Máis alá da propaganda, non hai forma de agochar a carencia de política industrial propria

Eucaliptos en Galicia. / Pixabay
Eucaliptos en Galicia. / Pixabay

De se chegar a instalar, a día de hoxe falaremos da instalación dunha pasteira. Esta aseveración apóiase tamén na información que a empresa Altri oferece en Portugal.

Máis alá da propaganda, non hai forma de agochar a carencia de política industrial propria

Hai aspectos da actividade institucional dos gobernos –neste caso do galego– que só son explicábeis por unha especie de indixencia executora, a súa vez derivada da ausencia de proxecto: primeiro, de país e despois, da administración habitual dos intereses encomendados.

No caso que hoxe nos ocupa, a desexada instalación dunha factoría industrial na provincia de Lugo, protagonizada pola pasteira portuguesa Altri, reúne todos os elementos da necesidade de proxectos, a escaseza de investimentos industriais, a ocasión dos fondos Next Generation UE e o remate dun ciclo político con máis fracasos neste campo que éxitos a exhibir.

O escenario co balbordo xerado –e alimentado? coas caídas industriais da Mariña lucense– semellaba se pacificar anunciando a todo o orbe un investimento estrela como o proxecto dunha fábrica de celulosa e fibra Lyocell na provincia de Lugo.

Presentouse o proxecto en varias ocasións e, no momento máis recente, o derradeiro acto institucional de Feixoo no campo dos anuncios industriais, comunícase que Altri xa escolleu localización na Terra da Ulloa, concello de Palas de Rei.

Asúmese o custo de imaxe da Mariña sen proxecto, e cárganse as baterías de información, propaganda e máis propaganda para dúas cuestións fundamentais nos tempos actuais: contentar os desexos e necesidades de industrias novas con demanda de traballo crecente e amosar ao Goberno central que, de non cumprir coas expectativas galegas, vai ser albo de culpa da non realización do investimento.

O primeiro cuestionábel é a política informativa de crear ilusións para cobrir unha realidade lastimosa. O remate do ciclo da vida na Galiza de factorías de compañías multinacionais é algo que debe ser coñecido polo goberno galego como sucede con Alcoa, Vestas, Stellantis... De feito, éo. Outra cousa é que non se saiba afrontar tal eventualidade, que non haxa plan de suprir tais ausencias...

En fin, que non haxa forma, máis alá da propaganda, de agochar a carencia de política industrial propria: en acto, non en papel. De aí derívase a suplencia de non política industrial, polos anuncios máis ou menos rechamantes de posíbeis, futuros e desexados investimentos sempre coa forma de grandes proxectos, da man do capital extranxeiro, con miles de postos de traballo, con forza “tractora” impresionante..., un verdadeiro espellismo.

Como xa pasou máis veces –lembremos Pemex– a forma adoptada pola política informativa da Xunta de Feixoo non mudou, aprofundou nas formas, permítenos, facendo uso do débito profesional, analisar o contido da propaganda actual e despir de ropaxes absurdas o/s anuncio/os.

Palas de Rei

Na última ronda de propaganda a respeito de Altri anunciose que o emprazamento escollido pola empresa (en solitario) sería na Ulloa, Palas de Rei.  A empresa escolleu o dito emprazamento despois de sopesar 46 emprazamentos alternativos. É dicer, a empresa escolleu, non acordou.

Fálase dun investimento de 800 millóns de euros en total. Na prensa económica portuguesa de 750, que é o dado pola empresa.  Nun proxecto económico en firme non se adoita bailar alegremente con 50 millóns de euros arriba ou abaixo. Non é serio.

A empresa declara que elaborará pasta celulósica sólubel e mais fibra textil Lyocell para utilizar en primeira fase eucalipto galego. O eucalipto si vale directamente para fabricar pasta celulósica: Altri é unha pasteira. En troca, para fabricar Lyocell deberá comprar unha patente ou estabelecer un acordo tenolóxico coas posuidoras que hai no mundo.

