12-F: o día en que defendemos o dereito a saúde

Manifestación en Galicia en defensa de la sanidad pública. / Xurxo Lobato
Manifestación en Galicia en defensa da sanidade pública. / Xurxo Lobato
Se o 1 de decembro ficou instaurado nos nosos corazóns como o Día da Dignidade, o 12 de febreiro será a partir de agora o Día da Sanidade. Da pública. Da universal. Da que garante a nosa saúde. Da que respecta os nosos dereitos.
12-F: o día en que defendemos o dereito a saúde

Milleiros de persoas (50.000 segundo a organización) ateigaron as rúas de Compostela e levaron a indignación diante dos recortes e o desmantelamento do sistema sanitario público. O seu berro foi un particular Nunca máis, neste caso en positivo. Queremos Sanidade pública. Queremos unha atención primaria con recursos, que recupere as xerencias, que estea dotada de profesionais de diferentes disciplinas (psicoloxía clínica, logopedas, terapeutas, …) e atenda tanto a saúde física como mental. Velaí a única maneira de impedir o colapso dos PAC e das urxencias.

Milleiros de persoas ateigaron as rúas de Compostela porque non acreditan na palabra dun PP que se suma aos aplausos ao persoal sanitario no tempo da pandemia, mais que continúa a súa política de derivacións á privada e os castigos a aquelas persoas doentes que lexitimamente escollen operarse ou realizar unha proba diagnóstica nun centro público. Onde fica esa liberdade tan pregoada? Coa ameaza de pasares ao final da listaxe se non aceptas o que che ofrecen? Coa cita en menos de 15 días nun centro privado e “pode que teña que agardar dous anos” se teimas en elixir a pública? Coñecemos casos de persoas que agardaron case 3 anos para se poderen operar na pública, casos de hernias que, mentres tanto, pasaron de 1,5 centímetros a 16,5 centímetros. 

Con todo, o maior problema é o feito de situar as persoas doentes entre a espada e a parede. Cando se trata de doenzas graves e/ou dolorosas, o recurso á privada non é unha opción que elixas. É o único camiño que escollen por ti. Nun sistema perverso, o desprestixio da pública é fomentado polas propias autoridades sanitarias ao crear listas de espera fantasma e ao non investir cantidades suficientes en recursos materiais nin crear as condicións para que haxa persoas egresadas que elixan Galiza e elixan traballar en Primaria.

Levamos anos denunciando os problemas da Sanidade pública. Con profesionais extraordinarios que sobreviven o día a día en condicións cativas e con persoas que escollen abandonar o país para exercer a súa vocación en lugares en que sexan máis valoradxs e mellor tratadxs. Anos con centros en que non existe Pediatría a tempo completo, como acontece no Centro de Saúde das Galeras, en Santiago de Compostela, cunha pediatra partillada co Val do Dubra e que, polo horario que se ve forzada a desenvolver, acaba repercutindo en dificultar a conciliación a nais e pais das crianzas. Anos cunha única matrona para tres centros, como sucede nos barrios de Conxo, Vite e as Galeras, onde numerosas mulleres teñen que se desprazar para recibir a atención debida e onde unha única profesional non dá feito co cupo de persoas que ten que atender. Tamén nas Fontiñas o servizo de matrona está colapsado e o cupo para a única profesional asignada supera as 10.800 mulleres.

Anos en que as persoas usuarias se ven na obriga de reclamaren á valedora do Pobo, ás veces en varias ocasións, para conseguir ter, por exemplos e en casos que coñecemos, unha cita con rehabilitación despois dunha operación de traumatoloxía un ano despois de seren operadas.

Levamos anos demandando máis recursos para as saturadas Urxencias do CHUS mentres a Xerencia incumpre os compromisos co persoal despois de longas xornadas de folga. 

A falta de efectivos fai que haxa horarios en que hai PAC que só contan cun/cunha médico/a e non teñen enfermeiro/a. Mesmo estiveron pechados algunhas xornadas por non disporen de persoal para atender. Ou lugares tan pouco distantes de capitais, como Santa Comba en que se hai unha urxencia e a enfermeira ten que acompañar unha persoa doente en ambulancia, aqueles/as veciños/as que viñan facer curas (ás veces de moita importancia) teñen que ficar sen elas, volver ao día seguinte ou agardar horas para que lles presten a atención sanitaria a que teñen dereito. 

E servizos hipersensíbeis, en que sempre houbo un trato excepcional (e seino por experiencia) como o Hospital de Día do CHUS están nestes momentos tamén ameazados por decisións políticas que impiden manter a calidade sanitaria doutrora. O colapso no Hospital de Día deriva de non se faceren nin as substitucións nin as contratacións pertinentes. Profesionais de máximo nivel e experiencia fan horas de máis e xubilaranse axiña sen recambio. A falta de recursos humanos xa existe mais irá a peor se non se lle pon remedio axiña. Chegará un momento en que teñamos tratamentos e fármacos de última xeración e non haberá oncólogo ou oncóloga para os pautar. Por non falarmos dos datos que algún día coñeceremos do incremento da mortandade polo atraso nos diagnósticos tras a pandemia e os recortes.

Sabemos ben o que supuxeron para a Sanidade pública os 13 anos de política sanitaria de Feijóo. E é evidente que mentres o PP estea no goberno non vai mudar nada. Que podemos agardar de quen mente, maquilla as cifras ou utiliza a propaganda para frear a resposta masivas contra decisións políticas que matan a xente?

Por iso son tan importantes días como o 12 de febreiro de 2023, momentos especialmente relevantes para a dignidade galega. O PP non ten máis remedio que escoitar as voces dos milleiros que persoas que enchemos Compostela e que queremos algo tan razoábel como garantir o dereito á saúde pública universal. Vainos a vida nisto. @mundiario

Comentarios