Formoso utiliza agora datos da etapa de Gonzalo Caballero para poñer en valor ao PSdeG

Valentín González Formoso. / PSdeG
Valentín González Formoso. / PSdeG

Algúns datos e porcentaxes do secretario xeral do PSdeG - PSOE non coinciden exactamente cos do seu antecesor, pero parecense moito.

Formoso utiliza agora datos da etapa de Gonzalo Caballero para poñer en valor ao PSdeG

O secretario xeral do PSdeG - PSOE, Valentín González Formoso, presentou esta fin de semana aos socialistas galegos como “a alternativa sensata e ilusionante” que necesita Galicia “fronte a un PP en fin de ciclo”. Sinala que “O PSdeG está chamado a liderar o cambio en Galicia” diante dun PP “enredado na historia interminable da sucesión de Feijóo”. A realidade indica que o PSOE galego é a terceira forza no Parlamento galego con 14 deputados, xa que a segunda é o BNG.

Valentín González Formoso coida, en todo caso, que os socialistas son "a alternativa para reactivar Galicia de forma sensata pero contundente”, tal e como “estamos demostrando cada día coas nosas propostas e nos concellos nos que gobernamos”, explicou nunha declaración.

O secretario xeral do PSdeG - PSOE defendeu tamén un proxecto “que sexa quen de estar á altura das circunstancias e das ansias dos galegos e das galegas que queren un goberno forte, que respecte as tradicións e revolucione este país con tranquilidade”.

González Formoso presentou a alternativa socialista como “capaz de poñer o mellor que ten” e de facer valer “as potencialidades do país nun momento que necesita dunha Galicia activa, dinámica e que aspire a todo”.

Coincidencia de Formoso con  Caballero

Segundo datos que ofrece a web do PSdeG - PSOE, Valentín González Formoso falou dun PSdeG que goberna ao 62 por cento da poboación galega en todo o país, que preside as deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo, así como as cidades de Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol e 111 alcaldías en todo o país. Son datos que se parecen aos que ofreceu o seu antecesor, Gonzalo Caballero, cando fixo balance da súa xestión diante do último congreso do partido en Galicia.

Nas municipais de 2019, salientara daquela Gonzalo Caballero, o PSdeG alcanzou "a maior representación no poder municipal galego na nosa historia", sendo a subida do PSdeG de sete puntos sobre a cita anterior. "Cun 32,76% dos votos dos galegos e das galegas (fronte ao 33,35% do PP), o 55% da poboación galega contou cun alcalde ou alcaldesa socialista: en cinco das sete grandes cidades e nun total de 113 concellos e vilas. Ademais, o PSdeG lidera tres das catro diputaciones, cogobierna en moitos concellos e aumentou o número total de concelleiros", dixera tamén Caballero. Algúns datos e porcentaxes manexados por Caballero e Formoso non coinciden exactamente, pero parecense moito.

Formoso non puxo en valor os datos do PSdeG - PSOE nas xerais e nas europeas, algo que Gonzalo Caballero tiña por norma facer sempre. Na primeira convocatoria electoral do mandato de Caballero como líder do partido en Galicia, nas eleccións xerais de abril de 2019, o PSdeG gañou ao PP por primeira vez na historia en Galicia e experimentou unha subida de dez puntos sobre a cita anterior, pasando de seis a dez deputados e alcanzando un 32,28% dos votos dos galegos e das galegas. Na repetición destes comicios, en novembro de 2019, o PSdeG mantivo os 10 deputados e obtivo un 31,59% dos apoios. No mes de maio dese mesmo ano, nas eleccións europeas, o PSdeG obtivo unha nova vitoria, a segunda vez na historia de Galicia, fronte ao PP de Feijóo, cun 35,05% dos votos e 15 puntos máis que nas anteriores europeas.

A longa transición de Feijóo

Logo dunha etapa de meses que o PP dedicou a “arranxar os seus problemas internos de sucesión”, para González Formoso é o momento de que Galicia “teña un goberno que se poña a traballar, ao servizo de Galicia e non do PP”. Así o dixo logo da escenificación da sucesión de Feijóo “demasiado longa”, na que “observamos que o reparto de poder no futuro goberno galego entre os varóns provinciais é unha mesa camilla”.

Galicia, dixo Valentín González Formoso, “agarda por un DOG e un goberno que lidere a toma de medidas e que as publique no diario oficial dunha vez por todas”. Sinalou que “o país está aterido pola situación económica máis grave dos últimos 30 anos, que afecta aos gandeiros, os agricultores, os pescadores, os transportistas e os operarios das fábricas que adoecen de falla de produción pola carestía dos prezos da electricidade”. @mundiario

Comentarios