Sen límites

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario
Máis de 1.500 persoas escoitaron as liñas mestras da actuación do BNG. Todo o mundo sabe que o Bloque está, que dá a cara, que ten alternativas, que presenta un proxecto específico.

Sen límites significa sen teitos, sen barreiras, a por todas, a gañar. Ese foi o espírito con que enchemos o Palacio de Congresos e Exposicións de San Lázaro de onde saímos con renovadas enerxías, con ganas de facer realidade os nosos soños.  

Co lema “Unha nova Galiza, concello a concello” desenvolvemos o domingo 26 de marzo un encontro nacional municipal onde máis de 1.500 persoas escoitaron as liñas mestras da actuación do BNG. Ninguén dubida do traballo, do esforzo e do compromiso dos centos de concelleiras e concelleiros da nosa organización, con propostas en positivo para mellorar a vida da xente. Todo o mundo sabe que o Bloque está, que dá a cara, que ten alternativas, que presenta un proxecto específico para cada vila ou cidade e que as políticas que desenvolvemos se insiren nun marco nacional que nos ofrece fortaleza, que nos dá coherencia, que contrasta experiencias e aprende delas. No fondo está o exemplo dos gobernos nacionalistas, que levan demostrado solvencia e bo facer, para alén de destacaren nas súas apostas innovadoras e creativas.

Así, Pontevedra converteuse nunha cidade deseñada á medida das persoas, cun urbanismo vangardista, feminista e sustentábel, unha cidade preparada para a emerxencia climática. Mais tamén é foco irradiador de cultura viva e dinámica e propiciou intensos debates e reflexións ao redor da violencia de xénero e as agresións sexuais con potentes campañas provocadoras.

Hai anos que Allariz é un modelo de como se conseguiu reverter unha dinámica que levaba ao esmorecemento e despoboamento. E Compostela ben podería pór en práctica un modelo de rehabilitación de edificios históricos que precisa un compromiso –investimento incluído– desde a Administración municipal como o que alí se realizou.

Tomiño, concello transfronteirizo, é un exemplo de reivindicación de mellores conexións ferroviarias con Portugal e unha boa mostra de como se pode revitalizar un mercado antigo para dinamizar a economía local. As iniciativas realizadas desde esa área xeográfica do noso país mostran claramente como os concellos teñen que facer o que non fai a Xunta, algo que reverteremos en 2024, colocando Ana Pontón na Presidencia e iniciando unha etapa de esperanza e confianza nas nosas propias forzas.  

Calquera que coñecese o Carballo de hai décadas e o actual, convirá en que pasear polas súas rúas provoca un forte impacto visual, ao ser capaz de transformar as medianeiras nun museo ao aire libre. O Concello de Carballo é, para alén de capital teatral e da danza, unha referencia na arte urbana que rapidamente estendeu o seu saber facer a outros concellos do país.

Os concellos BNG póñense do lado da xente e as nosas alcaldesas, como Leticia Santos de Moaña, son as primeiras en se manifestar e reclamar a atención sanitaria que merecemos. Fronte á submisión de quen non defende os intereses da veciñanza, a valentía para non decaer e defender o público.

Se Ribadeo apostou por recuperar a zona histórica e dinamizar o pequeno comercio, Barreiros conseguiu en moi pouco tempo ser exemplo de democracia e transparencia, doutra maneira de facer as cousas fronte aos modos dos de sempre.

Como a propia Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, afirmou no Encontro municipal do 26 de marzo, os concellos BNG son sinónimo de xustiza, de igualdade, de equidade, de transparencia e responsabilidade. Son sinónimo de respecto polo público, polo de todas e todos. Sinónimo de xestión impoluta. De participación. Sinónimo de diálogo e escoita. De tecer redes e traballar man a man co asociacionismo e a veciñanza. Sinónimo de traballo honesto e honrado. De decisións valentes pensando no común. Sinónimo, en definitiva da verdadeira democracia que exercemos con orgullo e que estenderemos a partir do 28 de marzo por moitos outros concellos do país.

É o momento do BNG. É o tempo de construír unha nova Galiza concello a concello, a comezar pola capital do país. É a hora de acompañar as palabras de Ana Pontón e, por tanto, de non poñer límites aos nosos soños. Así, como dixo Marta Dacosta, crearemos o mar en Compostela, ese mar de Belvís que debuxou Daniel Asorei. @mundiario

Comentarios