DE BOLINA

Mr. Scrooge, Grinch e outros xeitos lúcidos de ollar o Nadal

Navidad en Vigo. / Mundiario
Navidad en Vigo. / Mundiario
Disque os que non festexan o Nadal padecen o síndrome de Grinch, que significa que odian esta época de ledicia, paz, amor e bos desexos. 
Mr. Scrooge, Grinch e outros xeitos lúcidos de ollar o Nadal

Velaí veñen as datas de Nadal que, por moito que manteñan o nome, non son nin de lonxe, as da celebración cristián senón outra cousa que, adaptada aos tempos de hoxe, volve aos costumes de antes de Xesucristo. Tornan estes días ao ser de seu, precristián, cando, por exemplo na época romana, festexaban as saturnais -Saturno era o deus da agricultura- que conmemoraban o solsticio de inverno, o crecemento das horas de sol, o remate do traballo agrario e que estaban marcadas por diversións, banquetes e un certo desenfreo sexual. Eran festas relacionadas coa principal actividade económica desa época, a agricultura.

Hoxe volvemos ao mesmo: tamén honramos á principal actividade económica, no fondo ao sistema bancario e aos fondos de inversión. Substituímos Saturno por Mercurio ou Hermes. Porque a mensaxe cristián, que durante estes últimos dous mil anos no Nadal pediu paz, fracasou e a Igrexa nada fixo para que triunfase porque bendiciu demasiadas guerras e sempre proclamou acción de gracias a carón dos ganadores. Agora mesmo vence o capital e mentres se canta Noite de Paz o mundo fala de fabulosas inversións en tanques, mísiles, artillería, bombas, municións, drons, defensas antiaéreas... e ferve en guerras. U-la paz?. Ninguén cre as mensaxes das panxoliñas que repiten as megafonías nas zonas comerciais alumeadas por millóns de ridículas luciñas.

Así que cando neste Occidente de cultura cristián deberiamos sentirnos mensaxeiros e adaís da paz, a realidade é que estamos transformados en peóns, servos, engrenaxe da economía. Escravos. De xeito permanente, pero especialmente desde o Blackfriday ata pasados Reis, somos elementos necesarios para manter o negocio do gran capital en pé: hai que comprar, regalar, comer, festexar; e desexar paz, felicidade e boas festas. Todo con agarimo e sorrisos.

Ai, que felices somos no Nadal!. Vaia calote. Se non actúas así, transformaraste ou naquel Mr. Scrooge dunha película dos 70, baseada nun conto de Dickens, ou permitirás que te sinalen pola rúa alcumándote dos da casca amarga. Eu son deses: non soporto o Nadal, non encaixo na montaxe destes días; non quero ser parte desa maquinaria perfecta para dar réditos a non sei quen; nin que me conviden a ceas e a comidas, aínda que me doa. Non o quero cando todo é mentira.

Son da casca amarga, porque cada ano que pasa a diferencia entre o que se di e o que se fai é maior. Todo é unha falsidade para facernos crer que a felicidade está no consumo. Iso de ser da tona agre significou moitas cousas ao largo dos séculos: primeiro foi ser camorrista, despois progresista ou liberal; no século XX, conservador; e agora mesmo ser de carácter difícil, dos que exhiben amargura onde outros ven ledicia.

Amosarse da cacha aceda no Nadal, empeza a ser necesario se pensamos que nos obrigan a facer un paréntese ficticio na nosa vida durante eses quince días nos que debuxemos un ricto de alegría para despois volver á realidade. Por exemplo co dereito universal á sanidade pública en crise; cos soldos da xente insuficientes para satisfacer as súas necesidades; seguindo a ser un fato de ridículos pendentes de móbiles que custan meses de salario; sen residencias nin atención no domicilio bastantes para a xente maior, particularmente nas aldeas; sendo sabedores de quen perde cos prezos da enerxía, pero non quen gana -ou si-; co sistema bancario escravizándonos; dobregándonos ao coma, beba, compre, gaste, consuma, consuma, consuma para ser feliz.

E somos tan guiadiños, tan boa xente, que antes venerabamos a agricultura dos grandes terratenentes e agora ao consumo do gran capital. Non me diga lector: como non vou ser da casca amarga?. @mundiario

Comentarios