A UE recoñece que ignorou ou minusvalorou o impacto da eólica mariña na pesca e no medioambiente
Un Informe recente de setembro do 2023 do Tribunal de Contas da UE titulado Enerxía Renovable Mariña na UE, recoñece que a Comisión non estimou ben o impacto medioambiental que pode derivarse da ampliación da enerxía renovable para conseguir 6O GW (millóns de Kw) no 2030 e 300-340 GW no 2050.
Mentres Alemaña e os Países Baixos puxeron en marcha as súas propias políticas e xa aplicaban unha ordenación do espazo marítimo moito antes da estratexia e proxectos da UE, en España non sucedeu o mesmo, apremados polo tempo recorreron a Directiva marco europea para ordenar o espazo marítimo e asi nun Plan aprobado en febreiro do 2023, case dous anos despois da data limite, designaron o mapa da enerxía mariña con zonas de reserva e potenciais para a enerxía renovable, reservaron fronte a Galiza 2.688,6 km2, máis da metade da superficie total reservada no Estado, e mesmo un só parque localizado na Coruña-cabo Ortegal ocupa o 40% de toda a superficie total a implantar no Estado.
No Informe citado do Tribunal de Contas recoñecen que a Comisión EU e as autoridades definen en primeiro lugar as zonas de enerxía eólica mariña en termos espaciais e temporais, identificadas con criterios técnicos como por exemplo a velocidade do vento, polo que evidencia que esquecen algo tan importante como a pesca (recurso económico, alimentario, social, ambiental, emprego,...), sector que non entrou como prioritario. O Tribunal recoñece que:
1. Existe o risco de que se perdan postos de traballo no sector pesqueiro polo crecemento do sector da enerxía renovable mariña, mesmo os buques pesqueiros só están autorizados a entrar as proximidades do parque, en determinadas condicións, en zonas considerada tampón de 500 metros arredor das instalación de eólica. O Tribunal de Contas considera que a Comisión non ten valoracións cuantitativas dos principais efectos económicos na pesca derivados da evolución da enerxía renovable mariña.
2. Segundo o Informe a Comisión tampouco ten estudado os posibles efectos que implica ocupar o 3% do espazo marítimo europeo nin a influencia e impactos nas zonas próximas, non coñece ate onde chega nas inmediacións o radio de acción e efectos acumulativos, mesmo recoñece que a maioría dos estudos existentes baséanse en instalacións do mar do Norte.
Apuntan no Informe posibles efectos negativos na biodiversidade e nos ecosistemas en xeral como:
a) a posible colisión cos aeroxeradores ou cos buques de mantemento;
b) cambios na calidade da auga, debidos a liberación de contaminantes;
c) perdas ou degradación do hábitats;
d) cambios nos patróns de migracións debidos cambios no campo electromagnético;
e) efectos do desprazamento dos peixes e seres mariños debidos ao ruído submarino e as estruturas dos parques eólicos;
f) posibles efectos acumulativos na conca marítima que poden dar lugar a desprazamento de especies, cambios na estrutura das poboacións, na dispoñibilidade de alimento ou en patróns de migración.
No suposto de que existiran posibles efectos positivos tampouco están estudados (exemplo: efecto arrecife que beneficiaria a determinados peixes, mexillóns...; recuperación de hábitats por exclusión da actividade humana;...).
O Informe constata claramente que a Comisión da UE non estimou o impacto e pegada medioambiental sobre a vida mariña que pode desprenderse da sua proposta e estratexia, impacto que pode ser significativo e considera que non foi suficientemente valorado pola Comisión e os Estados membros.
O Goberno de España coa Ministra da Transición Enerxética ao fronte, apostou recentemente por multiplicar por tres instalación de enerxía renovable e mesmo facilitar ás multinacionais os trámites e procedementos de permisos, unha vez máis a presa fai que se ignore o medio ambiente. Parece que non importa que na actualidade só estea protexido o 12% de superficie mariña, que as intencións do Goberno sexan de protexer o 18% para o 2024 e que Europa esixa chegar ao 30% no 2030. Non sería preferible delimitar ás áreas protexidas antes de marcar as zonas de parques eólicos? Quen garanta que os eólicos non interfiran no futuro con zonas de protección? Non sería recomendábel facer estudos previos e afastar os parques mariños dos caladoiros ?. Ignorar ou minusvalorar o impacto da eólica mariña na pesca e no ambiente non deixa de ser unha irresponsabilidade inxustificable, denunciada agora desde dentro da UE, eso si beneficia aos grupos multinacionais da electricidade.
Eólica terrestre: a patronal eólica segue a premer
A Asociación Eólica de Galicia, EGA, sigue premendo e tratando de torcer as decisións do TSXG, manifesta que Galiza con 183 parques eólicos cunha potencia de 3.907 MW (13% do Estado), aínda necesita duplicar a produción actual de electricidade para abastecer novos proxectos e pretende que se duplique a produción. Actualmente o Goberno e a Xunta teñen autorizado na Galiza 3.381 MW , pendentes de posta en marcha.
Convén destacar que no 2022:
a) Galiza foi a terceira comunidade con maior cota de produción renovable representando o 64,8% do total do “mix”, producindo o 43,4% do total con 9.720 Gwh.
b) A enerxía eléctrica producida na Galiza supón o 8,1% do total do Estado (segundo REE en nota de prensa de 23 marzo 2023), e a sua potencia instalada representa o 9,2% do total.
c) No Balance eléctrico de Galiza temos no 2022 unha xeración eléctrica de 22,4 millóns de Mwh e unha demanda de 13,7 millóns, o saldo exportador é de 8,1 millóns de Mwh o que quere dicir que máis da terceira parte da electricidade non foi consumida, nin pode utilizarse no país, polo que sae electricidade con grandes beneficios para as multinacionais para o mercado de Madrid, Pais Vasco, Portugal, Franza... @mundiario



