Madariaga, Carpentier e Cristóbal Colón

MUNDIARIO busca revitalizar a memoria de Salvador de Madariaga, figura clave do europeísmo moderno, cunha apaixonada visión universal e humanista, forxada desde o rigor histórico e a perspectiva única que Galicia outorga aos seus fillos.
Madariaga, Carpentier e Colón. / Mundiario
Madariaga, Carpentier e Colón. / Mundiario

Alejo Carpentier e Salvador de Madariaga foron contemporáneos: morreron ambos con dous anos de diferencia mesmo que o escritor suizo-cubano era case dúas décadas máis novo ca o polígrafo cubano-galego.  Non me cabe dúbida do coñecemento que Carpentier tivera da obra de Madariaga, de 1940, Vida del muy magnífico señor Don Cristóbal Colón, cando creou a súa novela histórica El arpa y la sombra,  aparecida en 1979, onde agroma a súa interpretación das relacións entre América e Europa, continentes ambos aos que a súa xenealoxía o ligou, como tamén o fixo co seu erudito colega galego. 

Carpentier combina as referencias históricas coa súa interpretación persoal na que manifesta a visión política dun feito absolutamente relevante na historia, a traveso do que é posible asulagarse na ciencia e na cultura vencellados ao mesmo. O transfondo ideolóxico desta novela é un intenso americanismo que a crítica vencella tamén ao seu surrealismo e acreditado marxismo (cando menos, no tempo en que esta obra viu a luz). É o que algúns críticos definen como a convivencia entre o “pensar histórico” e o “pensar literario”, unha fórmula tamén recoñecible no xeito de Madariaga á hora de explicar acontecementos históricos naquela primeira edición da Vida del muy magnífico señor Don Cristóbal Colón,  que espertara grande controversia no bando contrario, onde estaban o biógrafo colombino cubano Álvarez Pedroso ou o estadounidense  Eliot Morrison.

Salvador de Madariaga tivo a peculiar intuición de adiantarse en case un século á hipótese dun Colón xudeu (por ius sanguinis, non por ius soli), que procedía dunha familia de xudeus catalás-sefardíes, establecidos en Xénova logo da persecución de 1391. O castelán era a lingua familiar como demostran os escritos do navegante feitos en castelán e latín, o que o investigador considera “nulo patriotismo xenovés”.  Don Salvador non se andaba con miudezas… atopou confirmación nada menos que en Ramón Menéndez Pidal (La lengua de Cristóbal Colón, Bs. As. 1942) cando afirmaba que o mariño falaba e escribía en español antes de chegar a Portugal. Esta tese fora reforzada polo experto hebraísta de Oxford, Cecil Roth, en Who Was Columbus, publicada tamén en 1940, na que aporta, entre moitos outros datos, a decisión colombina de aprazar a saída da súa expedición prevista para o 2 de agosto de 1492, ata o día seguinte  porque no almanaque xudeu o 9 do mes de Ab era día de xexún, conmemorativo da destrución de Xerusalén por Nabucodonosor e por Tito e, segundo a tradición rabina, quen traballase nel non recibiría bendición ningunha e tería mala sorte.

Deixo para as persoas especialmente interesadas nesta cuestión a achega aos traballos de Stenfansson, Mayen, McCaskill, que se  aproximan a tese de Madariaga quen no seu prolixo estudo chega relata, a respecto da historia familiar dos Colombo/Colón, a chegada case fortuita e posterior de Cristóbal á do seu irmán Bartolomé- ás costas portuguesas.  Afirma que chegou nadando desde o cabo de San Vicente no medio dunha batalla naval o 13 de agosto de 1476, cando tiña vintaecinco anos de idade (non podo maxinar o que tal non tería que ter remexido o investigador entre documentos e arquivos para chegar a semellante concreción!). Daquela, Madariaga afirma que Colón non ía intencionadamente a Portugal na procura de cartos para a súa expedición, foi algo fortuito, levado polo mar logo dun naufraxio, mais alí atoparía a influintes e ilustres científicos xudeus, cosmógrafos e asesores da Coroa que, naquela altura, mantiña unha decidida política de axudas para proxectos de conquistadores e exploradores. 

