa intención de priorizalos en detrimento dos despedimentos colectivos, incorporando a realización de accións formativas e beneficios para as empresas e persoas desempregadas, vinculadas sempre ó mantemento do emprego. De xeito significativo, tamén desaparece a posibilidade de despedimentos obxectivos colectivos nas administracións públicas.

En todo caso, este acordo non é un final, é un paso transcendental para a recuperación e avance dos dereitos dos traballadores e traballadoras deste país, que foi posible grazas á insistencia, flexibilidade e resistencia das organizacións sindicais máis representativas que temos demostrado o noso absoluto compromiso con aqueles e aquelas ós que representamos.

A nosa vontade é seguir avanzando no marco do diálogo social para consolidar plenamente un emprego con dereitos e de calidade

E con esa mesma insistencia, flexibilidade e resistencia temos que comezar o ano cunha nova negociación sobre o mercado de traballo, están pendentes as causas de despedimento, o procedemento dos ERE e o propio custe do despedimento. A nosa vontade é seguir avanzando no marco do diálogo social para consolidar plenamente un emprego con dereitos e de calidade no noso país.

En definitiva, este acordo non culmina pero si é unha importante cima á que se chega despois de ter dado importantes pasos dende o cambio de Goberno, coa actualización do SMI, o que hai que continuar incrementando, ca regulamentación do teletraballo, a inclusión dos “riders” no eido laboral ou ter asegurado as pensións de xubilación actuais e futuras. Todos pasos positivos pero somos conscientes de que hai que seguir traballando, este non é o final do camiño, porque temos que seguir recuperando dereitos  para o conxunto das persoas traballadoras. @mundiario

Comentarios