O megaproxecto do cobre en Touro

Vecinos disfrazados con calaveras se manifiestan en Touro contra la reapertura de una mina de cobre. / La Sexta
Veciños disfrazados con calaveras maniféstanse en Touro contra a reapertura dunha mina de cobre. / La Sexta

Unha vez mais temos a vista un proxecto dunha Industria de rapiña dun modelo industrial colonial, propio do século XIX, pero non de hoxe.  Un proxecto contaminante e onde os custos sociais recaerán na nosa sociedade.

O megaproxecto do cobre en Touro

Unha vez máis un proxecto mineiro convulsiona o noso país, a antiga mina de cobre en Touro é de novo punto de mira dunha multinacional que busca en Galicia un beneficio alto, claro e rápido, como  si estivéramos no século XIX. Trátase de obter unha materia prima codiciada no mercado mundial, o cobre, e pretenden transportalo e transformalo lonxe de aquí, explotando a mina o tempo mínimo imprescindíbel  –14-16 anos– que lle permitirá obter case medio millón de toneladas de cobre.

Creará uns poucos  postos de traballo temporais, e unha inxustificábel expropiación de terras agrícolas e forestais. Perforará a terra en dez grandes ocos, algún terá mais de 200 metros de profundidade. Provocará  unha nova e gran contaminación química que se vehiculizará na conca do Ulla en dirección as Rías, amais de contaminación do aire, afección a rede fluvial, afeccións a pozos de abastecemento de auga das aldeas próximas e as zonas de dominio publico hidráulico. Necesitará auga en abundancia dado do seu alto consumo (mais de 2,2 Millóns de m3/ano) e serán imprescindíbeis grandes balsas ou presas  de até 81 m de alto para os lodos e estériles, e  máis unha balsa de emerxencia... e ao final  se non se desborda ou rompe algunha balsa de residuos como sucedeu  en Aznalcóllar, cerca de Sevilla, no ano 1998  ou en Hungría no ano 2010, sempre quedará unha paisaxe lunar e, mesmo cos precedentes coñecidos, veremos na zona grandes buratos cheos de auga que agora chaman “lagos artificiais”.

Moitos pregúntanse onde está no proxecto a industria transformadora do cobre, que require menos inversión, sempre menos contaminante, que consume menos auga e que demanda máis postos de traballo  permanentes, e tamén preguntan onde está o  beneficio social que como país obtemos  coa mina e cales son os custos sociais.

Unha vez mais temos a vista un proxecto dunha industria de rapiña dun modelo industrial colonial, propio do século XIX, pero non de hoxe.  Un proxecto contaminante e onde os custos sociais recaerán na nosa sociedade, no noso país,  un proxecto  do que temos bos exemplos na minería de anos atrás,  antes  explotou o ouro, ferro, chumbo e zinc, wolframio... na actualidade continúa co seixo da serra do Pico Sacro,  magnesio das terras do Incio,  caolín do norte de Lugo e A Coruña ...   sempre enriquecemos a outros.  A historia repítese: os  proxectos lixo obteñen abundantes materias primas, son exportadas e transformanse lonxe de nós, os grandes beneficios sempre para as multinacionais  e a contaminación e degradación dos ecosistemas para nós. 

Vexamos a continuación en síntese quen é o interesado en explotar o cobre de Touro, que proxecto trae e algúns dos argumentos dos técnicos da Xunta ao analizar o proxecto. Quizá despois de ver estes tres apartados  moitos se expliquen  porque decenas de miles de persoas nos manifestamos en Santiago esta semana pasada nunha das maiores movilizacións no país.

O proxecto

A multinacional chipriota Atalaya Mining que cotiza na Bolsa de Londres e está participada por un xigante suízo de materias primas – Trafigura- , unha empresa metalúrxica china – Yanggu Xiangguang Copper- e dous fondos de inversión  -Liberty Metals and Mining e Orion Mining Finances- , realizou a finais do ano pasado unha ampliación de capital a que acudiron solícitos os catro principais accionistas co fin de inverter e ampliar a explotación actual de cobre de Riotinto en Huelva para chegar a producir 55.000 t de cobre/ano e a vez prepararse en plans de futuro con proxectos e inversións para extraer cobre en Touro-O Pino no ano 2022 e para extraer zinc en Cantabria .

Datos técnicos

Atalaya Mining por medio de Atalaya Riotinto Minera  a principios do 2017  alcanzou un acordo con   Explotaciones Gallegas  empresa titular dos dereitos de explotación  do térreno mineiro de Touro e presentou  un proxecto   como principal accionista  baixo a denominación de Cobre San Rafael ,S.L. para extracción de cobre en mina a ceo aberto por perforacións e voaduras  en bancos de traballo de 10 m de altura e tratamento in situ do material extraído. Ocuparía 689,65 hectáreas (ha) nos concellos de Touro e O Pino. Tería dez ocos ou frontes mineiros ( seis cortas principais: Arinteiro, Vieiro, Monte das Minas, Arca,  Bama e Brándelos e catro cortas satélites) , ocos que ocuparían  150 ha, sendo dous deles de mais de 30 ha cada un e de 195 e 210 m de profundidade. 

