A comunidade autónoma de Galicia aporta o 93,7% do orzamento da CRTVG

Alfonso Sánchez Izquierdo. / Mundiario
Alfonso Sánchez Izquierdo. / Mundiario
O orzamento da CRTVG sostense principalmente coas achegas da comunidade autónoma –103,5 millóns de euros– e ingresos que para o ano que vén se prevén de algo máis de 6 millóns.
A comunidade autónoma de Galicia aporta o 93,7% do orzamento da CRTVG

A comunidade autónoma de Galicia aporta o 93,7% do orzamento da CRTVG, segundo se desprende da comparecencia do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento de Galicia, para presentar o orzamento da corporación correspondente a 2021, que se eleva a 110,4 millóns de euros. Na súa intervención, explicou que este orzamento plasmarase na consolidación dun medio de comunicación modernizado e orientado á competitividade  “nun momento no que o cambio se está a acelerar da man dos avances tecnolóxicos e dos novos hábitos de consumo”. Lembrou tamén que a CRTVG mantén unha situación de equilibrio orzamentario desde hai dez anos o que lle permite afrontar o futuro a corto prazo con un horizonte de estabilidade.

O orzamento da CRTVG sostense principalmente coas achegas da comunidade autónoma –103,5 millóns de euros– e ingresos que para o ano que vén se prevén de algo máis de 6 millóns. Entre as grandes partidas de aplicación, o director xeral expuso que o orzamento actuará como motor da innovación –a CRTVG mantén proxectos de innovación dixital en colaboración con Amtega para a súa aplicación no eido da educación– así como “da industria audiovisual galega, coa que manterá unha actividade superior aos 36 millóns de euros”, na liña da mantida neste 2020. Así mesmo, Sánchez Izquierdo sinalou que unha das grandes partidas será destinada á xestión dos recursos humanos da corporación, con case 53 millóns de euros, “cun compromiso de estabilidade e calidade no emprego” e coa aplicación de “altos valores en igualdade desde unha perspectiva de xénero: igualdade de funcións, de retribucións e actuacións”.

O desenvolvemento do servizo público de comunicación no 2021 plantéxase en termos de atención ao consumidor, o espectador, como centro das estratexias e accións da CRTVG, tanto de programación como de conexión e comunicación, co fin de atender á “necesidade de construír confianza e dar resposta axeitada á crecente importancia dos datos.”

“O rigor na xestión” salientou Sánchez Izquierdo “vén aparellado de resultados a nivel de audiencia do que se pode colixir que estamos ante unha xestión eficiente dos recursos que os galegos invisten nos medios de comunicación públicos de Galicia.” Para soster esta afirmación o director xeral da CRTVG expuso os datos do Estudio Xeral de Medios coñecidos este mércores –xa publicados en MUNDIARIO–, nos que, nun contexto xeneralizado de caída de audiencia das radios, “os datos reflicten que a Radio Galega acada un novo máximo histórico con 218.000 oíntes de luns a venres. A Radio Galega é líder cun 31% de share, 4 puntos por diante da Cadena Ser.” A TVG, pola súa parte, sigue a liderar audiencias cun 14,9% de cota de luns a venres e cunha faixa informativa do mediodía por riba do 36% duplicando ao resto de canles da competencia. @mundiario

A comunidade autónoma de Galicia aporta o 93,7% do orzamento da CRTVG
Comentarios