Os números non minten: cómpre reflexionar

​A caída do PSdeG-PSOE triplica en Galicia á do PSOE no conxunto do Estado (3,6 puntos fronte a 1,2). En 2019 o PSdeG sumou con forza á tendencia crecente do PSOE, mentres que nestas municipais restou.
Parlamento de Galicia. / Mundiario
Parlamento de Galicia. / Mundiario

Dada a enorme disponibilidade de series (moitas delas magníficas) existente nas múltiples plataformas televisivas –por non falar doutras formas de lecer– e a relativamente curta duración da vida humana, hai quen considera que poñerse a botar números é unha actividade prescindible e incluso contraproducente. Pola contra, partirei da base de que, ainda que sempre poden retorcerse ou incluso torturarse, os números contan sempre a verdade, sendo por tanto imprescindibles en calquer análise da realidade, incluindo a política. Especialmente cando, coma hoxe, os resultados electorais están a un click de distancia.

O principal indicador dun resultado electoral (e das tendencias que o determinan e que permiten facer pronósticos a futuro) é a porcentaxe de voto de cada partido, con independencia da súa traslación a escanos ou concelleiros ou gobernos, condicionada por outras variables. Esa porcentaxe amosa nestas municipais que en Galicia o PP medra 5 puntos, o BNG 4,4 e o PSdeG perde 3,68 puntos. Afóndase tamén na caída nas cidades das chamadas Mareas, iniciada en 2019.

A caída do PSdeG-PSOE triplica en Galicia á do PSOE no conxunto do Estado (3,6 puntos fronte a 1,2). Nas anteriores municipais, a tendencia foi a contraria: en 2019 o PSdeG medrou en Galicia 6,4 puntos, mentres que o PSOE medrou no conxunto do Estado 4,2.

Tamén se produciu esa tendencia nas dúas eleccións xerais de 2019; así, nas de abril o PSdeG medrou 9,88 puntos fronte a 5,7 do PSOE a nivel do Estado e en novembro 9,34 puntos fronte a 5,64.

O resultado destas municipais tradúcese na perda de máis de 170 concelleiros, as alcaldías de dúas das cinco cidades nas que gobernaba o PSdeG e unha deputación provincial, pero a tendencia definea claramente a porcentaxe de voto: en 2019 o PSdeG-PSOE sumou con forza á tendencia crecente do PSOE, mentres que nestas municipais restou.

Incluso nas autonómicas de xullo de 2020 o PSdeG mellorou a súa porcentaxe de voto, pasando do 17,8% ao 19,4% dos votos, a pesar de circunstancias moi desfavorables para o socialismo galego nunhas eleccións celebradas aínda en pandemia e despois de meses nos que Feijóo aproveitou para facer unha obscena precampaña a conta da propia pandemia contra o Goberno do Estado, coa oposición confinada e o propio Goberno central ocupado e preocupado por solucionar a crise e non polas eleccións galegas, dando todo elo pé a unha abstención do 51%, a máis alta desde as autonómicas de 1981.

 

Cómpre reflexionar

En conclusión, esta evolución desfavorable (absoluta e relativamente) do PSdeG é unha información que amosan con total claridade os números e sobre a que cómpre reflexionar para mellorar nas próximas e decisivas eleccións xerais do 23 de xullo.

Lembremos que en 2019 o PSdeG tivo uns resultados históricos, superando en 77.000 votos ao PP de Galicia en abril, primeira vez que tivo lugar  ese sorpasso na historia democrática galega, que non se repetiu por 10.000 votos en novembro. Isto implicou aportar 10 deputados socialistas galegos (4 máis que en 2016) á conformación da esforzada maioría que permitiu manter desde o Congreso unha lexislatura progresista na que se conseguiron avances importantes a pesar da maior sucesión de crises de todo tipo que experimentou un Goberno en democracia. 

O obxectivo agora debe ser revalidar eses excelentes resultados (históricos, de feito) das xerais de 2019 en Galicia, para que a aportación do PSdeG sume como entón e non reste como agora ao resultado do socialismo no conxunto do Estado.

Para iso hai que asumir a información que proporcionan inequívocamente os números e reflexionar sobre as causas da nosa tendencia á baixa e sobre os erros cometidos, algúns fácilmente evitables. Non é este o ámbito para facelo, pero si para enfatizar que non facer autocrítica é extremadamente contraproducente e lastra o obxectivo de evitar a chegada dunha dereita reaccionaria ao poder no Estado e a súa perpetuación en Galicia.

A reflexión non pode quedarse nun “non estamos na UCI”. Aínda que esteamos xa metidos noutra precampaña. De feito, con máis motivo: para gañar, é requisito imprescindible reflexionar. @mundiario

Comentarios