Surrealismo no sector eólico de Galicia: pretenden ter máis parques pero menos industria eólica

Parque eólico. / Iberdrola
Parque eólico. / Iberdrola

Aquí instálanse cada vez máis parques eólicos e máis grandes, pero os compoñentes industriais fabrícanse fóra. A Xunta consénteo.

Surrealismo no sector eólico de Galicia: pretenden ter máis parques pero menos industria eólica

En Galicia temos un país rico en diversidade enerxética. Producimos electricidade coas auga dos ríos na hidráulica e no bombeo, co vento na eólica, con gas e carbón importado nos ciclos combinados e nas térmicas, con derivados do petróleo e con residuos vexetais na coxeración e na biomasa ... Na Galiza producimos moito máis do que consumimos, ate o punto que mandamos electricidade  para Portugal, Francia e os mercados de Madrid, centro da Península  e o País Vasco. Tanto que sae fora o equivalente a terceira parte da electricidade que consumimos e algún ano como no 2017  exportamos unha cantidade similar a metade do que  demandamos.

No 2019 o 88% da electricidade que utilizábamos na Galiza equivalía ao total da produción de orixe renovable (eólica e hidráulica principalmente), e exportábamos 6.093 Gwh. No 2020 a produción con renovable era de 18.556 Gwh e o consumo total galego foi de 17.413 Gwh, é dicir os galegos o ano pasado non chegamos a utilizar toda a enerxía renovable que produciamos e aparte exportamos 6.900 Gwh. No 2020 cumprimos sobradamente os obxectivos esixidos  pola Unión Europea  para a porcentaxe de renovables  fixados para o 2030.  

1. Parques eólicos

A eólica  é  unha  das máis importantes  alternativas de enerxía renovable, Galicia foi pioneira na instalación de parques eólicos  a finais dos 80  no Estado e no sur de Europa. Todos din que o o vento que temos  é  de primeira, aquí os muíños eólicos producen máis que noutros lugares do Estado, por eso teñen interese as grandes empresas. Temos  4.048 aeroxeradores en 111 concellos. Na actualidade contamos con case 4.000 MW de potencia eólica  que representa da orde do 14,6% da eólica do Estado e a xeración eléctrica por esta fonte está entre 7-10.000 Gwh/ano dependendo dos anos, o que representa entre o 16-19% da xeración eólica do Estado, cando por poboación, extensión xeográfica, nivel de vida... corresponderíanos menos do 6%.  

A eólica, ela só,  no 2020 produciu 9.992 Gwh e representou o  57,3% da electricidade do consumo galego  e o 18,6% da produción eólica do Estado.

En maos de quen está? Producen impactos? A enerxía eólica está en maos de multinacionais, máis do 60% da potencia actual está en catro grandes: Iberdrola, Endesa-Enel Green Power, Naturgy -antes GNFenosa-, e Acciona. Novas empresas como Greenalia con exconselleiras do Goberno galego no seu consello de administración apuran para posicionarse. Aparte das eléctricas tamén negocian con eólicas  fondos de pensións e inversores estranxeiros e grandes bancos tanto do Estado como da ouleada de bancos estranxeiros (estadounidenses, alemáns, italianos, austríacos...) que desembarcan no Estado e mesmo na Galicia para financiar renovables e obter xugosos beneficios.  

Os beneficios que aportan ao país  é ínfima, entre impostos (Imposto de actividade Económicas, Imposto de Bens inmobles...) , canon eléctrico, licencias ou alugueiros de terreos apenas chega ao 5% dos beneficios que exportan  para Madrid, Pais Vasco, Italia...

As serras e os montes galegos están inzados de aeroxeradores, liñas de alta tensión, pistas forestais. Os  parques  alteran a paisaxe e poñen en perigo non só a flora, fauna e especies endémicas ou protexidas, senón destrúen montes de turba, xacementos arqueolóxicos e asentamentos fortificados da idade de ferro por non citar xa que algúns parques están moi próximos á aldeas e lugares habitados, á lagoas catalogadas, fervenzas ...e ocasionan molestias e impactos. Xa no ano 2009 o 39% da potencia eólica estaba instalada en zonas protexida de Rede Natura e na actualidade algúns parques novos pretenden instalarse tanto en zonas protexidas e áreas da Rede Europea Natura 2000 como en zonas que estaba previsto ampliar a esta Rede.  

A Xunta de Galicia está sempre coas eólicas, defendeas ate o extremo que os tribunais como TSXG son os que obrigan ás administracións públicas a cumprir co seu deber de preservar os espazos naturais protexidos e defender os intereses colectivos fronte os intereses privados das empresas eléctricas que só busca o rédito económico, como sucedeu no parque da Serra do Iribio en Samos, Lugo. 

Os impactos son xerais, xa no 2020 os veciños de Santa Comba, Outes, Negreira, Ordes, Mazaricos, Ponteceso, Samos, Triacastela..e outros  denunciaron que a lexislación actual favorece a implantación de muíños por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións.

