A patronal eólica preme para implantar máis parques en Galicia, a cambio de nada

Molinos de viento en Galicia. / Mundiario
Muiños de vento en Galicia. / Mundiario

En Galicia aumentan os parques, pero diminúe e  desmantelan as poucas industrias eólicas desta comunidade, que semella ser "terra conquistada".

A patronal eólica preme para implantar máis parques en Galicia, a cambio de nada

Días pasados presentouse, dirixido pola patronal eólica, o que denominan un movemento colaborativo para “impulsar a enerxía eólica en Galicia e en toda España” e cumprir os obxectivos do chamado Plan Nacional de Energia y Clima (PNIEC). Persigue  5.000 novos megawatts (MW) de eólica no territorio galego ate o 2030, a maiores dos 4.000 MW que xa temos.

Curioso que argumenten que o reto eólico do Plan do Goberno  é pasar do 23% actual da electricidade consumida  ao 35% no 2030, cando hoxe a eólica galega  sobrepasa con moito eses obxectivos. No 2020 xerou o 57,3% do consumo galego e no 2021 o 55%.

Unha vez máis vemos un movemento das empresas eólicas que consideran Galicia como “terra conquistada” e  pretenden intensificar a exportación de electricidade que xera cando xa manda fora  a terceira parte da electricidade total. A patronal eólica  búrlase dos galegos e di  que busca “la escucha, el diálogo  y la divulgación”. 

No ano 2021 o 96,9% da enerxía que consumimos na Galiza era renovable e xerada aquí. No 2020 xa nos puidemos autoabastecer con renovables e mesmo a xeración en renovable era maior  que a demanda eléctrica galega. No ano 2019 o 88% do consumo eléctrico galego abastecíase con renovable. Cantos países poden dicir o mesmo? Precisamos intensificar a eólica co pouco que aporta ao país? Como se xustifica a reconversión industrial da eólica  aquí?

A eólica terrestre

O Estado asignou hai anos a Galiza o papel de  produtor e exportador de electricidade para abastecer zonas deficitarias (Madrid, País Vasco, ...), si antes era en base a enerxía da auga e os encoros, hoxe  intentan amplificar a situación co bombeo e as megabaterias eléctricas (asi teñen desculpa  para prorrogar concesións  que caducan ) , tendo ademais o hidróxeno verde en carteira. Na actualidade  están “desbocados” coa enerxía do vento e  proxectan 5000 MW en novos parques eólicos,  cando os 4.000 MW de potencia eólica que temos representan o 14,6% da eólica do Estado, cunha  xeración que equivale ao 16-19% da produción peninsular, cando por poboación, territorio, nivel de vida.... corresponderíanos pouco máis do 5%.

O negocio eólico apura e dispersase entre as eléctricas como Iberdrola, Naturgy, Greenalia, Endesa, Acciona..., os fondos de pensións, inversores estranxeiros, grandes bancos do Estado (BBVA, Santander, Caixabank...) como da ouleada de estranxeiros (estadounidenses, alemáns, italianos, austríacos...) que chegan a España para financiar renovables e obter xugosos e rápidos beneficios.

Pola contra a eólica apenas aporta ao país, aquí queda moito menos do 5% dos beneficios que exportan  as eléctricas para Madrid, País Vasco, Italia... e nin sequera queda a industria asociada,  din que no Estado o sector  eólico emprega a 30.000 persoas.  Cantos temos na Galiza?.

Aquí  comprobamos que en Galicia aumentan os parques, pero diminúe e  desmantelan as poucas industrias eólicas desta comunidade (peche en multinacionais como Vestas, Siemens -Gamesa... ). A eólica terrestre non serve para mellorar a economía do país, tampouco para ter tarifas especiais que abaraten a electricidade. Nin xeran emprego aquí, nin fixan poboación no rural ...  pero pola contra  xera notables e diversos impactos (paisaxístico; xeomorfolóxico; sonoro; destrución de hábitats, endemismos, xacementos arqueolóxicos,.. )  O impacto chega co trazado de novas pistas, tendido de novas liñas eléctricas ...

En definitiva Galiza non debe nin pode admitir novos parques eólicos terrestres nestas condicións, podería estudar o repotenciamento en algúns aproveitando infraestruturas existentes  pero debe camiñar  cara  o desmantelamento  progresivo dos  parques que se asentan na Rede Natura e correxir errores do pasado.

Enerxía eólica en Galicia. / Mundiario
Enerxía eólica en Galicia. / Mundiario

A eólica mariña e outras alternativas teñen que cumprir outras condicións

Din que o futuro eólico debe mirar ao mar, a eólica mariña está sen desenvolver pero Galiza ten que  perseguir a prohibición  para parques mariños fixos que irían as rias, litoral e plataforma continental pois terían un impacto  tremendo. Porén existe a eólica mariña flotante  afastada da costa, fora da vista, a 30 ou 50 Km de distancia de terra e ben planificada en zonas acoutadas pode estudarse. A mariña flotante  esixe previamente un  Plan Eólico Mariño que implique a ordenación con instalacións compatibles cos diversos usos - pesca, tráfico, recreo...- e que leve unha industria asociada - industria naval e de compoñentes plataformas, sistemas de amarre, palas, góndolas..-e garantir que esta industria sexa permanente e duradeira. Esta eólica necesariamente debe deixarnos beneficios varios e non poden ser nin remotamente parecidos aos da eólica terrestre. 

Galiza ten que mirar novas fontes renovables  e potenciar a enerxía solar (térmica e fotovoltaica) , so temos 0,36% da nosa potencia eléctrica en fotovoltaica, contamos con 39,95 MW  cando o Estado alcanza xa  6.770 MW. Teriamos que desenvolver enerxías con grandes posibilidades: das correntes mariñas, mareas, olas, xeotérmica, biometano e biohidroxeno  verde das EDAR ... 

Pero non debemos ocultar que a transición enerxética á parte de enerxías renovables necesariamente ten que ir acompañada doutras medidas que se están ignorando: a) maior eficiencia, b) menor consumo de produtos petrolíferos/gas, c) produción alimentaria e industrial de cercanias, d) novos hábitos de consumo menos despilfarradores, e) mobilidade cun modelo de transporte de mercadorías onde o tren estea moi presente, etcétera. @mundiario

Comentarios