A revolución feminista: estamos opinando

Cubierta del libro #taméneu. / Mundiario
Cuberta do libro #taméneu. / Mundiario

Capítulo I do libro de opinión #taméneu de María Xosé Porteiro editado por LarLlibros.

A revolución feminista: estamos opinando

#Me_too –para nós #taméneu– foi para a actual Revolución Feminista o berro equivalente ao que convocaba ao ataque ás tropas das guerras ancestrais. Xurdiu como unha reacción á chegada á presidencia dos Estados Unidos de América dun misóxino declarado, negacionista da violencia de xénero e da crise climática, multimillonario, racista, e cun longo etcétera de méritos para pasar a Historia coma un personaxe perigoso para o equilibrio dunha certa orde mundial.

Foron as mulleres norteamericanas con maior visibilidade por traballaren en ámbitos con grande proxección mediática, como as actrices, músicas, literatas... quen conseguiron mobilizacións multitudinarias de impacto mundial onde denunciaban o machismo fachendoso dun presidente que presumía de abusar sexualmente das mulleres que estaban ao seu alcance. Centos de nomes de famosas foron relacionados, de súpeto, con situacións idénticas cos seus xefes ou compañeiros de traballo, e non tiveron medo a contarllo ao mundo, mesmo sabendo que ficarían espidas e significadas para sempre. Elas tamén sufriran acoso, abuso ou formas máis extremas de violencia sexual para sobrevivir nos seus traballos. Glamour e alfombras vermellas agocharan historicamente a verdade dos chanzos obrigados para trunfar alí onde un casting supuña o paso pola cama do seleccionador. Témolos moi preto porque na nosa contorna as cousas non foron moi distintas e estaban, igualmente, normalizadas, asumidas, agochadas e soportadas como experiencias individuais.

E unha vez máis, confírmase a idea de Kate Millet de que o persoal é político e que nos axudou a identificar o que se consideraba violencia doméstica –particular– como violencia estrutural, de xénero ou machista. Porque non hai casos peculiares que acontecen a unha determinada esposa, noiva, compañeira, na convivencia con torturadores ou mesmo asasinos potenciais. Daquela, coma no caso do Me too, cando as situacións de violencia contra as mulleres están xeneralizadas constitúen unha patoloxía social que precisa de respostas sociais, políticas e xudiciais.

Quen temos o privilexio de pisar a alfombra vermella dos espazos públicos podemos facer un mesmo exercicio de sinceridade e reflexión para compartilo e convivir, sororamente, coas nosas compañeiras de viaxe contra a hipocrisía compracente coa dominación patriarcal.

Por iso, velaquí esta escolma de artigos de opinión que teñen en común unha ollada feminista sobre a sociedade que viviu dacabalo entre a terceira e a cuarta onda do feminismo, no primeiro cuarto deste século.

O movemento Me too foi xa imparable. Aquela manifestación do 8 de marzo de 2017 en Nova York produciu mobilizacións mundiais –con folgas incluídas– e constitúe un fito revolucionario que marcará unha etapa histórica para sempre. Desde o primeiro momento equiparei esta Revolución Feminista á Revolución Francesa polo seu alento remexedor de estruturas, sabendo que a diferencia fundamental entre unha guerra e unha revolución estaba na ausencia da violencia e de armas de guerra por parte do Feminismo, mesmo que o dano maior e as mortes que se contan por millóns desde o inicio dos tempos, no que xa conseguimos que se denominase feminicidio, como propuxera Marcela Lagarde (ou Emilia Pardo Bazán, un século antes, acuñando o termo mullericidio) son mulleres. As vítimas dun holocausto que debe rematar mediante un proceso que só procura a lexitimidade necesaria para un avance civilizador pendente.

Sobre estes asuntos reflexiono decote. Recollo aquí algunhas preocupacións, advertencias e análises publicadas entre 2015 e 2019 en diferentes medios para deixar constancia da ollada da cronista que se sabe, #taméneu, observadora, narradora e protagonista, a un tempo, dun cambio histórico. @mundiario

 

Comentarios