A Fiscalía Xeral do Estado debería denominarse Dirección Xeral da Fiscalía

El presidente Mariano Rajoy.
O presidente Rajoy: Que a demisión non nos impida ver o bosque...

Trátase dun órgano que carece de independencia respecto ao poder executivo. A actuación do fiscal no caso do 'Prestige', negándose a acusar a membros da administración, ilustra os problemas.

A Fiscalía Xeral do Estado debería denominarse Dirección Xeral da Fiscalía

A lista das razóns polas que Mariano Rajoy (e unha boa parte da cúpula do PP) debería ter dimitido é tan extensa como profusamente coñecida, e polo tanto é superfluo reproducila unha vez máis. De feito a cuestión xa non é esa, a cuestión é que, chegados a este punto, non teñan dimitido. Isto pon de manifesto polo menos dúas cousas. En primeiro lugar, que existen problemas estruturais graves no noso sistema político que deben ser resoltos para poder avanzar como sociedade. En segundo lugar e, en relación ao anterior, que un mero cambio de cromos non vai a resolver o problema.

Sen dúbida a remoción de Rajoy é unha media profiláctica imprescindible para a boa saúde da nosa democracia, pero se o resultando da descomunal forza social que neste momento está reclamando a súa dimisión é simplemente ese, terá o mesmo efecto que o derribo da estatua de Sadam Husseim cando as tropas norteamericanas tomaron Badgad: os detractores celebrarán eufóricos a aniquilación do inimigo, os noticiarios terán un excelente espectáculo para consumo inmediato e pouco máis.

Se queremos que as cousas non sigan igual é preciso remover o marco institucional que facilita a cómoda supervivencia e ampla difusión da corrupción na nosa sociedade. É, por tanto, necesario definir regras do xogo que establezan mecanismos de corrección das desviacións de poder respecto do interese xeral, mecanismos que non pode quedar encapsulados nas institucións formais, senón que debe calar na sociedade. Para iso, o amplo repudio das prácticas corruptas ou deshonestas que se está a expresar nas rúas, foros, redes sociais debe dar lugar á esixencia de instrumentos que permitan unha detección máis temperá, á eficaz persecución dos actos punibles e á discusión fundamentada de actuacións espurias.

¿Dirección Xeral da Fiscalía?

O primeiro deses instrumentos ten que ver coa Fiscalía Xeral do Estado que, en propiedade, debería denominarse Dirección Xeral da Fiscalía, xa que se trata dun órgano do goberno que carece de independencia respecto ao poder executivo. A actuación do fiscal no caso do Prestige, negándose a acusar a membros da administración, ilustra os problemas desta situación. Certamente procura distraer a responsabilidade do Estado e aforrarlle as indemnizacións correspondentes. Sen embargo, se as institucións non son obrigadas a afrontar as súas responsabilidades o que se fomenta é (obviamente) a irresponsabilidade na administración do público. E dicir, estase a furtar un importante mecanismo de perfeccionamento e mellora das actuacións públicas. De feito, é rechamante que a día de hoxe apenas se tomaran medidas correctivas a respecto da situación de 2002. Diversas actuacións recentes da fiscalía suxiren que efectivamente o estatuto do ministerio fiscal podería ser perfeccionado.

Outro dos aspectos nos que debe avanzarse é no da transparencia, non só de todas as entidades públicas, senón de todos os poderes do Estado, así como das entidades privadas que realicen funcións públicas. Todo aquilo que non sexa secreto oficial ou dados persoais debería estar a disposición da cidadanía de xeito directo e sinxelo. A ausencia de información sobre a que a cidadanía poida formular posicións informadas é un campo abonado para a manipulación, a desviación de poder e a arbitrariedade. España, non por casualidade, ten un dos niveis de transparencia máis baixos de Europa.

Tribunal de Contas con autonomía

En relación ao anterior, sería así mesmo necesario dotar ao Tribunal de Contas de autonomía respecto do executivo, medios suficientes, capacidade coercitiva e acceso a datos que resultan indispensables para o bo exercicio do seu labor, como son os da Axencia Tributaria e os da Seguridade Social. Si, a estes dados pode accederse para saber se un particular comete fraude na solicitude de colexio para os seus fillos, pero non para saber se un partido se financia ilegalmente.

No mesmo senso, a cidadanía non pode exercer a súa soberanía sen un acceso amplo e equitativo a todo tipo de ideas, opinións e informacións. Nun momento de forte concentración dos principais medios de comunicación, o papel das radios e televisións públicas pasa a ser crucial para asegurar unha información libre e contrastada. De aí que sexa indispensable garantir un estatuto de independencia (o que inclúe a solvencia económica) para os medios públicos. No caso galego, é notoria como a ausencia de escrutinio xornalístico estrito facilitou a ocultación de prácticas empresariais que, finalmente, non só danaron ás propias empresas implicadas, senón que pode ter graves consecuencias no plano estratéxico, económico e social para a nosa Comunidade. E, no mesmo sentido, debe garantirse que as axudas aos medios de comunicación privados, nin xeran dependencias respecto da administración, nin impiden a entrada de novos competidores, fomentando así a innovación e o pluralismo informativo.

Plurais e diversos

Por último, os parlamentos deben tender tamén a ser máis plurais e diversos, non só xa a efectos de garantir que todas as voces son escoitadas, senón tamén porque nun contexto de alternancia bipartidista os partidos de goberno poden estar tentados a preservar institucións e organismos opacos ao efecto de tirar vantaxe na xeira de goberno correspondente. Isto é de particular importancia cando determinados organismos públicos (como o Tribunal de Contas) deben estar sometidos a un control efectivo do Parlamento e á vez resultar estancos á influencia do executivo. A existencia de observadores plurais pode evitar sesgos e presións sobre o labor destes organismos. Nese senso, resulta hoxe en día contraproducente o mantemento de barreiras de acceso ao Parlamento en forma de porcentaxes de voto mínimo.

Certamente hai moito que pulir e moito máis que falar, pero a idea de fondo é que se non removemos os incentivos para as prácticas corruptas estamos condenados a sufrilas reiterada e extensamente. A crise institucional en curso pode ser o detonante  dun proceso de progreso se a enorme esixencia social que se está a fraguar nestes momentos é quen de transcender o conxuntural. Aos partidos na oposición pode servirlles a mera dimisión de Rajoy, á nosa sociedade e ao noso futuro non.

Comentarios