A TVG mantense de líder de audiencia neste final de 2020

Marta Darriba e Fran López Iglesias. / TVG
Marta Darriba e Fran López Iglesias. / TVG
A CRTVG afianzase cos bos resultados de audiencia da TVG e da Radio Galega, que acadou máximos históricos nesta onda do EXM.
A TVG mantense de líder de audiencia neste final de 2020

A Televisión de Galicia (TVG) mantense de líder de audiencia neste final de 2020 e a CRTVG afianzase cos bos resultados de audiencia da TVG e da Radio Galega, que acadou máximos históricos nesta onda do Estudo Xeral de Medios (EXM). O liderado da TVG prodúcese tanto de luns a venres, cun 14,9% de cota, como se se analizan os sete días da semana (14,5% de luns a domingo), e tamén revisando os datos desde finais de 2019 ata este decembro de 2020.

Según informa a TVG, o EXM sinala tamén que na franxa da sobremesa a canle pública galega consolídase como a preferida pola cidadanía para informarse no bloque composto polos espazos Galicia noticias e Telexornal mediodía. Concretamente na franxa do Telexornal mediodía a TVG duplica en audiencia o resto das canles. Entre as 14:30 e as 15:00 a TVG alcanza unha cota do 36,7%, fronte ao 14,5% de La1, 13,3% de Antena 3 e 4,7% de La Sexta.

A TVG na franxa da noite tamén lidera as audiencias, cun valor de 13,5% e superando en 3 puntos de cota o seguinte competidor na franxa, La1 (10,5%). Destacan as audiencias na noite dos luns, nas que media un 19,5%. Por días da semana, nesta última onda cómpre salientar as audiencias dos luns (18,7%), xoves (15,5%), venres (16,3%) e domingos (16,2%).

"Analizando a cota de pantalla en comparación co mesmo período de hai un ano, a TVG mellora a cota en 2,7 puntos de luns a venres, cun incremento do 22,1%. No período de luns a domingo, o incremento foi de 2,4 puntos, cun incremento do 19,8%.", explica a TVG. O dato do EXM 14,5% é superior ao dato de audimetría, para o mesmo período media un 10%, 4,5 puntos de diferenza. En todo a medición de Kantar Media corrobora estes datos ao obter a TVG este pasado mes de novembro o mellor dato histórico dos últimos dous anos.

Desde principios de 2020, e polo impacto da crise sanitaria que estamos a vivir, os medios públicos galegos responderon intensificando o seu labor informativo de luns a domingo, segundo a TVG. Nunha situación "sen precedentes", a Radio Galega e a Televisión de Galicia reorganizaron os seus recursos, técnicos e humanos, "sempre mantendo as medidas necesarias para garantir a saúde dos seus traballadores tanto dentro como fóra das súas sedes". Como servizo público de comunicación, os medios da CRTVG salientan que celebra estes "bos datos" coñecidos hoxe, tanto da RG como da TVG, pero sobre todo “que reflicten o traballo obrigado das canles públicas galegas de televisión e radio nun momento histórico sen precedentes no que se precisa ofrecer un servizo esencial á cidadanía”. @mundiario

Comentarios