Estado de guerra perpetuo
Hai moi poucas aseveracións orixinais que se poidan facer diante da invasión de Ucraína por Rusia. É absolutamente inaceptábel unha inxerencia armada nun país, sexan cais foren os seus problemas internos, a súa composición institucional máis ou menos homologábel ou o seu carácter amigábel cos que detentan o poder no mundo. Mais, dito isto, non queda máis para dicer, porque se a aseveración é válida, tanto en termos lóxicos como de ética-política de relacións entre pobos e estados, ha valer para aplicar en todos os casos coñecidos, e, infelizmente, non atopamos –mesmo neste século– máis que sucesos de violación permanente do que denominou Inmanuel Kant, 1795, o quinto principio preliminar dunha paz perpetua entre os estados: “Nengún Estado debe inmiscirse pola forza na constitución e o goberno doutro Estado”.
Tomando emprestada a achega de Kant –feita antes de rematar o século XVIII– no opúsculo A paz perpetua, é imposíbel non traer á memoria todos e cada un dos casos en que se producíu unha violación flagrante dese principio. Se é asi, fica tamén como unha evidencia histórica que o suposto avanzo civilizatorio logrado polas relacións humanas nestes dous séculos e cuarto, non teñen sido de moito orgullo.
No caso actual nen sequer o estabelecemento dun corredor humanitario (feito o día 3-03-22) se fixo de acordo co dereito internacional humanitario. Non obstante, sen necesidade de lembrar todos e cada un dos casos de inxerencia armada e de violación evidente dos dereitos dos pobos que sufriron guerras por seren invadidos, si é preciso citar a parte de responsabilidade que é atribuíbel aos gobernos dos estados poderosos do mundo, xa que levan exercido de líderes de occidente desde a segunda guerra mundial.
Os limites da OTAN ficaron en evidencia ao non dar nen unha resposta (máis que declaracións) na guerra de Siria. E a relación de amizade perigosa de Donald Trump con Vladimir Putin é aínda exhibida hoxe mesmo.
A vergoña da guerra de Siria (quen di Siria, pode dicer Irak, Palestina, Libia, Iemen, Afganistán...) e o papel de occidente, visto hoxe, non é máis que un síntoma das dificuldades actuais de combinar intereses económicos evidentes –e curtopracistas– cunha política exterior entre UE e os USA, con OTAN ou sen ela.
Ficou en evidencia que o nível acadado pola UE como supraestado dos membros europeus é case unha quimera: nen existe como estado de estados, nen ten política exterior, submétese ao aliado americano e así mesmo tampouco é quen de se entender con Rusia, coa que comparte algo máis que fronteiras.
Hai unha conta de responsabilidade esixíbel a todos os estados europeos e a EE UU, da actuación de Rusia co seu dirixente Putin á cabeza, xa que houbo ocasións abondosas nos últimos anos, e máis concretamente desde Crimea, para saber que aí non remataba a súa rota para se facer valer despois de se sentir desprezada. Din os estrategas militares, expertos en guerras e na súa evitación, que non convén acurralar a ninguén, humillar a ninguén ou condenalo a que se vexa permanente baixo ameaza de ser aniquilado. @mundiario



