Mil primaveras lilas para o xornalismo galego

Xornalistas galegas en Vigo. / Twitter
Xornalistas galegas en Vigo. / Twitter

A xornalista e investigadora Social Belén Puñal sinala novos retos e perigos na abordaxe da violencia contra as mulleres nos medios de comunicación

Mil primaveras lilas para o xornalismo galego

Neste 25-N o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia renova o seu compromiso coa mellora do tratamento informativo da violencia machista e pon en valor o carácter pioneiro da Declaración de Compostela. En 2004 máis de 70 xornalistas e axentes sociais asinaron este documento, no que se suliñaba a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero e se ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria.

Catorce anos despois daquel compromiso colectivo, unha das redactoras da Declaración reflexiona sobre a súa repercusión a petición da xunta de goberno do CPXG. A xornalista e investigadora Social Belén Puñal sinala novos retos e perigos na abordaxe da violencia contra as mulleres nos medios de comunicación e celebra o máis importante logro destes anos: a cada vez maior conciencia feminista entre a profesión, (co nacemento de novos colectivos como Xornalistas Galegas).

Na web do Colexio de Xornalistas poden atoparse a Declaración de Compostela e outros textos de referencia no tratamento informativo da violencia machista como Informa_Dor.

A catorce anos da Declaración de Compostela

Mil primaveras lilas para o xornalismo galego

Van aló xa unha boa morea de anos. Foi un 16 de outubro de 2004 cando o Colexio de Xornalistas, a través do seu Observatorio de Medios, organizaba no Instituto Galego da Información unhas xornadas que reunirían, non só xornalistas, senón tamén avogadas, médicas, psicólogas, académicas, responsables de Centros de Información á Muller, profesionais de casas de acollida, asociacións feministas, colectivos de mulleres que sufriran violencia machista ou mesmo xuízas ou fiscalas.

Uns meses antes chegara ao Colexio unha carta do CIM de Caldas de Reis en protesta pola cobertura que fixeran os medios dun xuízo por violencia de xénero a unha veciña da zona. Sufrira malos tratos por  parte de quen fora a súa parella e, dous anos despois daquilo, víase exposta ao público, descritas ao detalle na prensa as denigracións que tivera que vivir tal e como foran relatadas no xuízo. Aínda que o seu nome non fora desvelado, a foto do agresor, publicada coa nova, delatábaa tamén a ela ante a súa contorna próxima. Era unha mostra da revitimización que lles tocou vivir a moitas mulleres: primeiro ao ter que contar todo unha e outra vez ante policías, avogados, xuíces ou xuízas. Logo, ao ver exposta a súa identidade nos medios.

Aquel sábado do mes de outubro fora un día intenso, realmente intenso, pola cantidade de persoas alí presentes, polas ganas que tiñan de falar, pola enerxía xerada ao verse reunidas ao fin nun mesmo espazo e ao redor dun tema que, todas elas, dende os seus múltiples ámbitos de actuación fronte á violencia machista, viñan observando con preocupación: o rol dos medios de comunicación. Apenas houbera tempo para descansos. Semellaba que o día non abondaba. De aí naceu a declaración de Compostela, que foi aprobada ao final desa xornada.

Poida que, se a día de hoxe aínda se segue falando da Declaración de Compostela, sexa pola cantidade de enerxía depositada naquel día por todas aquelas persoas, na súa gran maioría, mulleres, mais tamén algún home cómplice, como Luís Álvarez Pousa, entón director do Observatorio de Medios e impulsor da iniciativa. Revelouse como unha necesidade, ou máis ben un imperativo, aquel documento que recollía once recomendacións para unha abordaxe comprometida da violencia machista dende os medios de comunicación. Partía dunha premisa básica: a consideración da violencia machista como unha violencia estrutural, nacida da desigualdade, e con múltiples facetas, da que o maltrato físico no ámbito da parella é só unha parte, o cume visible do iceberg.

Mágoa que o compromiso e as ganas de facer de todas aquelas profesionais e colectivos logo non se replicaran nos directivos dos medios de comunicación. Si había profesionais comprometidas mais non tiñan o mando e non se acadara o grao de concienciación nin a capacidade organizativa que hoxe en día fan posible o que daquela era difícil de imaxinar: as xornalistas galegas unidas nun músculo común, baixo unha mirada abertamente feminista e cun claro compromiso coa introdución da perspectiva de xénero na información.

Nos anos vindeiros organizáronse novas xornadas e encontros, obradoiros de formación e tamén investigacións nas que se quixo comprobar se a declaración de Compostela era ou non seguida polos medios de comunicación. ¨Coñecen a Declaración de Compostela?¨ “Non¨, respondéronnos en máis dunha ocasión nas redaccións. ¨Non se estará a crear discriminación co só feito de falar de que existe discriminación machista?¨, chegaron a preguntarnos nalgún deses obradoiros.

Os resultados das investigacións realizadas en 2007 e 2008 en colaboración co seminario de Comunicación de Xénero da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela amosaban que os sucesos seguían a ser o enfoque predominante, que non se identificaban como violencia machista outras facetas, como as violacións e abusos sexuais, que quedaran fóra do espazo demarcado polo maltrato no ámbito da parella, que se seguía acudindo ao morbo e que mesmo nalgún caso mesmo se identificaba de maneira indirecta a vítima. Servira para algo a Declaración de Compostela? A pregunta de novo retumba cando se ve a cobertura dada a casos como o asasinato de Diana Quer, no que a moza foi unha e outra vez culpabilizada, ou na violencia simbólica que agocha tralas burlas ás mulleres que destacan en ámbitos como o político.

Hoxe máis que nunca queda comprobado un compromiso, e un afán por exercer a profesión coas lentes lilas sempre postas que hai unha década estaba só a agromar. A Declaración de Compostela foi un deses gromos, que axudou a nomear e identificar o problema, que apuntou as responsabilidades dos medios na loita contra o mesmo, que formou e contribuíu a concienciar.

Hai moito por facer, pero tamén hai logros importantes. A conciencia conseguida nas profesionais do xornalismo para loitar contra o machismo nos contidos e no día a día nas redaccións é un berro de esperanza cara ao futuro. Mais tamén hai novos retos: non chega co compromiso das profesionais, urxe o compromiso de quen toma as decisións, dos responsables dos medios, e uso o masculino xenérico porque acostuman a ser cargos masculinos.

E, non o esquezamos, hai tamén novos perigos. Cada época de avances feministas implica novas labazadas reaccionarias. Dende volver poñer o foco na ¨utilización¨ dos asasinatos machistas como estratexia de venda con envoltorio morboso, especialmente tentadora en momentos de crise para a prensa, até caer na afiliación das liñas editoriais ao combate activo contra a loita polos dereitos das mulleres, enlamándoos como “ideoloxía de xénero”.

En todo caso, hai algo que para min é realmente esperanzador. Que haxa xornalistas con  compromiso feminista evitará caer no silenciamento que acalou as voces das mulleres ao longo da historia. Pase o que pase, as e os xornalistas que teñen incorporadas as lentes violetas daran fe. Ferramentas como a Declaración de Compostela axudaron e axudarán a iso, a contar a realidade sen os veos do discurso sexista que, por natural, pasa desapercibido. A non silenciar. Por mil primaveras lilas para o xornalismo galego! Belén Puñal, integrante do equipo que redactou a Declaración de Compostela.

Comentarios