Xulio Ríos aborda a metaforfose do comunismo na China

Portada de A metamorfose do comunismo na China, de Xulio Ríos. / Mundiario
Portada de A metamorfose do comunismo na China, de Xulio Ríos. / Mundiario
O PCCh aspira a chegar a 2049, cando se conmemoran os primeiros cen anos da República Popular.
Xulio Ríos aborda a metaforfose do comunismo na China

O Partido Comunista da China fai cen anos en 2021. Tras a proclamación en 1949 da República Popular Chinesa, leva máis das dúas terceiras partes deste período no poder. A súa evolución non foi en absoluto rectilínea, pero vai camiño de se converter no máis lonxevo do mundo, superando o Partido Comunista da Unión Soviética. Lograrao? E, de ser así, cal é a súa fórmula secreta se esta existe? 

No contexto do centenario do Partido Comunista da China, cómpre un balance da evolución do territorio máis poboado do planeta e segunda economía mundial. O autor deste ensaio, Xulio Ríos, é un dos principais expertos neste país. Co triunfo da revolución liderada por Mao Zedong en 1949, a China iniciou unha nova etapa caracterizada pola procura dunha modernización que lle permitise deixar atrás séculos de decadencia e traxedia, ostracismo, subdesenvolvemento e humillación. Dende entón, a historia da China e do PCCh fúndense nunha mesma traxectoria.

Cos seus acertos e erros, o PCCh fixo posible a sorprendente transformación dun país con cinco mil anos de existencia,  sendo a única das grandes civilizacións que aínda sobrevive. Nos máis de setenta anos que leva no poder, o seu ideario e as súas políticas experimentaron fortes mutacións que son debulladas con precisión neste libro, dende os inicios da Revolución ata os nosos días, tendo en conta non só as grandes tendencias senón tamén os detalles pequenos e relevantes.

O fío condutor é a análise do afán por transitar por unha vía propia, adaptada ás súas singularidades civilizatorias, fuxindo de copias miméticas de experiencias estranxeiras -do signo que fose- e perseverando nos seus compromisos orixinais. A ideoloxía,a política, a economía, a sociedade, a cultura, a seguridade ou a defensa e a política exterior evolucionaron con manifestacións propias en cada unha das grandes etapas que integran a vida do PCCh. Partindo dunha temperá adscrición á III Internacional baixo a éxida soviética, tanto o maoísmo como o denguismo ou o xiísmo actual son expresións ideolóxicas dese propósito e claves da China contemporánea.

Con estes vimbios, o PCCh aspira a chegar a 2049, cando se conmemoran os primeiros cen anos da República Popular, culminando o longo soño da modernización do país: avanzando nos niveis de benestar dunha sociedade empobrecida; resolvendo as contradicións pendentes nos eidos ambiental, financeiro e tecnolóxico, e consolidando a reforma interna.

O autor é director do Observatorio da Política Chinesa

Xulio Ríos (Moaña, 1958), formado en Dereito pola Universidade de Santiago, é director do Observatorio da Política Chinesa e presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que fundou en 1991. Asesor de Casa Asia e coordinador da Rede Iberoamericana de Sinoloxía, colabora con diferentes medios de comunicación –MUNDIARIO entre eles– e revistas especializadas.

Forma parte do consello científico e do comité de redacción de varias publicacións sinolóxicas. Profesor e consultor de diversas institucións universitarias de España, da China e de América Latina, é autor de máis dunha ducia de títulos sobre o xigante asiático, entre os que destacan China: a próxima superpotencia (Laiovento, 1997), A China por dentro (Xerais, 1998), Mercado y control político en China (Catarata, 2007), China pide paso (Icaria, 2012), China Moderna  (Tibidabo, 2016) ou La China de Xi Jinping (Popular, 2018). Recibiu os premios Cátedra China (2018) e Casa Asia (2021). @mundiario

Comentarios