O PNV e Rueda
Ben polo PNV, un partido que ten especial habilidade para ocupar o espazo político (ocupar o teu espazo político é conditio sine qua non para triunfar en política, lembro que me dixera hai anos Josu Erkokera no Congreso, e agora o PNV ten choio abondo a ese respeito co excelente desempeño de EH Bildu durante os últimos tempos a lle disputar a hexemonía). Mal por Alfonso Rueda, que desaproveitou unha magnífica oportunidade para marcar perfil político propio, non do PPdeG, senón de Galiza.
Refírome, claro, á recente proposta formulada polo lehendakari Urkullu para unha reinterpretación da Constitución española de 1978. En esencia, o que propón é encher de contido real a distinción que a tamén coñecida como Carta Magna estabelecía entre “nacionalidades” (evidente eufemismo de nación) e “rexións”. E ese contido real non pode ser outro que o de aceitar que unha nacionalidade é un suxeito político merecente de tal nome, isto é, un suxeito soberano disposto a partillar soberanía (xusto o que fai o Estado español coa UE).
A mágoa é que a evolución desde 1978 non foi nesa dirección, senón xusto na contraria, na do café para todos, na de tratar igual os desiguais, na de as rexións considerar calquera avanzo das nacións como un privilexio (o cal é basicamente absurdo -aquelas chorando porque estas conseguen cousas que aquelas non demandan-, alén de inconstitucional, pois a sedicente Lei Fundamental distingue entre unhas e outras).
Á marxe de ser unha proposta interesante do punto de vista do PNV (ocupar o espazo político propio, fixar posición, etc), éo tamén por ser perfectamente viábel no curto prazo. E no curto prazo é onde imos vivir os próximos anos e non estaría nada mal ir dando pasos cara adiante, sen por suposto fechar ningún horizonte futuro. É, no mínimo, un asunto para falar. Unha iniciativa que non é tan fácil de rexeitar por parte dos sectores progresistas do Estado.
Se nin sequera son capaces de acordar unha reinterpretación (máis ben unha interpretación correcta) do texto sacro de 1978, si que teríamos que chegar á conclusión de que o Estado español é irreformábel (á conclusión de que a actual Constitución si é irreformábel chegou hai ben tempo Javier Pérez Royo e esa vén sendo a nai do año do non resolvido conflito territorial español).
E que dixo Rueda sobre o asunto? Pois basicamente o mesmo que os presidentes rexionais. A matraca de que calquera acordo non xere desigualdades. Esa postura colócanos nunha posición de inferioridade política a respecto de Catalunya e Euskadi. É penoso que por nós como nación fale Urkullu e non Rueda. Non queremos máis competencias? Non queremos máis poder político (e non esquezamos que máis poder político sempre equivale a máis control dos recursos propios)? Que privilexios nos outorga a suposta igualdade que se invoca desde Monte Pío? É un privilexio non dispor de soberanía fiscal? Éo non poder fixar unha tarifa eléctrica propia? Éo non poder actuar sobre a AP? Éo non xestionar directamente os fondos da UE? Éo a pesca galega non ter representación directa en Bruxelas? En que consiste ser nacionalidade para o PPdeG?
Felizmente Rueda non é toda a política galega. Felizmente estamos en 2023. Felizmente en 2024 hai eleccións ao Parlamento de Galiza. @mundiario



