De escuro arume arpado

Ana Pontón. / BNG
Ana Pontón. / BNG
Xornalistas que levan moitas millas no lombo de caravanas políticas aseguran que no ambiente percíbese unha ilusión nunca vista, e que a onda na que vai na súa crista Ana Pontón semella imparable, aínda que pode morrer perfectamente na beira.

Non me negarán que esta campaña electoral das galegas ten compoñentes nunca vistos no país dos mil ríos, que fan pensar a máis de un, que algo está a pasar por primeira vez...

Un partido marxista con mensaxes transversais de súpeto, con serias aspiracións de gobernar nunha terra tradicionalmente conservadora, un partido de goberno durante décadas ao máis puro PRI mexicano, que dá bandazos comunicativos impensables en outros tempos, e un PSdeG aceptando ser comparsa... en pleno entroido.

Mentres os fontaneiros da “nécora” e de “Génova” decidiron españolizar a campaña das galegas, o BNG dedicouse a falar –-por sorprendente que sexa para algúns–, de Galiza. Seguramente pensar que as amnistías dan réditos en lares afastados das terras payesas levou ao PPdeG a deixar de selo por momentos, e converterse nun partido con proclamas políticas que poderían valer exactamente igual para Albacete. Alfonso Rueda, que é unha persoa mil veces máis empática que Feijóo, veuse en medio dun bucle perigoso, que o sitúa no limiar dun susto electoral que non agardaba.

Nos cenáculos políticos galegos coméntase, case de xeito unánime, que as campañas do PSdeG e do PPdeG deberon ser deseñadas polos seus inimigos, e que os socialista de facto renuncian a liderar un próximo goberno alternativo aos conservadores, deixando en mans do nacionalismo pontonés a posibilidade dun cambio no que so serían un apéndice. Curioso xeito de facer política...

O PP en calquera caso é unha forza mergullada no máis fondo da nosa estrutura social, e mudar determinados hábitos da poboación non será fácil. Ademais observamos como hai unha nova xeración de mozos e mozas que se senten próximos aos de Rueda, cando en outros tempos os apoios de mozos e mozas eran maioritarios cara formacións progresistas. Iiso si, nos mitins do BNG, xornalistas que levan moitas millas no lombo de caravanas políticas aseguran que no ambiente percíbese unha ilusión nunca vista, e que a onda na que vai na súa crista Ana Pontón semella imparable, aínda que pode morrer perfectamente na beira.

E que vai pasar o domingo pola noite? Pois moi claro... a día de hoxe importantes dirixentes do PPdeG  din a quen lles quere escoitar que firman ter os 38, e penso que nestas circunstancias sería un éxito, a pesar do que debería dar lugar ao PP a reflexionar e pensar porque o galeguismo moderado que durante décadas os apoiou, comeza a mirar cara outro lado, mentres que para o BNG vender coma satisfactorio medrar en votos e escanos, para simplemente liderar a oposición, sería o recoñecemento de que pensan que máis non se pode facer, cando están advertindo que estas eleccións son decisivas para o que vai pasar na próxima década.

O PsdeG debe comezar a pensar que quere ser politicamente de maior,  se o proxecto de Besteiro ten percorrido ata 2028, ou ten que vir da capital lucense unha nova faciana para ilusionar a medio prazo, mentres Yolanda Díaz, que está pasando de puntillas pola campaña galega ante o previsible fracaso de Sumar, seguirase dedicando a restar e dividir, mentres Ana multiplica. Cadaquén elixe as operacións matemáticas que van mellor co seu ADN político.

Ou non? @mundiario

Comentarios