Cando as aulas baixaron ao mar: a cadea humana que fixo fronte ao chapapote

Hoxe sería impensábel unha resposta cívica a través dunha acción de carácter pedagóxico como a ideada nos meses de decembro de 2002 e xaneiro de 2003 polo profesorado vinculado ao colectivo Areanegra.
Imágenes del Prestige en casares.blog. / Mundiario
Imaxes das protestas polo Prestige en casares.blog. / Mundiario

O 22 de xaneiro de 2003 unha cadea humana de case 50.000 persoas chegadas en 850 autobuses uniu os 40 quilómetros de costa entre Laxe e Muxía nunha acción épica que demostraba o compromiso do estudantado e a capacidade de mobilización da comunidade educativa. A Consellaría de Educación foi incapaz de frear a indignación existente polas mentiras e manipulacións das erradas decisións tomadas após o accidente do Prestige, aínda que utilizou armas de todo tipo para que non se puidese desenvolver a actividade deseñada pola Coordinadora de Ensino Areanegra.

Hoxe sería impensábel unha resposta cívica a través dunha acción de carácter pedagóxico como a ideada nos meses de decembro de 2002 e xaneiro de 2003 polo profesorado vinculado ao colectivo Areanegra. Falamos dunha iniciativa inserida nas programacións curriculares a través dun tratamento interdisciplinar e múltiplas actividades de entre as que a saída á Costa da Morte non era máis que o ramo final. Porque os centros educativos estaban naquela altura ateigados de carteis, de murais, de manifestos e de anuncios de conferencias, debates, recitais e propostas culturais co atentado ambiental que supuxo o naufraxio do Prestige de fondo. E falo das dificultades existentes hoxe porque asistimos nos últimos anos a un proceso de burocratización do ensino nunca visto até o de agora e a un control –directo ou indirecto a través do empeoramento das condicións laborais do colectivo docente– exercido coa intención que o labor educativo sexa menos práctico e estea moito menos en contacto coa realidade social e o contexto territorial. De aí que a práctica educativa baseada en experiencias particulares fóra das aulas sexa hoxe máis difícil que hai 20 anos, e que tamén exista unha autocensura previa ante iniciativas que poden mudar a nosa maneira de pensar.

Os centros de ensino convertéronse naquela altura en puntos de apoio para o voluntariado, poñendo a disposición comedores, ximnasios e demais instalacións e servizos para a xente que se achegou a axudar a limpar as nosas costas. Isto serviu como intercambio de coñecemento co alumnado e profesorado en materia ambiental, ética e mesmo idiomática e contribuíu a fomentar a conciencia ecoloxista na mocidade.

A Coordinadora de Ensino Areanegra só tivo que poñer a semente coa súa idea para que esta se estendese como un regueiro de pólvora e fosen centos os centros educativos de diferentes niveis que querían mostrar a súa rabia. A necesidade de berrar alto e forte foise facendo cada vez maior conforme se ían coñecendo as mentiras das persoas que formaban parte dos gobernos galego e do Estado. A provocación do presidente da Xunta, Manuel Fraga, que marchou cazar en plena crise do Prestige e o intento de minimizar a situación cos famosos “hilillos” de plastilina de que falou Rajoy, foron só algúns dos episodios máis indignantes que rodearon unha actuación escandalosa por parte do PP nos diferentes gobernos. 

Restos de chapapote del Prestige. / Manuel Rivas
Restos de chapapote do Prestige. / Manuel Rivas

A resposta foi tan ampla que chegou un momento en que houbo que desistir de continuar anotando estudantes e profesorado que querían acudir á Cadea humana e pasaron a deseñarse outras accións de acompañamento da principal. Realización de exposicións, pequenas cadeas humanas nos patios escolares, nas prazas ou nas praias próximas, recitais,…, unha morea de accións para aquelas persoas que non puideron subir a eses autobuses que a Consellaría tentou boicotear. Porque é importante lembrar que tivo que chegar o transporte de Asturias, de Castela e mesmo de Portugal, e que houbo docentes expedientadxs e outrxs ameazadxs por parte das autoridades educativas. Por non falar das circulares recibidas nos centros esixindo retirar todos os carteis de Nunca Máis.  

Se levamos tempo reivindicando que o 1 de decembro se declare Día da Dignidade do pobo galego, o 22 de xaneiro debería lembrarse en todos os centros educativos. Unha acción sen precedentes, que demostrou a capacidade mobilizadora da comunidade educativa, e que deixou nas nosas retinas esa longa ringleira de brazos e mans a se estender e a palabra VIDA debuxada con persoas na praia de Traba de Laxe. E que estou certa que deixou milleiros de estudantes impactadxs, pois sempre gardarán esta experiencia como unha das máis potentes da súa etapa educativa. Saír dos centros é fundamental para o alumnado. Acudir ao teatro, ao cinema, a exposicións, a museos, a espazos patrimoniais... Mais, por moi forte que sexan estas actividades, nada máis educativo que ser protagonista directa/o cunha acción con fondas raíces na aprendizaxe ecolóxica, na solidariedade e mesmo, por que non dicilo?, na necesidade de afrontar colectivamente os problemas e de se mobilizar para berrar aquilo que nos afoga. Como nos afogaba a marea de fuel que impregnou as nosas costas, matou cantidades enormes de aves e peixes e nos deixou ao borde do abismo no recurso da pesca como xeito de vida. Esas letras a demandaren VIDA son tamén as que hoxe nos moven contra a emerxencia climática e as que nos poden facer dar pasos para recuperar o carácter crítico e motivador do ensino.

Parabéns para aquel grupo, inicialmente reducido, de ensinantes do colectivo Areanegra que nos fixo soñar cun mundo mellor e unha pedagoxía avanzada, á vangarda, como demostrou o Premio Marta Mata de Pedagoxía convocado pola Asociación de Mestres/as Rosa Sensat. Máis unha vez, chega de fóra o recoñecemento a unha acción que debera pasar aos libros de texto, estudarse e formar parte da aprendizaxe para transformar a realidade en que vivimos e apostar por valores ambientais de sensibilización e concienciación sobre a terra que tripamos e o mar que nos rodea. @mundiario

Comentarios