Altri e os augafestas

Trabajadores de Altri. / Mundiario
Traballadores de Altri. / Mundiario
Hai unha serie de aspectos reais que obrigan a considerar con prudencia a onda de alegría desaforada en forma de propaganda.

Nos medios oficiais de propaganda institucional, viñéronse arriba -na linguaxe coloquial- e desde o anuncio da pasteira portuguesa Altri de ter escollido a Terra da Ulloa para a posíbel instalación da súa posíbel factoría, comezaron a rodar cifras e opinións de todo tipo que, de non pasaren por un cribado do cerebro, pode parecer que chega a felicidade total, en forma de maná inversor.

Hai unha serie de aspectos reais que obrigan a considerar con prudencia a onda de alegría desaforada en forma de propaganda. Deixaremos sen consideración por disparatada a comparación do significado económico da futura factoría, cando se poña a producir, co PIB da provincia de Lugo; as cifras que apareceron escritas o único que demostran é un baile de números, en estado de ebriedade, cuxo significado non foi entendido. Unha factoría que tivo o ano pasado un beneficio -en todo Portugal- de 123,7 millóns de euros e producindo (supostamente) en Palas de Rei a quinta parte do que en Portugal, non pode acadar nada parecido a significar algo comparábel co PIB de Lugo, por riba dos 2.000 Millóns de euros.

Non se saberá até fins deste ano se finalmente Altri acorda levar a cabo o proxecto porque deberá ter resolvidas algunhas cuestións fundamentais á hora de tomar a decisión final. Primeiro, se hai fondos Next Generation disponíbeis, Segundo, se os seus socios se convencen da rendibilidade do proxecto e dan o visto e prace final. Terceiro, se acordan en boa negociación teren un socio tecnolóxico proprietario do método de fabricación da fibra téxtil denominada Lyocell, e, cuarto e final, mais non menos importante, como evolúe a situación relativa do mercado mundial nas producións equivalentes (vinculado co anterior porque os titulares da tecnoloxía son grandes produtores mundiais).

Non saberemos tampouco até ese momento canto deberemos nos alegrar no referente á demanda de forza de traballo, que mal chaman creación de emprego. As contas máis próximas á realidade non casan coas cifras astronómicas do número futuro de empregos: falouse de 1.000, logo, 1.500, e xa van na feira polos 2.500. Poden seguir subastando ilusións, mais Altri, que en Portugal produce máis de 1 millón de t., emprega 774 persoas. Aquí, nun proxecto axustado de 200.000 t. empregará inicialmente moito menos de 200; até 2.500 debeuse de mover un cero. Dun investimento desta natureza previsto de 700 millóns de euros é imposíbel empregar 2.500, imposíbel nos termos económicos en que se moven os investimentos nese sector.

E xa que falamos de cifras disparatadas hai algunha outra que é pior aínda. Non sabemos se é ignorancia, precipitación ou como o do ‘chiste’ aquel que dicía: ao pasar de 1.000 euros todo me dá igual; o caso é que se confundiu, na cifra de produción de Altri en Portugal, unha coma de decimais, con un ponto de miles, e así se vén usando en varias publicacións, que copian unhas doutras, a cifra de 1.158 millóns de t. de produción en Portugal, cando en realidade quérese dicer 1,158 millóns de t. Ou ben non se sabe o que é unha tonelada ou é que tanto ten o que pase de 1.000. Agardemos a 2023 para comezar a nos alegrar e, daquela, falaremos de cifras. @mundiario