De momento non ten resolvido este “pequeno atranco” polo que, de se chegar a instalar, a día de hoxe falaremos da instalación dunha pasteira. Esta aseveración apóiase tamén na información que a empresa oferece en Portugal: Altri inviste en Galiza debido á escaseza de eucaliptos portugueses. En Portugal xustifícase un investimento na Galiza por carecer de subministro de materia prima e tamén pola existencia de apoio público en forma de uso dos fondos Next Generation.

Unha vez que citamos estes fondos debemos nos aproximar a outro aspecto do anuncio: a día de hoxe non están garantidos eses fondos para este proxecto, tal e como teme o conselleiro de Economía, Industria e Innovación: anda convencendo o goberno central da idoneidade do proxecto Altri para ser incluído no PERTE (Proxectos Estratéxicos para Recuperación e Transformación Tecnolóxica) de Economía Circular, mais hai dúas pexas que semellan insalvábeis: o proxecto da pasteira inicialmente (outra cousa é no futuro, e só parcialmente, transformado tecidos en fibra mixta) non cumpre os requisitos estabelecidos no citado programa, e segunda, o programa enteiro está orzamentado cun total de 492 millóns de euros a repartir (para todo o Estado) en proxectos de economía circular reais, non futuríbeis.

Trabajadores de Altri. / Mundiario
Traballadores de Altri. / Mundiario

A prensa turiferaria

Outro elemento de propaganda utilizado para entusiasmar a proprios (nomeadamente os crentes en ilusións) e achegados (a prensa turiferaria), reférese aos postos de traballo que denominan “creados”.

Deixando de lado por falso –neste caso– o verbo crear, xa que Altri non crea nada: se inviste, precisa forza de traballo e se non inviste, non. Fai demanda de forza de traballo de forma imprescíndibel para pór a funcionar a súa factoría (precisión profesoral, pode que impertinente, mais tentadora). Non obstante, é doado para os anunciantes de ilusións falar de crear e non de demandar, porque a creación é un acto divino, precisa crentes e a ilusión sempre pode cabalgar por pistas imaxinadas fóra da realidade.

Unha pasteira como Altri funcionando en Portugal cunha produción de pasta de 1,5 millóns de t., emprega 774 persoas. Na Galiza, de se instalar, produciría 200.000 t., aproximadamente: precisaría logo a quinta parte. A fibra Lyocell por comparación con outras factorías –coa técnica e a organización fabril actual– funcionaría con menos de 200 traballadores directos, ergo, diríamos que a pleno rendemento, contaría con menos da quinta parte da cifra de 2.500 empregos anunciados pola empresa e coreados pola Xunta. Ou referiranse á fase de construción? Outro elemento de propaganda ilexítima.

Puntos clave

Certamente, o declarado de forma nítida pola empresa é que:

1º, teñen decidido  o emprazamento e teñen posibilidade de acceso a 200 Ha. Posibilidade de acceso non é posesión: é preacordo de acceso.

2º, só se fará o investimento se hai fondos Next Generation, neste caso terse incluído nun PERTE.

3º, A decisión final será adoptada no fin deste ano: non atopamos causa de botar bombas de palenque, por agora.

4º, A Mariña fica sen investimento.

5º A Xunta prepara o dossier para lle botar a culpa do non investimento ao Goberno central cando, en todo caso, é a ausencia de proxectos idóneos a causa da responsabilidade,

e 6º e final, non hai incardinación con nengún sector industrial da economía galega: demandan eucaliptos e fan pasta celulósica e se chegan a facer fibra é para a industria téxtil –que na Galiza, como é sabido, non existe, aquí hai confección–, e a fibra é para a industria que fabrica tecidos nomeada e maioritariamente está Asia, por tanto é directamente para o mercado mundial. @mundiario

Máis alá da propaganda, non hai forma de agochar a carencia de política industrial propria
Comentarios