A desaparición de Cacharro Pardo e a dimensión da súa herdanza política

Francisco Cacharro Pardo.
Francisco Cacharro Pardo.

A lembranza do poder absoluto de Cacharro suscita unha pregunta relevante: cal foi o balanzo do seu mandato en termos de progreso económico e de benestar social da provincia de Lugo?

A desaparición de Cacharro Pardo e a dimensión da súa herdanza política

A lembranza do poder absoluto de Cacharro suscita unha pregunta relevante: cal foi o balanzo do seu mandato en termos de progreso económico e de benestar social da provincia de Lugo?

Mais alá das habituais honras fúnebres,hai unha coincidencia básica sobre Cacharro Pardo: o nivel de poder acumulado durante 25 anos na provincia de Lugo é o maior que se pode constatar no postfranquismo. Existen sucesos e testemuñas concretas que acreditan o control absoluto que exercía sobre o seu partido e, polo tanto, sobre as institucións que ocupaban os seus subordinados. Nin o propio Fraga foi quen de modificar o statu quo cacharrista. Eran os termos contractuais típicos dunha relación clientelar:o ex –presidente da Deputación aseguraba a continuidade da hexemonía electoral do PP na circunscrición lucense a cambio dun virreinato territorial non sometido a interferencias alleas.

Quen non aceitaba a lóxica de Cacharro pagaba unha forte peaxe. Se os votantes da segunda vila da provincia –Monforte de Lemos- teimaban no apoio a un alcalde –Celestino Torres- que non figuraba na nómina do patrón, ficaban sen os recursos precisos para infraestruturas e dotacións que recibían os concellos submisos. Se eses mesmos votantes decidían, no ano 2003 e despois de 8 anos de maioría absoluta do PP, promover ao nacionalista Severino Rodríguez á presidencia dun goberno de coalición, Cacharro respostaba coa contundencia habitual: pechar as portas da Deputación a calquera entrevista co novo rexedor. Se o alcalde da capital –Joaquín García Díez- movía os marcos implícitos marcados polo padriño, non saía na foto dos seguintes comicios aínda que iso propiciara a chegada de López Orozco á presidencia da Corporación local.

A lembranza do poder absoluto de Cacharro Pardo suscita unha pregunta relevante: cal foi o balanzo do seu mandato medido en termos de progreso económico e de benestar social da provincia de Lugo? Onde están os cambios estruturais que permitan mirar con certa esperanza o futuro do tecido social dese territorio? A cuestión demográfica estivo algunha vez na axenda política da máquina de recadadores de votos creada por Cacharro?

As mesmas preguntas podían ser formuladas mudando o escenario e os protagonistas: Ourense e a familia Baltar. As respostas serían moi parecidas.

Núñez Feijóo presume do que carece. Cando chegou á presidencia da Xunta, a herdanza cacharrista presentaba importantes vías de auga e non tivo que aturar os desplantes que coñeceu Fraga nas décadas anteriores. Con Baltar podía demostrar a verosimilitude  da súa presunta lóxica “moderna” na gobernanza do partido e das institucións. Se algunha vez existiu tal pretensión o fracaso é indscutíbel. Hoxe por hoxe non foi quen de modificar  o troco tradicional: votos para a sigla a cambio de manter a continuidade do virreinato provincial.

Comentarios