Altri: o PP, á defensiva
No asunto Altri, e por vez primeira en moito tempo, o PP xoga á defensiva. Normal, se temos en conta que até bases electorais conservadoras ou cuestionan o proxecto (que falazmente se nos presentou nun principio como unha fábrica de fibras téxtiles, agora sabemos que vai ser unha megacelulosa) ou o defenden coa boca pequena, sen ningún entusiasmo, por pura disciplina.
Se eu fose E.T. e non un xornalista galego, custaríame bastante traballo entender a posición do PP sobre un proxecto industrial que, liderado por capital portugués, non se establece no veciño país, senón no noso. E xusto no corazón dunha das comarcas do rural máis vizosas e desenvolvidas de Galiza. É como se alguén decidise que xa que lles vai ben ímosllo pór difícil, non vaia ser que se veñan moi arriba.
Servidor ten as raíces en Melide e alí o asunto ferve. Un curmán de meu díxome graficamente este día: “Se fose tan boa [a factoría], non a traían para aquí, ho”. O sector produtivo primario –leite, tenreira, queixo– e as actividades secundarias ligadas ao turismo -ao fenómeno xabobeo nomeadamente- saben que van ser moi afectados se o proxecto ir avante.
Como editorializaba este medio, Altri é unha industria altamente contaminante, con niveis de polución que mesmo serían superiores aos de Ence. Lembremos que Ence se deu instalado na ría de Pontevedra durante a Ditadura, un período en que non era precisamente sinxelo oporse aos plans gobernamentais e Galiza carecía de institucións de autogoberno creadas para defender os seus intereses. Sería tráxico que, téndoas teoricamente agora, vivísemos un remake daquilo e se autorizase a implantación dunha megacelulosa no territorio que é o cerne xeográfico do País.
Alén de todo iso, Altri representa unha sorte de capitalismo parasitario do sector público que non é precisamente moderno. Os seus responsábeis teñen dito que o proxecto só se faría se Europa puxese do seu peto a cuarta parte do investimento (250 millóns de euros). Téñase en conta que eses 250 millóns de euros se poderían investir virtuosamente noutras actividades que si fosen presentábeis do punto de vista dunha economía ecolóxica á que debemos aspirar para lidar coas alteracións climáticas en curso. En todo caso, a lóxica de Altri indignaría a Adam Smith e a Milton Friedman. Os panexiristas do capitalismo basean a lexitimidade do sistema (o capital e non o traballo é quen se apropia do excedente, do beneficio) en que son os capitalistas os que arriscan o seu diñeiro. Pois non parece que os donos de Altri teñan moito amor ao risco. Ou hai cuantiosos fondos europeos (aliñados cos 30 millóns do Perte estatal que agora Besteiro anuncia que non virán) ou a marabillosa pasteira non se instalara perto do Río Ulla.
Mas volvamos ao rego inicial: o PP, á defensiva. Tanto que o único que é quen de dicir Rueda é que a Xunta só autorizará o proxecto se este non vulnerar a normativa medio-ambiental. Home, só faltaría! Con todo, os primeiros informes da Xunta seica son favorábeis á megacelulosa. Ora, non nos enganemos: esta non é unha batalla xurídica nin técnica, senón política. Unha batalla en que o PP calculará custos e beneficios.
E por moito que a blindaxe mediática de que goza se esforzase en minimizar a enorme manifestación do pasado domingo, os analistas do PP saben o que pasa neste País cando se producen marchas do tamaño das que se rexistraron durante as mobilizacións convocadas por Nunca Máis: non é posíbel reunir tanta xente se entre ela non hai tamén moitas electoras, moitos electores, do partido no goberno.
O PP xoga á defensiva e non está afeito a facelo. Se a sociedade manter o pulso, Altri non verá a luz en terreos de Palas de Rei, ben pertiño do meu querido Melide. @mundiario



