O previsible erro que cometerán En Marea e BNG nas eleccións xerais

pontonvillares
pontonvillares

A existencia de dúas candidaturas nacionalistas galegas de esquerdas, xunto á filopablista -próxima ideoloxicamente a BNG e En Marea-, dará lugar previsiblemente a un novo fracaso electoral do galeguismo socialista.

O previsible erro que cometerán En Marea e BNG nas eleccións xerais

O próximo 28 de abril terán lugar as decimoterceiras eleccións xerais dende a restauración da democracia en España. No noso país están en xogo tres opcións políticas: un goberno socialista en alianza cos distintos grupos contrarios ó réxime de 1978, un executivo PSOE-PSC-NC-CC-Ciudadanos (Cs) ou un tripartito de dereitas (Cs-PP e satélites-Vox). Todo esta aberto.

Dentro do espazo político galego vermello -aparte do PSOE- figuran: a En Marea villarista, a unidade popular filopablista (Anova-IN, Podemos e IU), o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a centrista-progresista Compromiso por Galicia (CxG).

Previsiblemente haberá tres listas de esquerda alternativa galeguista: unha non nacionalista onde predominen claramente as forzas cuxa obediencia está en Madrid, En Marea (como partido de seu) e o BNG. En caso de non haber candidatura galeguista de forzas co centro de decisión en Santiago (é dicir, a En Marea villarista, BNG e CxG), Compromiso -que aposta nitidamente por esta fórmula- posiblemente non se presente ou vaia con algunha das outras dúas organizacións da súa órbita ideolóxica.

Sinalo que parece seguro que vai haber tres candidaturas porque, comezando polos antivillaristas de En Marea, as relacións persoais están moi danadas polos conflitos dos últimos anos e porque a posición dos morados, anovados e de IU de subordinación ó grupo confederal de Unidos Podemos colisiona co desexo do sector mareante estratexicamente máis nacionalista (seguidores de Luís Villares), partidario de que a nosa CC.AA. esté representada por un grupo netamente galeguista sen dependencias de ningún tipo.

Sen embargo, é pouco probable unha alianza entre a En Marea nacionalista e o BNG, xa que as mareas apostan por un formato de candidatura cun partido único, ó considerar que as coalicións fracasaron nos últimos anos. O Bloque, pola súa banda, abre a porta a que na súa candidatura entren persoas galeguistas e de esquerdas non supeditadas a forzas estatais, pero, a diferencia de 2015, os soberanistas non amosan o mesmo entusiasmo en crear unha candidatura sen as súas siglas (lembremos que en 2015 presentáronse como Nós xunto a outras organizacións). Ademais os militantes e cargos do BNG non pensan, de ningún modo, en que esta formación renuncie a presentarse a cambio de que estes se integren nas listas do partido instrumental En Marea para estes comicios.

En vista do carácter pouco proporcional do sistema electoral galego nas Xerais (división en catro circunscricións e necesidade de obter máis dun 5% dos votos para obter representación nas provincias atlánticas e máis dun 10% nas orientais), así como do carácter pouco proclive dos galegos ó rupturismo (o BNG non ten representación en Madrid e En Marea -como coalición- só ten 5/23 congresistas e 1/19 senadores) é previsible que pablistas, villaristas e frontistas non obteñan bos resultados, especialmente en Lugo e Ourense. Posiblemente iso se traduza, en termos electorais, nun voto útil ó PSOE ou nunha maior maximización dos resultados por parte do PP, que posiblemente sexa a primeira forza en algunha ou en todas as circunscricións. Desde o punto de vista psicolóxico-político, esta ineficiente atomización electoral pode traducirse nunha aínda maior decepción política nos sectores nacionalistas e de esquerda rupturista, que poden virar á abstención ou ó PSOE no futuro próximo. @mundiario

Comentarios