Un acordo de cidade para o aparcadoiro do CHUS
Nesta nova entrega quincenal en MUNDIARIO continuamos a falar de Sanidade. Non será estritamente sobre a problemática da falta de recursos humanos e materiais, aínda que ben podería selo. Non hai día en que non coñezamos novos casos de persoas con atrasos en intervencións cirúrxicas ou probas diagnósticas. O último o de S.C., un paciente pendente dun transplante de medula, que chega para ingresar xunto coa persoa doadora após unha cita programada con tempo e que ten que regresar ao seu domicilio pola falta de cirurxiá(n)s. Un atropelo aos dereitos máis fundamentais dunha gravidade aterradora.
Hoxe quero abordar o problema que padecemos moitas das 379.717 persoas con tarxeta sanitaria adscrita ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a falta de espazo para aparcar. Un aparcamento privado, o que ten as tarifas máis caras da Galiza, cheo nas franxas horarias de maior afluencia de vehículos; un transporte colectivo que non responde ás necesidades da poboación rural nin dos concellos limítrofes e tampouco ás dos colectivos máis vulnerábeis ou persoas con mobilidade reducida; e unha ampla comarca de doentes que non poden chegar ao hospital a pé. E aí estiven eu, en máis dunha ocasión, –como tantas outras acompañantes de doentes– levando a miña nai ao hospital mais con outra das miñas irmás tamén no vehículo para poder ficar con ela mentres eu ía aparcar. E despois do tratamento volvemos a efectuar a mesma operación. Unha escena que, con diferentes protagonistas, se repite día a día ducias de veces na contorna do Hospital.
O tema é vello, mais sen visos de resolución inmediata nestes momentos pola irresponsabilidade dos gobernos local e galego. Porque a decisión de incrementar a superficie do CHUS nun 30% non veu acompañada pola Xunta de Galiza dun proxecto de ampliación de prazas de aparcadoiro. Como é sabido, a proposta que presentou a administración galega incumpría a ratio que determina o PXOM, 2 prazas de aparcamento por cada 100 metros cadrados construídos, e decidiuse conceder unha Declaración de interese xeral do proxecto para salvar esta deficiencia.
Ese era o momento en que Bugallo debía botarlle un pulso á Xunta de Galiza. Porque xa daquela se coñecía que había outras cidades onde o Goberno galego si abordou o tema do aparcamento, como no CHUAC da Coruña ou en Montecelo en Pontevedra. Mais daquela o alcalde de Santiago optou por calar e non esixir nada. Evidentemente, a ninguén se nos escapa que, sen ser unha administración e para un proxecto como este, ninguén podería edificar nun espazo onde se ultrapasan todos os límites de edificabilidade, algo que aínda se agrava agora coa nova petición para construír o Centro de Protonterapia. Ninguén pon en cuestión que o centro sexa preciso e que significa un avance moi relevante na investigación sanitaria. Por tanto, o apoio para que se poida dispoñer deste novo espazo é claro e contundente. Mais novamente a disxuntiva non pode ser ou o centro ou aparcar. Temos que procurar alternativas e un equilibrio razoábel entre todas as necesidades existentes. E con este novo proxecto non só non se constrúe unha soa praza máis de aparcamento senón que se destrúe unha boa parte das que hai, ao se situar sobre o aparcadoiro do Gil Casares e parte do da entrada no recinto do Clínico.
É o momento de traballar por alcanzar un acordo de cidade
E xustamente neste momento crítico é cando o PSOE e o PP, o Goberno local e o Goberno da Xunta, deciden botar un pulso e non traballar por un acordo urxente. A ninguén se lle escapa que isto acontece porque faltan tres meses para as eleccións e os candidatos do PSOE e do PP son Xosé Sánchez Bugallo (bo amigo de Feijóo e de Rueda) e Borja Verea, este último deputado autonómico que, tras votar ducias de iniciativas en contra dos intereses de Compostela, agora pretende facernos crer que vai facer todo aquilo de que antes renegou.
Que todo este cruce de declaracións mediáticas non é máis que unha escenificación electoral fica claro na resposta do alcalde santiagués nunha entrevista publicada o domingo 26 de febreiro nun medio local. Nela afirmaba que ten a seguranza que haberá “parking” tras as eleccións. E deixaba claro o que é un segredo a voces. Toda esa política máis de submisión coa Xunta que de colaboración e negociación con ela para defender os intereses de Santiago ten unha parada momentánea, unhas semanas antes das eleccións. Casualidade ou causalidade?
Desde o BNG avogamos que este é o momento de traballar por alcanzar un acordo de cidade, coa colaboración conxunta da Xunta e do Concello, para ampliar as prazas de aparcamento que dean servizo ao CHUS e ao novo Centro de Protonterapia. A construción dun aparcamento na parcela do CIMUS incrementaría as prazas mais non é suficiente como solución definitiva.
Cómpre un estudo de mobilidade en toda a zona, polo que a Xunta, en colaboración co Concello e a Universidade de Santiago -que pode contribuír moito na resolución deste importante problema de mobilidade-, debe buscar alternativas reais e comprometerse de maneira inmediata, como fixo nas demais cidades galegas cando ampliou as instalacións sanitarias. PP e PSOE teñen que deixar de botar balóns fóra e de facer cadaquén unha proposta diferente. Se antes a parcela do CIMUS non era boa para o PSOE e o PP propuxo habilitar leiraparkings agora o candidato do PP propón un aparcadoiro en superficie e mañá mudará novamente de parecer.
Precisamos moita menos discusión mediática na procura dun espazo propagandístico e máis traballo conxunto para buscar novas prazas de aparcamento nas inmediacións do Hospital Clínico. Esa será a maneira de que Borja Verea poida desfacer o mal de que é cómplice ao votar en contra dunha emenda do BNG en que reclamaba 2,2 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para 2023 para destinalos á ampliación do aparcadoiro público no CHUS. Trátase dunha das medidas que concita unanimidade social e política, mais que a Xunta non asume e que tanto PP como PSOE están, infelizmente, utilizando como arma electoral. @mundiario



