A mocidade, motor do cambio para os concellos
A mocidade forma parte do ADN do Bloque. O nacionalismo galego sempre acreditou na capacidade da xente nova para traballar pola transformación social do noso país. Fronte aos que sinalan que a xente moza non quere implicarse na participación política, no BNG temos sobrados exemplos de apostar por ela. E de facelo non de forma rutineira, senón confiando na xuventude para desenvolver proxectos de futuro e esperanza para Galiza. Máis de 400 mozos e mozas forman parte das candidaturas do BNG nestas eleccións municipais. E dentro desa aposta polas xeracións máis novas, o nacionalismo procura que sexan as mozas as que ocupen un papel protagonista. Porque sen elas a asumiren que teñen que escribir a súa propia historia nada será posíbel. A profunda transformación que reivindicamos será feminista, ou non será.
Sorprendeu no seu momento que persoas novas como Olalla Rodil ou Noa Presas accedesen ao Parlamento Galego, mais os anos demostraron o acerto desta decisión. Se Olalla encheu de frescura e dotes de oratoria teatralizada cunha mordaz ironía os debates parlamentares, Noa foi responsábel dunha complexa e moi masculinizada área como Industria exercendo un coñecemento e un liderado importante, até se converter en referente neste ámbito. E, como acontece moitas veces, Olalla e Noa únense a Ana Pontón en momentos difíciles, dispostas a dálo todo para o avance do nacionalismo. Fálase demasiado pouco da relevancia das mulleres en ámbitos aínda con predominio masculino mais cun traballo de xigantes que é exemplo de bo facer e compromiso feminista para as xeracións vindeiras. E é un camiño sen retorno.
Por iso, non é de estrañar a presenza de 400 mozas e mozos nas listaxes do BNG nestas eleccións municipais, subministrando entusiasmo, enerxía, coraxe, razón e corazón ás nosas candidaturas. E non é fácil dar ese paso con menos de 30 anos. Menos nun tempo dominado polo desemprego xuvenil e a precariedade laboral. Falamos dunha mocidade que medrou entre crises, que ten salarios baixos e paga alugueiros moi elevados. Unha mocidade que non pode emanciparse e é consciente de que todo parece indicar que vivirá peor que os seus pais. Lembremos que a Galiza expulsou 200.000 mozos e mozas fóra porque aquí non tiveron unha oportunidade laboral, e que iso acontece a pesar de ser a xeración máis formada da historia.
No entanto, a mocidade que acompaña o BNG é rebelde, inconformista, non se resigna a ver como único futuro abandonar o país e quere tecer redes, construír comunidade, traballar en colectivo.
A mocidade será un motor de cambio esencial para conseguirmos esa nova Galiza que queremos, concello a concello, como sinalou Ana Pontón diante de 200 mozos e mozas nun acto de precampaña o sábado 6 de maio en Compostela.
No BNG comprometémonos a dedicar boa parte dos nosos esforzos a reverter a difícil situación da mocidade galega. Por iso, na medida das posibilidades que o marco vixente permite, implantaremos políticas que fagan tornar a mocidade que tivo que deixar o país nos últimos anos e impedir que máis xente nova teña que facelo.
Mais tamén incluiremos nas nosas políticas que os concellos sexan proactivos na loita contra o cambio climático, denunciando o verniz verde de moitas iniciativas que non van ao fondo dos problemas. É a xuventude quen pode ofrecer unha ollada a medio e longo prazo e rematar coa visión curtopracista e a toma de decisións sen ter en conta as súas implicacións futuras.
A mocidade que aposta polo BNG sente orgullo da diversidade e está comprometida cos dereitos civís, ao tempo que quere enraizar nunha identidade propia que continúa a querer negárselle desde o Estado e desde a propia Xunta de Galiza.
Finalmente, son mozos e mozas as persoas que posúen máis alegría e queren mudar o mundo desde as accións cotiás, as máis próximas, coa mellora da calidade de vida da veciñanza como obxectivo e tamén coa cooperación internacional desde o internacionalismo, o antiimperialismo e o pacifismo. Para mudar Galiza, concello a concello, é imprescindíbel acreditar no poder desta mocidade que nos dá alento e traballa connosco, man a man. @mundiario


