Tres anos despois, a economía galega acada os niveis precrise en PIB

O 2022 pecha cun crecemento do PIB do 3,8%. A produtividade na industria segue a ser unha materia pendente. As mulleres e os maiores de 45 anos encabezan a creación de emprego.
Tres anos despois do inicio da crise producida pola covid-19 a economía galega acada os niveis precrise. En contraste, a economía española atópase ainda nove décimas por debaixo. O ano 2022 rexistrou un crecemento do PIB real de preto do 4% (3,8%), por baixo da media española (5,5%), o que significa que a economía español recortou a distancia no proceso de recuperación da fonda recesión de 2020 por mor da pandemia.
Esta é unha das principais conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica de Galicia, que baixo a coordinación de Fernando González Laxe, elaboran os economistas do Foro Económico Patricio Sánchez, Santiago Lago e Francisco José Armesto, que analizan de xeito trimestral o PIB galego e os seus principais elementos.
Os expertos salientan que crecemento do PIB real en Galicia basease fundamentalmente na achega positiva da demanda externa, que contribúe con 3,7 puntos ao crecemento agregado do PIB, o que contrasta co que ocurre no conxunto da economía española, que presenta un crecemento máis equilibrado e unha achega da demanda interna superior á externa 3,1 e 2,4 puntos, respectivamente. Así, tanto no cuarto trimestre como no conxunto do ano 2022, todos os compoñentes da demanda presentan en Galicia un peor comportamento que no conxunto do Estado. En Galicia contráese o gasto en consumo final, fronte ao incremento do investimento. Ao tempo, aumentan as exportacións fronte á contracción das importacións.
En canto á oferta, o sector primario presenta mellores datos que a media estatal: medra un 0,6% fronte a caída do 1,1% en España, donde o sector servizos mantén o seu dinamismo. Cabe salientar a positiva evolución do sector da construcción (0,7%) tras dous anos de contracción. Polo contrario, a industria manufactureira presenta unha contracción dun 0,5%, a diferenza de España (3,8%).
A produtividade en Galicia segue a ser inferior á media española, se ben o diferencial redúcese, situándose preto do 95% da media en 2022, tanto en termos de horas traballadas como postos de traballo equivalentes. Unha das principais eivas da economía de Galicia é a baixa produtividade relativa da industria manufactureira. No último ano sitúase no 69,2% da media española en termos de postos de traballo equivalente a tempo completo e no 72,7% en termos de horas traballadas. A construcción e os servizos son os sectores que presentan unha productividade superior á media do Estado.
O mercado de traballo galego amosa datos agregados positivos atendendo á mellora tanto na ocupación coma na redución da taxa de paro. tanto a ocupación estimada pola EPA como as afiliacións presentan en Galicia un maior crecemento que no ano anterior, o que contrasta coa significativa ralentización dos indicadores de emprego recollidos nas contas económicas. Dunha banda, as afiliacións medran un 2,1% e a poboación ocupada un 1,7%, fronte ao 2% e 1%. Os postos de traballo equivalentes a tempo completo increméntanse nun 2,2%, máis de cinco puntos por riba da media de 2021; e as horas traballadas, un 1,2%, máis de catro puntos e medio. Fronte a estes datos, cómpre mencionar que o mercado de traballo en España presenta un maior dinamismo que o galego nos catro indicadores mencionados.
A creación de emprego concentrase nas mulleres, no sector servizos, persoas de máis de 45 anos e asalariados do sector privado. No extremo oposto, baixa a creación da ocupación por conta propia, asalariados do sector público e no sector industrial e nas edades comprendidas entre os 35 e os 44 anos. En canto ao desemprego, os máis afectados son as mulleres, os menores de 25 anos, os extranxeiros e as persoas con estudos primarios. Cabe salientar o incremento da poboación activa de 25-34 anos, rachándose a tendencia descendente iniciada en 2009.
O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario