Máximos históricos de audiencia na Radio Galega

Pilar Bermúdez. / Mundiario
Pilar Bermúdez. / Mundiario
A emisora pública de Galicia conta con 218.00 oíntes, de luns a venres, e segue a medrar por segunda vez en menos dun ano, segundo o Estudo Xeral de Medios, feito público este mércores.
Máximos históricos de audiencia na Radio Galega

A Radio Galega volve incrementar a súa audiencia e marca por segunda vez en menos dun ano o seu máximo histórico con 218.000 oíntes de luns a venres, segundo a terceira onda do Estudo Xeral de Medios de 2020 coñecida este mércores da que informa a RG. Trátase dun incremento do 1,4% con respecto á primeira onda do ano. De luns a domingo, a audiencia ascende a 201.000 oíntes, isto é un 3,6% máis que na anterior onda. "No contexto da pandemia da Covid-19 e logo de meses de radio innovadora para facer chegar a información á audiencia, a emisora pública galega medra mentres se produce unha caída xeneralizada no consumo do resto de radios en Galicia", comenta a RG. As audiencias tamén melloraron se se comparan co acumulado do ano 2019, cunha suba do 45% e 67.000 novos oíntes. De luns a domingo, o incremento foi do 47%. No que atinxe á terceira onda de 2019, o incremento é de 48.000 oíntes e o 31,7%.

Radio Galega Música acada nesta terceira onda o seu teito de oíntes con 39.000 de luns a venres, o que supón un incremento do 11,4%. A audiencia de luns a domingo tamén experimentou un incremento do 3,7%.

Baixo a dirección de Pilar Bermúdez, a directora operativa da CRTVG con responsabilidades directas na Radio Galega, o grupo de emisoras da RG alcanza unha audiencia total de 255.000 oíntes nesta terceira onda do ano no período de luns a venres, marcando un novo máximo histórico. No conxunto da semana, a audiencia total é de 228.000 persoas, o que se traduce nun incremento do 4,1 por cento con 9.000 oíntes máis.

O programa Galicia por Diante da Radio Galega suma 143.000 oíntes, mantense como a gran referencia das mañás na Radio Galega e suma 18.000 oíntes con respecto a hai un ano. O tramo informativo que dirixe Xosé Valiñas é escoitado cada mañá por 84.000 persoas. O magazine dirixido por Kiko Novoa alcanza os 107.000 oíntes, o que significa 36.000 máis que hai un ano. A sección de humor A Bóla Extra, un programa pioneiro de radio e televisión, mantense por enriba dos 60.000 oíntes.

Os informativos da Radio Galega saen reforzados do EXM deste mes de decembro. Ademais da suba do Galicia por Diante, increméntase a audiencia de A Crónica de Silvia Pereira, con 24.000 oíntes, mentres que a edición nocturna, dirixida por Xosé Luís López Vila, se sitúa nos 25.000 oíntes.

Na fin de semana, o Galicia por Diante dobra a súa audiencia o sábado ata os 76.000 e increméntaa en 5.000 oíntes o domingo ata alcanzar os 66.000. O apartado informativo sobe a súa audiencia en 12.000 oíntes para situarse nos 26.000 o domingo. O magazine dirixido por Victoria Rodríguez alcanza os 78.000 oíntes o sábado e 66.000 o domingo, o que supón unha significativa suba con picos históricos. A Crónica afiánzase como informativo de referencia, con 31.000 oíntes o sábado, 22.000 persoas máis que en abril, e 15.000 o domingo.

O formato de A Tarde, programa magazine dirixido por Antón Rebollido, experimenta un forte incremento de audiencia e marca un máximo de audiencia ao situarse nos 34.000 oíntes.

Na noite da Radio Galega, o espazo Pensando en ti de Marcial Mouzo, programa cuxa esencia é a participación da audiencia, alcanza os 48.000 oíntes, o que significa 12.000 máis que na mesma onda de 2019. O programa de madrugada mantén os bos datos de seguimento na fin de semana, con Viti González.

No apartado deportivo, o Galicia en Goles, dirixido por Xoán Galán, é referente nas fins de semana e mantense estable e o sábado mentres que a edición dominical da mañá chega aos 97.000 oíntes nesta terceira onda do EXM. Na información e análise semanal, Zona Mixta, de Carlos Alonso, consolídase na sobremesa e Ao contraataque de Pedro Pablo Alonso dobra a súa audiencia. Na vertente social, o espazo Convivir deportivo suma 13.000 oíntes.

A programación especializada da Radio Galega experimenta un forte incremento de audiencia segundo a terceira hora do EXM. Os programas de agro e mar da Radio Galega, Ferrado e medio e Mar de ardora, dirixidos por Xusto López Carril, incrementan a súa audiencia ata os 31.000 oíntes. O Diario Cultural nas súas tres edicións diarias de luns a venres alcanza os 101.000 impactos, o que supón unha suba de 5.000 con respecto á terceira onda do EXM de 2019. Na fin de semana, as edicións matinais chegan a 30.000 persoas o sábado e 40.000 o domingo. O novo produto dirixido ao público máis novo Diario Cultural Zeta consegue 15.000 oíntes. @mundiario

Comentarios