Pactar para gobernar

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario
O cambio político no seo da sociedade galega está de novo en marcha, agora impulsado polo BNG, e non se pode deter neste proceso electoral de maio.

Gobernar democraticamente implica construír día a día unha sociedade máis xusta, máis libre e máis tolerante. A necesidade de pactar para gobernar, ademais de ser unha práctica radicalmente lexítima e habitual en toda Europa, contribúe sempre a fortalecer a cultura do diálogo e o pluralismo político, favorece a estabilidade e a eficacia e mesmo amplía a base social do goberno.

Un bo pacto de goberno é aquel que fixa e consensúa obxectivos programáticos claros e concretos para un mandato, que ten como norma traballar en equipo desde o primeiro día, respectando a autonomía de cada área, que estabelece pautas de funcionamento interno, tanto para a necesaria coordinación no seo do goberno como para a resolución de problemas, que aborda fóra dos focos os posíbeis desencontros, que se basea na confianza e no respeto mutuo e que permite visualizar a composición plural do goberno.

Outro elemento fundamental para un bo pacto de goberno é a comunicación, que debe procurar non só informar do que fai o goberno, senón tamén ser útil para transmitir á opinión pública que un goberno de coalición é perfectamente compatíbel cunha acción de goberno levada a cabo de forma colexiada e eficaz. E aínda engadiriamos un outro factor: a importancia da relación persoal en todos os planos do equipo de goberno, desde o máis baixo ao máis alto.

Un cogoberno non é unha simple operación matemática nin a suma de siglas nin de programas, nin tampouco unha forma irremediábel de exercer o poder cando non hai maiorías absolutas. Cogobernar é toda unha cultura, e como tal hai que cultivala, regala diariamente, traballala con intelixencia. Cogobernar é unha aprendizaxe constante, que esixe esforzo, dedicación, cesións por ambas partes, responsabilidade, flexibilidade, luces longas e pericia política.

Cogobernar non está ao alcance de todas as forzas políticas e menos aínda de todas as persoas. E desde logo non está ao alcance do PP. A súa estratexia discursiva de que debe gobernar a lista máis votada é a mellor mostra da súa incapacidade para dialogar e chegar a acordos con outras forzas políticas, da súa manifesta radicalidade ideolóxica e sectaria, do seu divorcio daqueles sectores máis democráticos e progresistas da sociedade, en definitiva, a demostración dun pensamento propio dunha dereita reaccionaria e moitas veces trumpista.

“O pobo é quen máis ordena”, e nos concellos onde as cidadás e os cidadáns non deron unha maioría absoluta a ningunha candidatura, nada hai máis lexítimo e responsábel que negociar, que construír e asegurar a formación e a estabilidade dun goberno local, ben sexa formando parte activa del ou a través de acordos de mandato ou de carácter puntual. O BNG e o PSdeG-PSOE –dous proxectos políticos moi diferentes, pero cunha parte moi importante da súa base social e electoral que vai dunha sigla a outra– teñen unha longa experiencia en cogobernos, na maioría dos casos con resultados positivos para sociedade, e nalgunhos outros, lamentabelmente, non tanto.

A partir destas eleccións municipais, o BNG e o PSdeG-PSOE non só teñen a posibilidade de seguir a cogobernar en concellos e deputacións, dando así cumprimento ao mandato das urnas, senón tamén a responsabilidade de empedrar o camiño que debe levar a un cambio político en Galiza nas vindeiras eleccións galegas. O electorado ten que percibir claramente que as dúas forzas políticas teñen como principal obxectivo darlle un novo rumbo ao país, facer posíbel un país diferente, construír outra Galiza. Non hai outra opción, con independencia de que cada unha delas, lexitimamente, queira liderar a alternativa de goberno.

Francisco Vázquez, cando exerceu o cargo de secretario xeral do PSdeG-PSOE, foi o primeiro en pechar calquera tipo de acordo co nacionalismo galego, nin sequera a nivel municipal, contribuíndo así a consolidar o poder da dereita en Galiza. E incluso Emilio Pérez Touriño, a primeira vez que foi candidato á Presidencia da Xunta, en 2001, negaba na propia campaña electoral, un día e outro, a posibilidade dunha alternativa ao PP que non estivese encabezada polo PSOE, co conseguinte efecto desmobilizador nas persoas que desexaban un cambio político xa na década dos 90.

O papel que xogou  o PSdeG-PSOE en moitos momentos da súa historia foi certamente nefasto para a construción dunha alternativa sólida á dereita en Galiza. Sempre estivo máis preocupado por ocupar o posto de segunda forza política no Parlamento galego que por darlle outro futuro ao país. Non esquezamos que o PSOE xa demostrou a pouca importancia política que lle deu ao noso país na etapa do tripartito, cando preferiu darlle o destino de Galiza a Manuel Fraga Iribarne antes que consolidar aquí o seu propio partido. Lembremos que Felipe González tardou cinco meses en recibir en audiencia na Moncloa a Fernando González Laxe como Presidente da Xunta de Galicia e que logo, nas eleccións galegas de 1990, nin sequera participou na campaña electoral para apoiar ao candidato do PSdeG-PSOE.

Mais, afortunadamente, o cambio político no seo da sociedade galega está de novo en marcha, agora impulsado polo BNG, e non se pode deter neste proceso electoral de maio. É preciso que continúe avanzando, ganando cada día máis apoio social, demostrando na política municipal que hai outra maneira de gobernar ben distinta á do Partido Popular. E esa credibilidade e esa ilusión hai que ganala a pulso concello a concello. Non é o momento de non ver máis aló dos límites xeográficos de cada localidade. Cómpre ter visión de país para poder derrotar ao Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas e abrir ese tempo novo que Galiza tanto precisa. @mundiario

Comentarios