Os expertos consideran que Galicia debe estar en posicións relevantes nas TIC

María Cadaval, Xosé Carlos Arias, Fernando Pérez González e Domingo Docampo. / Mundiario
María Cadaval, Xosé Carlos Arias, Fernando Pérez González e Domingo Docampo. / Mundiario
O equipo Galicia 2040 pon deberes á Administración, empresas e universidades para a xestión dos fondos Next Generation
Os expertos consideran que Galicia debe estar en posicións relevantes nas TIC

Expertos do Foro Económico de Galicia consideran que Galicia debe estar en posicións relevantes nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e non conformarse con ser integradores, xa que conta con vimbios para reducir a fenda tecnolóxica. Xa que logo, o equipo Galicia 2040, unha unidade de traballo investigador do Foro Económico de Galicia, pon deberes á Administración, empresas e universidades para a xestión dos fondos Next Generation EU.

Os autores do estudo presentado en Abanca, Fernando Pérez González, Domingo Docampo, Xosé Carlos Arias, María Cadaval e José Francisco Armesto, aseguran que a comunidade galega dispon dunha industria TIC forte é un dos mellores activos cos que un país pode contar para garantir o seu futuro. Galicia –aseguran– debe aspirar a figurar en posicións relevantes da cadea de valor TIC global e non conformarse con ser simplemente os que integran  ou personalizan a tecnoloxía creada por outros.

Nun contexto de rápidas e disruptivas transformacións, caracterizadas polo grao de incerteza en canto ao seu impacto socioeconómico e ao seu dinamismo, fai complexo o exercicios de prospectiva, mais faise necesario facer unha reflexión estratéxica sobre o impacto destas transformacións na sociedade e no tecido produtivo e empresarial de Galicia, segundo apuntou a profesora de economía María Cadaval. "Esta é a vocación do Foro Económico de Galicia, que a través do seu grupo de traballo Galicia 2040 pretende contribuír a asentar as bases da Galicia próspera pola que todos devecemos e alentar vías que aseguren o crecemento económico, o benestar social e a calidade de vida da súa poboación", explicou.

Para encarar este proceso de reflexión estratéxica definíronse cinco eixos de cambio, todos eles fortemente interconectados: (i) tendencias demográficas; (ii) transformacións tecnolóxicas e o seu impacto no tecido produtivo, o emprego e a cidadanía; (iii) a articulación territorial, tendo en conta que o século XXI será o século das cidades; iv) o medio ambiente e a súa relación coa economía;  por último (v) os cambios institucionais e as relacións entre os sectores público e privado. 

En concreto, neste segundo documento do grupo de traballo, tra-lo primeiro sobre demografía, segundo María Cadaval cómpre destacar que no proceso de dixitalización interveñen moitos axentes e, de cara ao futuro, o reto está na elección dos pasos a dar e nos obxectivos intermedios que se queren acadar.

"O éxito dese proceso vai depender tanto do papel das administracións no impulso ao uso das tecnoloxías asociadas á dixitalización como do grao de liderado exercido polo sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e a súa conexión co resto dos sectores produtivos. Coa máxima precaución dada a devandita celeridade dos cambios, podemos salientar algunhas tendencias que se albiscan no tránsito dixital: entre outras, o uso masivo da intelixencia artificial, as expectativas de cambio radical na computación, o despregue de 5G, a ciberseguridade, ou a importancia crecente das tecnoloxías verdes", dixo tamén esta profesora da USC.

Asemade, desde o Foro Económico de Galicia din que cómpre insistir en que Galicia conta con exemplos senlleiros desta simbiose altamente positiva entre os diversos axentes nos distintos ámbitos da estratexia de especialización (RIS3), que están fortemente aliñados cos grandes “retos dixitais” enxergados na Unión Europea. "Existen múltiples ámbitos de oportunidade nas tecnoloxías dixitais que están chamados a provocar cambios de gran calado nas cadeas de valor nos vindeiros anos", rematou María Cadaval

José Francisco Armesto Pina, Xosé Carlos Arias, Fernando Pérez González, Domingo Docampo e María Cadaval. / Mundiario

José Francisco Armesto Pina, Xosé Carlos Arias, Fernando Pérez González, Domingo Docampo e María Cadaval. / Mundiario

Galicia pode e debe tirar partido das oportunidades que achega a dixitalización, xa que conta con vimbios abondo para reducir a fenda tecnolóxica

A pesar da velocidade e intensidade do proceso de transformación dixital, os expertos do Grupo 2040, consideran que Galicia pode e debe tirar partido das oportunidades que achega a dixitalización, xa que conta con vimbios abondo para reducir a fenda tecnolóxica. Galicia ten industria do hardware ben desenvolvida e con capacidade exportadora, ben situada nas tecnoloxías de mobilidade, un sector agrotecnolóxico maduro e dispón dunha banda larga avanzada, en comparación con outras rexións españolas e da UE. A comunidade conta ademáis con empresas tractoras e con universidades e centros tecnolóxicos implicados no proceso de dixitalización.

A propósito das chamadas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, os expertos engaden que Galicia, como as demáis comunidades autónomas vai dispor dun importante aporte de fondos do Next Generation EU. A xestión destes fondos adquire un papel crucial para a transformación do tecido produtivo. O informe define os deberes dos actores implicados para obter a máxima eficacia nesa xestión. En primeiro lugar, a Administración debe mellorar os seus procedementos organizativos, ao tempo que ten que exercer un papel impulsor na transición á economía dixital. En segundo lugar, o tecido empresarial e nomeadamente o sector TIC, debe adaptarse ao novo entorno dixitalizado e aproveitar as oportunidades existentes. Por último, o sistema universitario galego e os centros tecnolóxicos teñen a obriga de contribuir coa súa investigación e coa formación de persoal especializado en procesos de dixitalización .

O Grupo Galicia 2040 está formado por analistas e investigadores co obxectivo de trasladar á sociedade posibles escenarios de futuro nos cinco eixos fundamentáis de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medioambientais e o contexto xeoestratéxico.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @munmdiario

Comentarios