A crise da CEG: anécdota ou categoría?

José Manuel Díaz Barreiros. / La Región
José Manuel Díaz Barreiros, ex presidente da CEG. / La Región
Esta situación de acefalia na CEG alimenta dúas tendencias moi nocivas para o mundo empresarial galego.
A crise da CEG: anécdota ou categoría?

A enésima crise rexistrada no seo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) suscita unha lóxica sorpresa e abre diversos interrogantes de cara ao futuro.

Que haxa diferenzas de criterio entre as persoas integrantes dunha determinada organización forma parte dos hábitos propios dunha sociedade aberta e pluralista. Cando -como é o caso do que ven sucedendo na CEG- esas diverxencias manteñen unha notábel continuidade no tempo (até o punto de ficar na interinidade o propio funcionamento dalgúns dos órganos representativos desa asociación) podemos afirmar que estamos ante unha verdadeira anomalía que requiriría explicacións convincentes por parte dos distintos responsábeis implicados.

Colocados nun plano teórico, é necesario considerar que a CEG non é unha entidade menor. Está chamada a ostentar a representación do tecido empresarial galego para contribuír á inevitábel interlocución con outros grupos organizados no ámbito económico, social ou político. Que algunhas grandes empresas galegas veñan practicando un voluntario distanciamento desta entidade porque entenden que dispoñen de ferramentas propias para negociar cos distintos poderes institucionais, non explica -nin moito menos xustifica- a incapacidade para estruturar plenamente unha agrupación na que se sintan integradas esas empresas de pequena e mediana dimensión que conforman a grande maioría da realidade económica galega. 

Esta situación de acefalia na CEG alimenta dúas tendencias moi nocivas para o mundo empresarial galego. Por unha banda, reforza a pulsión localista, tan característica nas elites galegas dende o remate do réxime franquista. A pesar de que a existencia das institucións de autogoberno (Parlamento, Xunta) dende 1981 estableceu, no ámbito galego, novas canles de comunicación e negociación con todo tipo de entidades xurdidas no seo do tecido social, hai algúns sectores que seguen priorizando os marcos locais ou provinciais, co dano reputacional indirecto que iso provoca ao propio sistema deseñado no vixente Estatuto de Autonomía.

Pero é que, ademais, a carencia de interlocutores solventes na CEG propicia o medre das lóxicas clientelares nas prácticas desenvolvidas dende a Administración autonómica. Sempre resultará mais tentador para os xestores das axudas públicas utilizar o criterio da afinidade política ou ideolóxica se fica desmantelada unha ferramenta representativa que sexa quen de actuar con criterios de racionalidade estritamente económica.

Que a CEG sega no conxelador xa no se pode cualificar como anécdota. Constitúe unha preocupante categoría que revela a urxente necesidade dunha refundación a fondo no asociacionismo empresarial galego que permita afrontar os importantes retos que  ten por diante a economía galega. @mundiario

A crise da CEG: anécdota ou categoría?
Comentarios