Cambios no sistema mundial
Cada vez son menos as voces que se atreven a negar que esteamos diante dunha crise sistémica da actual economía mundial na que a inflación non sería mais que a manifestación dunha serie de problemas estruturais e de fondo da mesma. Uns problemas que en realidade veñen de varias décadas atrás cando se empezaron a producir unha serie de crises recorrentes que ao non resolverse conduciron a unha situación cada vez mais explosiva.
Esta mundialización neoliberal non so multiplicou as crises económicas, facilitadas polo crecente peso das actividades especulativas das finanzas, senón que ademais e por mor dunhas subas extraordinarias nos prezos dos alimentos -derivadas das operacións especulativas e non da guerra en Ucraína ou da escaseza de alimentos- provocou unha crise no sistema alimentario tal que unha porcentaxe crecente da poboación mundial ben pasa fame ben está mal alimentada. Paralelamente este sistema mundial levou a que a relación da humanidade coa natureza -que se basea nunha cada vez mais intensa destrución dos recursos naturais que non toma en consideración tanto que moitos non son renovables canto que a terra é finita- estea provocando unha crise ecolóxica dunha dimensión e amplitude que de non mudar o rumbo imos irremediabelmente cara unha crise humanitaria de consecuencias imprevisibles. Un marco no que o risco de rebrotes ou de novas epidemias son enormes quen, dadas as experiencias habidas, provocarían novas crises sanitarias e tamén maiores crises inmigratorias.
Por si non houbera suficientes crises a decisión dos bancos centrais occidentais (Reserva Federal, Banco de Inglaterra, BCE) de subilos tipos de xuro para combatela inflación está tendo un impacto brutal en moitas economías do Sur fortemente endebedadas que ven como non poden facer fronte aos incrementos derivados nos servizos das débedas polo que o os riscos de incumprimento de pago da débeda a nivel internacional se disparan. Impagos que provocarían unha nova crise financeira de dimensións planetarias.
Son estas crises interconectadas -"policrise"- as que poñen en evidencia que estamos asistindo ao final da mundialización neoliberal e ao auxe dunha nova e diferente mundialización, dun novo sistema mundial. Un sistema que inicialmente presenta un comercio mundial, tanto de mercancías como de capitais, mais reducido por mais fraccionado. Un novo orde produtivo e comercial no que o antigo imperio -Estados Unidos- mira cada vez mais para o seu interior o que leva a unha menor entrada e saída de mercancías e a unha renacionalización das cadeas de valor.
Unha nova orde mundial como así parecen recoñecelo os propios vixilantes da actual mundialización neoliberal como, por caso, o FMI (Fondo Monetaria Internacional) e o BM (Banco Mundial) cando cambian as súas receitas clásicas e ortodoxas, como a relativa a prioridade das políticas de axuste e de control salarial, por outras como subilos impostos aos ricos e subir tamén os salarios, políticas que na fase anterior eran consideradas sacrílegas.
Unha nova orde mundial na que Europa (exactamente a UE) cada vez pinta menos. Pero sobre isto opinarei nun vindeiro artigo. @mundiario