Orixe xudea-catalá de Colón

Madariaga deténse nas expedicións anteriores do navegante asegurando que chegara a 1477 a Islandia (Thule “a terra derradeira”) e relata que se atopara unha nota manuscrita de Colón nas marxes dun exemplar da Historia de Pio II que demostra que xa naquel tempo tiña intención de navegar ata Catayo (China) pola vía do Poñente. É tan exhaustivo o coñecemento que chegou a ter do día a día da vida do navegante que dá conta dos libros lidos, estudados e anotados nas marxes por Colón onde deixa constancia da súa atracción polos metais e as pedras preciosas, un Colón que se podería considerar afeizoado ao “real marabilloso” (ao xeito Carpenteiriano) cunha notable tendencia á fantasía e a imaxinación que poderían ser a causa de erros cometidos no cálculo da distancia desde a península ibérica ás Indias (51º de 50 millas á altura da illa da Gomera).

Xa no reino de Isabel e Fernando, Salvador de Madariaga indica que o Rei era coñecedor da orixe xudea-catalá de Colón e que iso explica a lentitude nas negociacións para finalmente apoiar o seu proxecto, logo de máis de sete anos de espera, cando a Inquisición perseguía a conversos xudaizantes segredos, chamados tamén Colom. Disque foi en xaneiro de 1492 cando os Reis decidiron enviar ao navegante “ás Indias”, tres meses denantes de decretaren a expulsión dos xudeus do seu reino. Como antes se dixo, fora ese mesmo 2 de agosto cando os derradeiros xudeus saíron de España, no mesmo día no que Colón previra partir e que finalmente aprazou 24 horas para facelo  media hora antes do mencer do 3 de agosto de 1492. 

Precisamente nesta altura, cando se investiga a orixe de Colón (non dou entendido que se quere dicir con “orixe” neste caso, nin para que, pero o debate está máis vivo e aberto ca nunca), vemos a oportunidade dunha necesaria revisión da historia do encontro entre ambos os continentes europeo e americanos, e, contra todo pronóstico inicial, volve renacer a teoría dunha orixe xudea do navegante que escandaliza a propios e alleos como se fose unha insospeitada e esquecida teoría.  

Revisitar a un americanista e a un europeista

Como aquí veño de comentar, é recomendable revisitar a un americanista convencido como Carpentier e a un europeista de prosapia como Madariaga sobre un aspecto que vincula de xeito extremadamente profundo as relacións entre dous continentes e as múltiples culturas que neles se deron. É un magnífico exercicio de comprensión e exaltación da intelixencia e da vontade de respectar o rigor histórico, sexa utilizada a prol dunha idea ou da contraria. 

É probable que en algunha noble biblioteca atopemos El arpa y la sombra, e  a Vida del muy magnífico señor Don Cristóbal Colón. Nesta altura da globalización, da hiper información –e mesmo confusión– nas análises históricas; arestora, cando é crucial un tratamento rigoroso, sen relatos de agravios reais ou recreados, para a comprensión, dimensión e planificación da convivencia entre Europa e América, onde vivimos a cuarta parte da poboación mundial. Aquí, onde se dan os indicadores de riqueza e redistribución máis elevados do mundo, é imprescindible, e mesmo refrescante, nutritivo e gratificante, vermos esta parte do planeta cunha ollada intelixente, non necesariamente coincidente, e polo mesmo complementaria, da historia común que os países máis civilizados e desenvolvidos temos a obriga de abordar. 

O afán de MUNDIARIO

Valia este afán de MUNDIARIO por revitalizar a memoria dun dos cerebros máis privilexiados do século XX, Salvador de Madariaga, pai do europeismo tal e como o concebimos hoxe, máis apaixoado tamén do mundo americano desde o Humanismo, o afán polo rigor histórico e con esa perspectiva especialmente universal que Galicia dá a quen aquí nace e se constrúe como ser humano. 

Galicia é a pasarela natural entre ambos os mundos. 

Madariaga é un prototipo deste feito e un aliciente extraordinario para non perdermos o rumbo cando analicemos o presente e proxectemos o futuro. @mundiario

Comentarios