DE BOLINA

De emérito e de meretriz

Juan Carlos y Corinna zu Sayn-Wittgenstein. / Mundiario
Juan Carlos e Corinna zu Sayn-Wittgenstein. / Mundiario
“Emérito” vén sendo un participio de “emerire”. O curioso da etimoloxía é que de merere tamén vén meretriz. Vaites, vaites, que cousas.
De emérito e de meretriz

O rei Juan Carlos, pode que mal aconsellado, decidiu marcharse, é de supor que temporalmente, de España. As razóns están, parece ser, en preservar o prestixio da Monarquía. Pero, ademais, retiráronlle fondos económicos e funcións de xeito que ata nin emérito se lle pode chamar e, legalmente, non sendo en cuestións honoríficas e de aforamento, non conserva outro estatus coñecido que o de cidadán de a pé.

A palabra “emérito”, desde a renuncia de Benedicto XVI no 2013 e da abdicación do rei de España en 2014, é de plena actualidade. Antes empregábase nos ámbitos académico, xudicial e eclesiástico para profesores, maxistrados ou bispos que proseguían a súa actividade unha vez superada a idade de xubilación. Sen que estea recollido en ningures legalmente, ao ex rei de España adxectivóuselle como “emérito” e, sen necesidade de máis nada, sabemos que nos estamos a referir a el.

Desde a abdicación daquel xuño de 2014, diversas investigacións xudiciais, novas de prensa derivadas de indagacións de índole económica, declaracións dun policía na cadea e gravacións, supostas, a unha muller do ámbito de amizades do emérito, veñen pondo en cuestión a actividade privada do ex rei. El non está procesado e pode que non poida estalo nunca pola interpretación maioritaria, e tan discutible, que se fai do artigo 56.3 da Constitución -A persoa do Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade- se é que eses feitos dos que se fala foron cometidos mentres exerceu como monarca.

Producto da súa época

Juan Carlos I no ámbito público foi, seguramente, un bo representante do Estado pero no privado parece un produto da súa época: cos case corenta anos do seu reinado coincidiron moitos avances políticos e sociais; o Estado español transformouse completamente no social, económico e político de xeito que España rexenerouse nun Estado homologable aos europeos. Non quere dicir que os avances dependesen del -faría o mesmo pael un presidente da República- porque el non gobernou, limitándose ao seu papel institucional, do que foron parte os seus discursos moralizantes, aos que tamén resulta afeccionado o sucesor. Pero tamén coexistiu coa lacra da corrupción arraigada desde a etapa anterior na clase dirixente, especialmente na política. Ademais, este home soporta as súas propias vivencias: nado no exilio, acollido en Portugal, sen oficio nin riqueza coñecidas, ten que ter pavor ao futuro propio e dos seus porque é coñecedor de que ao réxime monárquico sempre se lle achacará a orixe franquista. Pode que iso, desde un punto de vista humano, o levase, se é que o que se di é certo, a prever economicamente a posibilidade dun novo exilio. Iso non quere dicir que resulte ética nin legalmente xustificable se, como se di, dispón de fondos económicos privados no estranxeiro, sen, polo menos, contribuír por eles.

Exercicio frío das facultades da Monarquía

Desde o seu punto de vista a esta situación persoal non lle axudaron as decisións, certamente crueis, do actual rei que non deixa de actuar friamente en defensa do seu status, pondo a seu pai aos pés dos cabalos porque renunciar á herdanza futura -non renuncia á calidade de rei, tamén herdada-, retirarlle as escasas funcións e, dalgún xeito, convidalo a un novo exilio, vén sendo un recoñecemento tácito contrario á presunción de inocencia, que, non obstante, formal e legalmente, Juan Carlos de Borbón conserva. Curiosamente, neste plano económico, non sabemos se os bens adquiridos polo ex rei teñen, ou non, natureza ganancial, nin sabemos se a renuncia de Felipe VI á herdanza futura de Juan Carlos, que é nula xuridicamente, inclúe, ou non, a participación que, no seu caso, pertenza a dona Sofía de Grecia.

De rei a cidadán, pasando por emérito

Juan Carlos I no 2014 puxo fin ao seu reinado voluntariamente e, conforme á Constitución, transmitiulle por herdanza a Corona ao seu fillo varón. Abdicar significou renunciar á realeza. Nunha primeira e breve etapa o herdeiro encargoulle algunha función e asignoulle fondos dos orzamentos da Coroa. Pronto lle foron retirados sen piedade e, de seguido, viuse na obriga de fuxir, supoño que temporalmente, porque non hai razón legal algunha para que non volva -que retornará, e pronto-. E, como digo, renunciar é prescindir dos dereitos, facultades e obrigas da Coroa e, polo tanto, converterse nun cidadán simple, sobre todo despois de que se lle teña retirado calquera exercicio vinculado á Coroa; neste caso, agora é un xubilado máis; de ser un primun inter pares pasou a ser un máis. É dicir: desde o 2014 Juan Carlos Borbón e Borbón deixou de ser rei, como ratificou a Lei Orgánica 3/2014, asinada tremente por el. Produciu un efecto curioso, que foi o de proclamar un rei diante das Cortes democráticas, quen, por primeira vez desde 1978, prestou xuramento de gardar a Constitución. Así que o señor Borbón e Borbón, transformouse pola abdicación nun cidadán do común, con dúas prerrogativas: a primeira, estar aforado no Tribunal Supremo e a segunda, por graza dunha simple norma regulamentaria, asinada  por el mesmo, que calquera Goberno que queira pode modificar, dispor do título vitalicio pero simplemente honorífico, de rei. Só honorífico. É un xubilado, libre, cos mesmos dereitos, incluída a presunción de inocencia, e obrigas que calquera. Por moita historia que leve nos hombreiros e fixera, ou non, grandes servizos ao Estado. Non sería mala cousa, deixalo tranquilo, por respecto humano, e que responda do que faga falta, se resulta o caso.

A denominación de emérito

E, por máis, penso que agora tampouco se lle pode denominar “emérito” porque tanto o dicionario da RAG como o da RAE, manteñen o matiz de que un emérito continúe a exercer parcialmente a súa actividade. Neste caso xa non é certo, polo que non deberiamos seguir adxectivándoo como tal, porque, con crueldade ou sen ela, quitáronlle tódalas funcións. Se consultamos o Dicionario Etimolóxico Corominas, vemos que esa palabra deriva da latina “merere”, “emérito” vén sendo un participio de “emerire”, que se aplicaba a quen gañara un retiro ou rematara un servizo. O curioso da etimoloxía é que daquel merere tamén vén meretriz. Vaites, vaites, que cousas. @mundiario

Comentarios