RESIDENCIA NESTA TERRA

A sombra de Ayuso sobre contratos da Xunta

Isabel Díaz Ayuso, presidenta de la Comunidad de Madrid. / @IdiazAyuso.
Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid. / @IdiazAyuso.
É certo que Tellado sabe que o seu exercicio de funambulismo está blindado. Sabe que, se as cousas viñeren mal dadas, Feijoo tampouco podería ofrecer a súa cabeza (para salvar a propia).
A sombra de Ayuso sobre contratos da Xunta

É conmovedor ver Miguel Tellado interpretar o rol de fiscal xusticieiro, de espada flamíxera en defensa da moral pública. Defende a súa causa cun ardor guerreiro que impresiona. Como desconfiar de alguén que alza a súa voz con tanta énfase! con que vigor enarbora a bandeira da limpeza e a probidade! como non lembrar a palabra de orden do seu xefe Aznar cando sentenciara que o PP é incompatíbel coa corrupción!

Mágoa que as cousas non sexan tan sinxelas, mágoa que a realidade non se compadeza co roteiro, co guión, redixido por Miguel Ángel Rodríguez e posto en escena, con empeño digno de mellor causa, por Tellado.

Vexamos. O PP é o único partido que, como tal, ten sido condenado por corrupción. O PP está dirixido por un político que alcanzou o mando da formación despois de que fose deposto o seu predecesor, que caeu precisamente por denunciar prácticas corruptas de quen en realidade move os fíos entre bambalinas. Vaites, vaites. Ese político -será o Alberto que  aparece en conversas gravadas?- tomou no seu día a decisión de vetar a investigación dun contrato acordado pola Xunta durante a pandemia cunha empresa cuxo administrador é cofundador doutra compañía da que é propietaria ao 50%... a señora Ayuso! 300 mil euros do erario galego adxudicados sen publicidade nin concorrencia. Tamén é má sorte: nas xogadas do PP sempre acaba aparecendo Ayuso.

Aliás, a cousa non acaba aquí para o histrión Tellado. Si, porque el mesmo aparece involucrado no chamado caso Koldo, en gravacións intervidas por decisión xudicial, e como pretenso intermediario para lograr que o goberno de Baleares -en mans do PP despois das eleccións de maio de 2023- non reclamase unha indemnización á trama supostamente orquestrada polo ex ministro do PSOE Abalos. O cazador cazado: vaites, vaites.

É certo que Tellado sabe que o seu exercicio de funambulismo está blindado. Sabe que, se as cousas viñeren mal dadas, Feijoo tampouco podería ofrecer a súa cabeza (para salvar a propia). Porque o precedente Casado está aí: se Feijoo quixese safar, sería a súa testa a que rodaría polo chan. Nas decapitacións do PP sempre acaba aparecendo Ayuso.

Visto o visto, tampouco é que sorprenda a decisión de Rueda de aplicar o  protocolo do seu partido e vetar así por segunda vez as pesquisas sobre os contratos da Xunta durante a pandemia.

Rueda sabe perfectamente o que hai (se hai que vetar, se veta, quen mo vai afear? Os do Bloque? Nada, con chamarlles socios de Bildu arranxamos). Estes do PP dos coches sábense apartar. @mundiario

Comentarios