O IV Foro Abanca Responsable centrarase na economía circular

Francisco Botas. / Mundiario
Francisco Botas. / Mundiario

O conselleiro delgado de Abanca, Francisco Botas, abrirá a xornada de traballo na que se dará a coñecer o concepto de economía circular e analizaranse algúns casos de éxito en Galicia.

O IV Foro Abanca Responsable centrarase na economía circular

O Pazo de Iñás acollerá este venres 25 de maio a cuarta edición do Foro Abanca Responsable, que se presenta baixo o título ‘Economía circular. Retos, iniciativas e inspiracións’. O conselleiro delegado de Abanca , Francisco Botas, abrirá ás 10.30 horas a xornada de traballo na que participarán un centenar de empresas galegas.

O encontro, organizado pola Obra Social Abanca , ten como obxectivo dar a coñecer o concepto de economía circular e mostrar exemplos de iniciativas galegas de éxito neste ámbito. En concreto, compartirán a súa experiencia no marco deste foro Sogama, empresa pública autonómica ligada á política ambiental; Revertia, compañía viguesa centrada na reutilización e/ou reciclaxe dos residuos xerados nas organizacións, e Agroamb, empresa lucense dedicada á valorización dos residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola.

O programa previsto para a xornada inclúe tamén un breve relatorio sobre os desafíos ambientais aos que se enfrontan as organizacións na actualidade e o marco normativo europeo e nacional que regula este ámbito, así como unha dinámica de grupo para profundar na materia e favorecer o intercambio de coñecemento entre os asistentes.

As diferentes actividades que se desenvolverán ao longo do encontro teñen como fin último que os participantes poidan mellorar a xestión que realizan nas súas empresas, así como inspirarse para pór en marcha novas accións e liñas de negocio no ámbito da economía circular.

Esta será a cuarta sesión de traballo no marco do Foro Abanca Responsable, creado pola Obra Social Abanca  en novembro de 2016 co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da responsabilidade social empresarial (RSE) en Galicia a través do fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas da comunidade.

Acordo de Abanca coa Deputación de Lugo

Abanca e a Deputación de Lugo asinaron o acordo de renovación do Plan Activamos correspondente ao exercicio 2018. Grazas a este acordo, as empresas, as familias e as corporacións locais da provincia de Lugo disporán dunha nova partida de 21 millóns de euros en financiamento en condicións preferentes enfocado ao desenvolvemento socioeconómico.

A firma do acordo tivo lugar na sede da Deputación en Lugo, nun acto que contou coa presenza do presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, e o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de Abanca, Liño Comesaña Calvo.

“Coa renovación desta colaboración, o que pretendemos dende a Deputación é dinamizar a economía da provincia. Trátase dunha iniciativa coa que axudamos a que concellos e empresas poidan acceder a financiamento co que desenvolver proxectos que redunden na mellora da calidade de vida dos nosos veciños, que é o noso principal obxectivo”, explicou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.

“Un ano máis, as familias, as empresas e as corporacións locais da provincia de Lugo teñen á súa disposición unha ferramenta para mellorar os seus estándares de benestar e competitividade, en condicións preferentes e con diversas fórmulas deseñadas para adaptarse a usos específicos”, sinalou o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de Abanca, Liño Comesaña.

Desde a súa creación en 2014 o Plan Activamos supuxo a formalización na provincia de Lugo de 2.886 operacións de financiamento en condicións preferentes respecto das estándar do mercado, mediante as cales se inxectou un total de 72,5 millóns de euros.

A través do Plan Activamos Abanca pon a disposición das empresas, as familias e as corporacións locais diferentes produtos financeiros adaptados ás súas necesidades. Son características comúns a ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.

As empresas e autónomos dispoñen de financiamento para a posta en marcha de novos negocios, a realización de novos investimentos, a creación de emprego, a mellora da eficiencia enerxética e as necesidades de circulante. As familias poden solicitar financiamento para o uso de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación de equipamento tecnolóxico, o desenvolvemento formativo e profesional, a adquisición de vehículos eficientes e a rehabilitación de vivenda habitual no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

Para este ano 2018 o Plan introduce como novidades o incremento dos importes máximos financiables e o aumento dos prazos de amortización nalgunhas modalidades.

Desde a creación desta iniciativa en 2014, Abanca inxectou en colaboración co catro deputacións provinciais galegas máis de 500 millóns no tecido produtivo e social da comunidade autónoma. @mundiario

O IV Foro Abanca Responsable centrarase na economía circular
Comentarios