2. A industria eólica

Cando afirman que os parques van crear postos de traballo e frear o despoboamento, por experiencia sabemos que non é verdade. Só xeran emprego na fase de construción quedando logo un mínimo persoal de mantemento que atende varios parques, senón que llo pregunten ao concello de Muras en Lugo que ten 20 parques e 381 aeroxeradores e so ten 4 ou 5 postos de traballo na eólica. Si tiña case 2000 habitantes cando se inaugurou o primeiro parque  na actualidade non chega a 700  e deles so 60 son menores de 25 anos. 

A industria asociada tampouco é para nós, a fabrica da multinacional  Vestas  en Chavin, Viveiro con 115 traballadores  que fabricaba xeradores e paneis de control de turbinas e a fabrica de palas de Siemens-Gamesa As Somozas con 215 traballadores pechan no momento eufórico das eólicas que pretenden instalar centenares de novos parques sen importar  impactos. 

O territorio de Galicia e de España sigue sendo un mercado clave para as empresas  Vestas e Siemens, pero despiden aquí e van  abrir novos centros en Portugal.  Vestas  empresa danesa queda no Estado con 2.200 traballadores , e a alamana Siemens  queda con  4.400 traballadores pero pechan fábricas  na Galiza e nin a Xunta nin o Goberno do Estado logran impedilo, por qué será?

Que nos interesan máis: os  parques ou a industria asociada ao eólico? Estamos asistindo a “parques na Galiza  e industria noutros lugares”.  Neste ano  perdemos 330 postos de traballo na industria eólica,  onde están as  fábricas   de compoñentes eléctricos dos aeroxeradores, das multiplicadoras e engrenaxes, das torres, das palas, das góndolas ou  nocellas, dos motores, onde os necesarios  e imprescindibles centros de Investigación e Desenvolvemento...?.  Siemens-Gamesa  queda con fábricas  en Xaén, Zaragoza, Asturias, Cantabria, Albacete, Burgos, Soria,Valencia, Madrid, Navarra, Guipúscoa e Biscaia e Vestas sigue con fábricas e mantemento en Barcelona, Andalucía, Castilla-León e Castilla-La Mancha ... Ao principio, nos 80, cando fomos pioneiros,  instalaban  algunha fábrica para  a  produción eólica,  agora péchanse e lévanse a outros lugares.

Alternativas

As serras e os montes galegos non poden ter cada vez mais  aeroxeradores, de maior potencia e máis altos, non poden aumentar as liñas de alta tensión, as pistas forestais e o estrago na paisaxe  e nos restos arqueolóxicos e culturais do país. Nade dúbida de que as renovables son a alternativa si se fai ben e participamos dos beneficios, pero non é este o caso. Galiza sigue no punto de mira das eléctricas. En maio  estaban tramitándose pola Xunta 50 novos parques e en carteira 200 solicitudes  que sumaba 7.200 MW,  case o dobre de potencia do que temos en funcionamento  e no Ministerio en Madrid existían outros 32 novos parques en trámite para Galicia con  2.500 MW máis , todos buscan sitio  aquí.  A moratoria temporal proposta polo Goberno galego xa non vale, so vale a moratoria definitiva e a busqueda doutras alternativas mesmo mirando ao mar .

En  Galicia nas rías e no litoral na estreita plataforma continental a nade se lle debe ocorrer instalar  eólica mariña fixa, a  prohibición de instalar parques de eólica fixa  en profundidades baixas é acertado. Pero  existe na actualidade a posibilidade doutra eólica, a  eólica mariña flotante de profundidades que supera centenares de m,  afastada da costa, fora da vista, a 20, 30 ou 40 Km de distancia de terra ou incluso máis, xa experimentada en decenas de lugares de  Europa. A eólica flotante en zonas acoutadas pode ser a alternativa á eólica terrestre e os impactos que a terrestre produce. Chega unha superficie como a do concello de Fonsagrada no mar,  pouco máis de 400 km2 para que un parque eólico  teña unha potencia equivalente a metade de toda a potencia  que temos en terra. 

Claro que non se poden cometer os  mesmos erros que se cometeron na eólica terrestre. Ten que existir un Plan de Ordenación de instalacións no mar que compatibilice os usos - pesca, tráfico, recreo...- . Precisamos ter unha industria asociada - industria naval e de compoñentes plataformas, sistemas de amarre, palas, góndolas..-e garantir que esta industria sexa permanente e duradeira. Necesitamos participar na economía e beneficios ( fins sociais) deste gran recurso .  A industria naval galega  está preparada – xa traballa Navantia en Ferrol neste campo para parques flotantes doutros países- e pode apuntalar o desenvolvemento desta tecnoloxía  con plataformas, sistemas de amarre, fabricación de compoñentes...  O futuro eólico está no mar.

Aparte temos outras fontes  como a  fotovoltaica, que en Galiza representa unicamente o 0,36% da nosa potencia eléctrica e so temos 39,95 MW  cando o Estado alcanza xa  6.770 MW.  As posibilidade da solar en Galicia non son peores que as posibilidades solares de países como Alemaña  ou outros paises centro europeos ou do norte. Non nos discrimina o sol, discrimínanos a política oficial. @mundiario

Surrealismo no sector eólico de Galicia: pretenden ter máis parques pero menos industria eólica
Comentarios