Amais contaría con dúas grandes presas  ou balsas para conter  74 Millóns de metros cúbicos de materiais , unha, a primeira, impermeabilizada para lodos e estériles da planta, tería 3,19 km de lonxitude  pechada por un dique de 81m de altura ocupando unha superficie de 126 ha. Unha outra  presa - ou depósito- con  2.806 m de lonxitude e 55 m de altura máxima, con entullos xeradores de drenaxe ácido. Esta,  formaríase a partir de dous ocos da explotación contiguos entre si  (un deles de 35,8 has e 265 m de profundidade que ocuparía 95,1 ha) cunha capacidade de almacenaxe de entullos de 69 Millóns de toneladas. 

Figuran no proxecto outras construcións: balsa de emerxencia de 706 metros cadrados de superficie, oficinas, laboratorio, naves -talleres e almacéns- tres depósitos de gasoil  (100 m3) , aparcadoiro, entulleiras temporais de inertes, planta de tratamento de augas...

Pretenden extraer 422.885 t de cobre ao longo de 14 anos e precisa un movemento de terras de 267,1 Millóns de toneladas das que 102,7 Millóns serán de mineral cunha media de 0,41% de cobre, e o material estéril será de 164,3 millóns de t . O ritmo diario de extracción será de case 22.000 t/ día. O consumo de auga  alcanzará :2.250.000 m3/ano

Os Informes técnicos sectoriais da Xunta

1. Informe do Xefe de area de Sanidade Animal 13/09/2017. (Consellería de Medio Rural)

a) Localización do proxecto . “Trátase dunha zona especialmente gandeira, onde a realización de actividades  mineiras pode repercutir negativamente na gandeiría”.

b) Terrenos. “A expropiación de térrenos das granxas orixinan perdas de superficie gandeira para produción de forraxes, aumentando os gastos de produción e comprometendo a viabilidade das granxas”.

c) Granxas. “As explotacións próximas  poden ver afectada tanto no subministro como a calidade da auga da que se abastecen, ao producirse a destrución dos acuíferos que alimentan os pozos de subministro e a contaminación química derivada da disolución e arrastre dos diferentes compostos químicos na auga da chuvia”.

d) Contaminación. Fai  fincapé na contaminación do aire polo arrastre de pos  procedentes da trituración  e transporte e da problemática das explosións e voaduras para o benestar indicando a posibilidade de intoxicación por cobre na gandaría.

2. Consellería de Sanidade. Dirección Xeral de Saúde Pública. 14/11/2017.

Informa de múltiples irregularidades, entre elas:

Non se identifica  o tamaño e características da poboación potencialmente afectadas polo proxecto, nin se fai unha avaliación detallada do consumo da auga, nin se documentan os abastecementos. Non se fai unha avaliación dos posibles contaminantes ao aire nin do ruído. Falta avaliar debidamente : a) as medidas a aplicar  para evitar a contaminación das drenaxes neutras pero metalíferas e das augas ácidas , b) os posibles materiais radioactivos naturais que podan aparecer asociados co cobre ( Uranio, Torio, Radio e produtos da sua desintegración, como Radón) e que poden quedar expostos e concentrarse  nos residuos mineiros e nos lixiviados. Tampouco se aporta información sobre os procedementos de avaliación do risco de liberación ao medio dos produtos químicos engadidos.

3. Informe da Xefatura Territorial de A Coruña,  Servizo de Montes : 6/02/2018

a) A posta en explotación  da mina . “Supoñería un evidente prexuízo  de carácter permanente para os propietarios das explotacións forestais que constitúen  o uso principal das terras afectadas”.

b) Uso do solo. ”Unha explotación a ceo aberto constitúe un uso non contemplado  na lexislación sectorial aplicable ao solo rústico de especial  protección forestal.

4. Conclusións do Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural ( C. Medio Ambiente). 24/04/2018.

 a)  “Destaca a ausencia de plans concretos de medidas de continxencia ante situacións con perigo  sobre persoas e o medio ambiente.

 b) Coa documentación achegada non se pode facer unha análise nen avaliación precisa  sobre os efectos sobre o Patrimonio Natural e a Biodiversidade.

c) Son destacables as referencias na documentación en relación a existencia dun risco moi alto para as poboacións e medio ambiente.

O servizo  de Conservación da Natureza de A Coruña e Augas de Galicia informan que:

- Da avaliación realizada chama a atención  a escasa entidade que se asigna aos impactos sobre a hidroloxía, hidroxeoloxía e calidade de augas.

-  proxecto resulta por enriba de todo salientable pola sua magnitude, polas dimensións de ocos e polos volumes de residuos a tratar.

- A principal problemática ambiental  desta explotación radicará nos efectos dos estériles xerados , as augas utilizadas e en garantir que os lixiviados non se transfiran ao sistema hidrolóxico superficial e subterráneo.

- Bótase de menos un análise de risco, que avalíe os posibles escenarios de emerxencia.

Augas de Galicia  considera inaxeitados os desvios de  regos e canles propostos e afirma que a documentación do proxecto resulta  insuficiente e non axeitada para poder emitir , en base a ela, unha correcta valoración de todas as posibles afeccións que causaría a execución  do referido proxecto sobre o medio hídrico.

Necesitamos máis? @mundiario

Comentarios