Non hai 'crise' de man de obra: hai falta de condicións laborais e de salarios dignos

Billetes de euro.
Billetes de euro.

Hai elementos de intervención que non dependen nin do mundo do ensino, nin da Administración, nin dos servizos de orientación laboral, pero sí das empresas.

Non hai 'crise' de man de obra: hai falta de condicións laborais e de salarios dignos

Despois da crise das materias primas e da enerxía, nas últimas semanas estase a falar dunha suposta ‘crise’ de man de obra en sectores como o metal, o transporte, a hostalería ou a construción, entre outros. Nun país como o noso, con máis de 152.000 persoas rexistradas como demandantes de emprego, resulta chocante esta afirmación. En distintos foros tentouse dar resposta a tal contradición do noso mercado laboral, identificando responsables tan diversos como a falta de adecuación entre a formación e a inserción laboral, a insuficiencia de recursos do servizo público de colocación, a emigración da mocidade, etc.

Sen dúbida, este fenómeno é unha anomalía e nel concorren causas diversas. Non obstante, pouco se fala dunha moito máis terreal e esencial: os salarios e as condicións de traballo.

Convenios como o da construción, a hostalaría ou o transporte da provincia de Pontevedra manteñen táboas salariais con categorías cuxo soldo base está bastante por baixo do salario medio, xa non digamos do mínimo! E a estas baixas retribucións súmanse, tamén, as malas condicións de traballo que se dan en moitos casos.

Como exemplo, hai só uns días presentamos publicamente as conclusións dun exhaustivo estudo que detalla a situación no comercio e as penosas condicións ou incumprimentos que se detectan: falta de respecto ao descanso semanal e diario, problemas para a conciliación da vida familiar e laboral, cadros de persoal mal dimensionados e sobrecarga de traballo, horas complementarias non remuneradas, abuso da contratación temporal ou da xornada a tempo parcial, etc.

Por moi esencial que sexa un sector, por moi necesario que sexa para a supervivencia da propia sociedade, ninguén quererá traballar nel se non fai posible planificar un proxecto de vida digno.

Se facemos un símil utilizando os termos «oferta» e «demanda», poderiamos dicir que unha parte do empresariado deste país non acaba de decatarse de que, se quere ‘colocar’ o seu produto, teno que facer atractivo. Coas condicións que oferta, non hai ninguén que o queira comprar.

Seguir incidindo na competitividade das empresas a base de baixos salarios é, ademais de suicida para o país, unha mediocridade que só nos levará a quedar no vagón de cola dos países que representarán no futuro algún papel relevante.

A comezos do verán, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, pouco sospeitoso de ser un radical de esquerdas —aínda que calquera o poida parecer a carón do seu antecesor—, calou as protestas de boa parte do empresariado do país ante as incipientes queixas pola falta de man de obra. «Pagádelles máis», exhortou o mandatario estadounidense. Unha mensaxe tan breve coma contundente.

Como dicía ao comezo, sen dúbida este fenómeno obedece a causas plurais, pero hai elementos de intervención que non dependen nin do mundo do ensino, nin da Administración, nin dos servizos de orientación laboral, pero sí das empresas. @mundiario

Comentarios