Rebeca Conde, a dignidade de escribir
Tódolos días preséntanse libros. A produción literaria é un fenómeno crecente e, no caso de Galicia, a creatividade é tal que non hai proporción entre o número de habitantes e o de autoras e autores, tanto en lingua galega coma castelá. É o caso de Rebeca Conde, unha muller nova de apenas 30 anos, que vén de publicar a súa primeira novela, Tinieblas en el corazón, presentada no Círculo de Empresarios de Vigo nun acto organizado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Galicia en colaboración coa Asociación Fademga-Plena Inclusión Galicia.
Rebeca, natural e veciña de Porriño, non é unha autora máis. Un accidente sufrido cando era una nena produciulle parálise cerebral adquirida, o que lle dificultou o camiño para cumprir os seus soños, por mais que non llo impediu. Estudosa, constante, intelixente e creativa, demostra que hai barreiras que se poden superar, non sen esforzo, non sen dificultade, pero a constancia, a vontade e a confianza en si mesma, xunto ao debido acompañamento familiar, foron claves no seu caso, como tamén o foi, e isto é crucial, a axuda e acompañamento que entidades como Fademga aportan a persoas que precisan apoio para poder incorporarse á escolarización, á formación laboral e ao mundo do traballo. A diversidade non ten porque ser un impedimento, mais que sexa, sen dúbida, unha dificultade. Un dos seus traballos máis recentes foi como bolseira de Fademga na Valedora do Pobo onde realizou funcións de atención ao público, entre outras.
No caso da literatura, Rebeca dá un paso máis alá e consegue construír unha historia complexa, con múltiples personaxes e situacións, onde predomina a preocupación por discriminacións como o racismo, o maltrato animal, a trata de persoas... Asuntos que se converten en materia literaria nas súas mans. Mais, esta publicación motiva unha reflexión, a maiores, sobre o mercado editorial.
O proceso seguido pola autora de Tinieblas en el corazón para ver a súa novela publicada é complexo e mellorable, como indicou na presentación, Marisa Barreno, directiva na Asociación de mulleres empresarias, e editora. Rebeca Conde recorreu a auto edición cunha das editoriais con máis experiencia neste eido: Círculo Rojo, afrontando os custes, a difusión e a comercialización da súa obra. Botouse en falla o debido asesoramento e acompañamento editorial no tratamento do texto que, se resulta un proceso de grande esforzo para calquera autor ou autora, xa non digamos no caso de persoas que requiren dunha atención específica.
A necesaria cultura inclusiva
En Galicia vén de anunciarse o envío ao Parlamento da chamada Lei da cultura inclusiva que busca “fomentar a participación cultural e efectiva de calquera cidadán en Galicia, viva onde viva”, coa intención de “eliminar calquera barreira física, cognitiva, territorial ou social”, mediante “medidas de apoio a creadores de ámbitos e condicionantes que supoñan unha dificultade engadida, con perspectiva de xénero, fenda dixital, diversidade socioeconómica e dispersión xeográfica” entre outras circunstancias a superar.
A historia de Tinieblas en el corazón, de Rebeca Conde, é un bo motivo para confiar en que esta medida facilite a expresión e realización de persoas que parten dun umbral de maior dificultade. Algo que, no caso da cultura, é especialmente complicado. Ogallá que a próxima novela súa, ou doutras autoras e autores, así como outras iniciativas artísticas, teatrais, ou de calquera das múltiples expresións creativas e artísticas, teñan acomodo nun ecosistema cultural que xera o 3% do PIB e máis de 30.000 empregos en Galicia.
Non é unha cuestión menor, entre outras cousas, porque alén dos datos económicos, unha sociedade culta é unha sociedade digna, e esa dignidade é precisa desde o mesmo proceso da creación ata o momento en que se concreta nunha expresión que chega ao destinatario final: o público. @mundiario