Que defenden os que critican as sentenzas do TSXG sobre ás eólicas?

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. / Mundiario
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. / Mundiario
Cambiar a lei a vontade é propio doutros tempos. O mesmo se pode dicir de defender ilegalidades, querer silenciar a mínima voz dos cidadáns e apurar procesos nada transparentes.
Que defenden os que critican as sentenzas do TSXG sobre ás eólicas?

As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), estimando recursos interpostos para declarar nulos acordos do Consello da Xunta e anular a autorización de permisos concretos para construír ou repotenciar determinados parques eólicos –Corme, Mondoñedo, Serra do Iribio, Campelo...– levantaron rapidamente a  furia e oposición  das empresas eléctricas promotoras.

Ao mesmo tempo arrastraron a posicionarse a Asociación Eólica –AEE española e AEG galega–, a Confederación de Empresarios de Galicia, a determinados sindicatos considerados de “clase” como CC OO e UGT e, recente e sorprendentemente, a Consellería de Economía da Xunta de Galiza.

Convén lembrar que todos eles fan fronte as sentenza do TSXG, de forma torticeira, demagóxica e falsa, argüíndo motivos  disfrazados de cambio climático,  transición enerxética, postos de traballo, oportunidade histórica... e  buscando a marcha atrás do Tribunal Superior e  atrevéndose a apuntar nomes como chivos expiatorios.

Pero que están a defender realmente coas súas críticas, todos en común. Vexamos:

1º) Que se permita infrinxir a lexislación europea. O TSXG basease en que lexislación europea –Directiva 2014/51/EU do Parlamento e Consello– dispuxo que o prazo fixado para a consulta  do público do informe de avaliación do impacto ambiental non será inferior a 30 días, incluso a Lei 8/2009 pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia ordena que  tanto o proxecto de execución como o estudio de impacto ambiental se sometan conxuntamente a trámite de información publica durante un mes.

Pero a Xunta  no 2018,  debía ter presa ou interese oculto, e acordou que a tramitación podía ser  de forma prioritaria con redución de prazos a metade (15 días)  no referido ao procedemento de autorización administrativa e de construción, asi como  no procedemento de avaliación ambiental e proxectos sectoriais. O Goberno central (R.D. 6/2022) tamén apurou os prazos para novos parques contemplando procedementos simplificados de autorización de proxectos .

Desde cando se tiña que cumprir a Directiva Europea? A lexislación europea  (30 días) tiña que traspoñerse nos Estados membros  como moi tarde o 16 maio 2017, pero na actualidade os organismos públicos parece que ignoran directivas europeas que están por riba de lexislación española ou galega. 

2º) Que se salte a lei e poda existir fragmentación artificiosa dos parques con informes incompletos e ocultación  a cidadanía. Un dos varios  argumentos do TSXG  no  Parque eólico Campelo (xuño 2023) afirma que é indebida a fragmentación con outros dous parques Monte Toural e Bustelo, xa que comparten liñas eléctricas, conexións e infraestrutura de evacuación cando tiñan segundo a Lei que ser parques independentes e autónomos cada un coa sua infraestrutura. Ademais non se realizaron estudios ambientais de efectos acumulativos e sinérxicos dos tres parques citados. 

Ao mesmo tempo os Informes sectoriais do parque teñen que obterse antes dos trámites de información pública, pero cando se someten ao último trámite de información publica moitos parques aínda non expuxeran todos os informes sectoriais, desta forma  os cidadáns non  puideron alegar  porque descoñecían informes  que xa non estarían a disposición do público. Esta ocultación de estudos imprescindibles a cidadanía  é interesada e a Xunta non vixía a transparencia e defensa dos intereses dos cidadáns.

Eólicos al pie del mítico Monte Pindo en Carnota (A Coruña), en la Costa da Morte. / Mundiario
Eólicos al pie del mítico Monte Pindo en Carnota (A Coruña), en la Costa da Morte. / Mundiario

3º) Que se autoricen parques ou repotenciacións con Declaracion de Impacto Ambiental, DIA, obsoleta e caducada (do 2005 para constuir no 2019). Presentar estudos de impacto ambiental non actualizados de décadas pasadas indica que  non se teñen en conta,  como cita o TSXG,  sinerxías  e modificacións relativas a nova potencia, altura e  tamaño dos aeroxeradores , tampouco  a necesidade de maiores zapatas e infraestruturas, asi como a necesidade de ampliación de novos viales e accesos ao parque. Sin citar xa os  novos valores culturais e ambientais “merecedores de singular e especial protección” (xacementos arqueolóxicos en Sasdónigas, Mondoñedo)...ou mesmo a proximidade ao Camiño de Santiago de algún parque (Sasdónigas ) que  infrinxía a protección que a Xunta propagaba que pretendía.

Os estudos de impacto ambiental mesmo para repotenciacións  (a maiores en Rede Natura) tamén caducan, e moito máis se levan 10, 15 ou 20 anos realizados, entendelo de outra maneira é prepotencia e descoñecer ou ocultar a realidade, e pensar que a situación ambiental é estática ou  unha megafotografía atemporal.

Parque eólico en Galicia. / Pixabay
Parque eólico en Galicia. / Pixabay

4º) As criticas as sentencias do TSXG pretenden conseguir obxectivos pola vía rápida, de forma despótica, sin importar os cidadáns e as vías legais. Todos sabemos que as sentencias do TSXG poden recorrerse no Tribunal Supremo e as eléctricas nalgún parque xa non quixeron continuar por esa vía, pero si aceptan a sentencia porque critican?.   Observamos  no tema eólico a pretensión de influencia do poder político e económico sobre o xudicial, o que non é algo novo.  Pretender que se varíe o Tribunal  que debía resolver  sobre a tramitación de parques e que mude o criterio unha vez coñecidas sentencias.  Como se entende ?. A Xunta -que deu o permiso no seu dia- , en vez de recoñecer o seu erro lexislativo, apuntase a unha crítica interesada, particular e privada iniciada polas eléctricas e  así  a Conselleira de Economía de forma gratuíta referíndose as medidas cautelares determinadas polos tribunais di que  “crean inseguridade xurídica”.  Cando unha membro do Goberno pode atribuír inseguridade xurídica as decisións dos altos tribunais nun estado de dereito ?. 

A Conselleira de Economía, pola contra, non falou de cantos millóns de euros  nos pode custar aos cidadáns o erro das autorizacións da Xunta e a aplicación da sentencia no caso de parques que seguen  en funcionamento?, pois non é gratís o desmantelamento deses parques, pero seguen a dar beneficios  as empresas. 

Conclusión

Curioso e sorprendente que a patronal eólica, a Confederación de Empresarios de Galicia, os sindicatos CC OO e UGT e a Xunta de Galicia se unan e coincidan  en criticar a sentenza sen apenas argumentos e defendan situacións que van frontalmente contra o medio ambiente, ignorando directrices europeas. Cambiar a lei a vontade é propio doutros tempos. O mesmo podemos dicir de defender ilegalidades, querer silenciar a mínima voz dos cidadáns e apurar procesos nada transparentes.  A onde nos conduce tal situación? Unha vez máis a Xunta defende máis as multinacionais que aos cidadáns deste país. Si os organismos públicos van da man das empresas e teñen o apoio de certos sindicatos, que queda? @mundiario

Comentarios