DE BOLINA

Das pemes, da pandemia, do presente e do futuro

comercios
O pequeno comercio xera 7 de cada 10 postos de traballo a nivel global.
A ONU estableceu en 2017 como Día Internacional das Microempresas e das Pequenas e Medianas empresas cada 27 de xuño.
Das pemes, da pandemia, do presente e do futuro

Un dos efectos da Covid-19 foi o incremento do consumo online, abafante actualmente, e a consecuente caída das compras e das prestacións de servicios de carácter local. Xa era unha tendencia dos hábitos de consumo antes desta peste, pero consolidouse axudada coas sucesivas medidas gobernamentais adoptadas por razóns sanitarias.

Os efectos económicos finais desta pandemia están por ver, porque os exercicios de 2020 e 2021 aínda non empezaron a plasmar os efectos destrutivos que, ademais, dependerán de que se acade redirixir o consumo cara aos comercios e aos profesionais locais, particularmente aos das periferias. Unha tarefa descomunal, tanto do consumidor, fascinado polas facilidades de Amazon, Zalando e demais multinacionais, como dos comerciantes e profesionais do entorno, para os que a calidade e o trato directo non parecen avais suficientes. Esa tendencia implicaba e implica que os beneficios derivados do fluxo económico do comercio e dos servicios produzan riqueza moi lonxe de onde se xera o consumo: é dicir: este xeito de consumir deslocaliza os beneficios.

27 de xuño, día clave

A Asemblea Xeral da ONU decidiu no 2017 establecer o Día das Microempresas e das Pequenas e Medianas Empresas (MIPEMES) cada 27 de xuño e este ano indícanos que na crise do coronavirus os principais afectados economicamente no sector privado son estas MIPEMES. O triste desta propensión do consumo a través das multinacionais está en non dármonos conta de que contribuímos ao haraquiri da economía local, que é, en realidade, a economía de cada un de nós.

Os datos son elocuentes: as MIPEMES representan no mundo máis do 90% de todas as empresas e ofrecen o 70% do emprego total e o 50% do PIB. É obvio, ademais, que as expectativas de emprego nas nosas contornas de provincias non están nas multinacionais do consumo, senón nestas pequenas e medianas empresas, maiormente autónomos, que son os principais xeradores de postos de traballo porque crean sete de cada dez novos empregos. Así que esas pequenas e medianas empresas, as microempresas, os autónomos, os profesionais locais, conforman un sector económico que non é calquera cousa para o noso ámbito e, polo tanto, non se acaba de entender esa tendencia suicida de fuxirmos do consumo nos comercios e nos servicios de carácter local.

Este ano a ONU fainos ver a importancia destas entidades que representan no mundo o 90% das  empresas, ofrecen o 70% do emprego global, producen o 50% do PIB pero son as máis afectadas pola pandemia 

As multinacionais non adoitan crear empregos localmente

Deámonos un baño de realidade: cantos empregos crean na comarca esas multinacionais ás que mantemos converténdonos nos seus clientes e nas que consumimos ata compulsivamente?. Trátase dun efecto que fai que a economía non sexa circular, no senso de que non se reverten inversións ou beneficios onde se xenera o gasto. Ademais, como nos lembra a ONU, as MIPEMES son as únicas que poden ser motor dunha recuperación equitativa e sostible. Por iso temos que pensar no futuro.

A nivel global en dez anos vai ser imprescindible crear seiscentos millóns de novos empregos para absorber a crecente forza laboral mundial. Quen vai crear esas ocupacións?. Non van ser as multinacionais. Producirán eses empregos os autónomos, as pequenas e medianas entidades, actualmente dalgún xeito desprezadas por nós mesmos e faltas de axuda e de facilidades polos sucesivos gobernos.

Botémoslle unha ollada á contorna: hostalería, comercio e industrias pequenos, profesionais, prestadores de servizos. Aí están a fortaleza e o futuro. Non parece previsor que cada un de nós non fomentemos os negocios e os servizos prestados localmente, coa nosa forza como consumidores. Polo noso propio porvir abramos os ollos. @mundiario

Comentarios